O PSOE de Punxín urxe ao bigoberno do PP e CxG a rematar de forma “inmediata” cos problemas de cobertura móbil no municipio

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O PSdeG-PSOE de Punxín urxe ao bigoberno do PP e CxG a rematar de forma “inmediata” cos problemas de cobertura móbil no municipio. Os e as socialistas esíxenlle ao equipo de goberno que deixen de “enganar” á veciñanza con “falsas” promesas e se busquen solucións para rematar “dunha vez por todas” cos problemas de cobertura que existen no municipio.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Dende o Grupo Municipal Socialista consideran que a “desidia” e a “deixadez” amosada ao longo dos últimos anos polos diferentes equipos de goberno, en materia de cobertura móbil, prexudica “gravemente” a unha veciñanza, que tal e como afirman “cada vez está máis farta dos problemas de cobertura e das escusas de mal pagador aportadas polo goberno municipal”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, afirma que “nun momento no que o rural está en auxe e a posibilidade do teletraballo é unha realidade, Punxín está desaproveitando unha oportunidade única para atraer poboación”. Neste senso, a edil socialista tamén subliña que a falla de cobertura móbil “supón unha grave discriminación para a veciñanza de Punxín” e úrxelle ao actual equipo de goberno a que “atalle e resolva a situación sen máis miramentos”.

Peleteiro Vázquez fai fincapé en que no concello de Punxín “existen a día de hoxe fogares dende os que non se pode realizar, nin recibir, unha simple chamada de teléfono”. Unha situación que en palabras da voceira socialista supón que “en caso de emerxencia, estas persoas estean completamente incomunicadas, unha situación que as socialistas nos parece inadmisible en pleno século XXI”.

Dende o PSdeG-PSOE de Punxín lembran que xa fai máis de 4 anos “aprobouse por unanimidade unha moción socialista para rematar con esta problemática e discriminación”, pero tal e como apuntan “o alcalde do Partido Popular e os seus socios non moveron un só dedo para buscar solucións e optaron por promesas e máis promesas, que case 5 anos despois caeron en saco roto”.

“Punxín non pode seguir nin un minuto máis sufrindo os problemas derivados desta eiva, xa que a falla de cobertura móbil impide incluso actuar en casos de emerxencia, causando un gran prexuízo á veciñanza”, apuntan as concelleiras socialistas. O grupo municipal socialista pídelle ao goberno municipal que “se poña a traballar canto antes para executar os acordos plenarios e dar unha solución real efectiva a falla de cobertura”, xa que tal e como indican “non basta con votar a favor, hai que traballar para garantir que o 100% da poboación de Punxín dispoña do servizo de cobertura móbil e de internet de alta velocidade”.