O Psdeg-Psoe de Viana insta á Xunta a que reconsidere a súa decisión e mude o topónimo pexeiros por pixeiros para rematar cunha eiva “histórica” neste núcleo vianés

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Os e as socialistas consideran que o ente autonómico debe amosar “sensibilidade” co sentir da veciñanza de Pixeiros, que segundo afirman “resístense a non poder empregar o topónimo que veñen usando dende fai décadas, causándolles gran irritabilidade”

Germán García-Ávila, voceiro do PSdeG, considera que “non hai dúbida en que o estudo etimolóxico elaborado polo conveciño Juan Antonio Pinza goza de maior consistencia e certeza que o argumentado pola Xunta, a vista dos vestixios romanos na zona”

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Viana do Bolo, 15 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo solicítalle ao concello que inste á Xunta de Galicia a que reconsidere a súa decisión do 21 de decembro de 1994 e que mude o topónimo de Pexeiros polo de Pixeiros. Os e as socialistas consideran que o ente autonómico debe amosar “sensibilidade” co sentir da veciñanza de Pixeiros, que segundo afirman “resístense a non poder empregar o topónimo que veñen usando dende fai décadas, causándolles unha gran irritabilidade ao ver o topónimo incorrecto nos indicadores”.

Dende o grupo municipal socialista defenderán unha moción no vindeiro pleno neste senso, lembrando que o propio concello de Viana, no pleno do 6 de abril de 1995, “opúxose ao cambio do topónimo, trala resolución da Presidencia da Xunta do 24/3/1995”. Os e as socialistas lembran que foi a propia Xunta a través do Decreto 375/94 a que daba conta do cambio de denominación, pasando de Pixeiros, a Pexeiros.

Os e as socialistas explican que esta moción vén motivada polas “reivindicacións da veciñanza de Pixeiros” e ademais apuntan a que existe un argumentario etimolóxico de investigación sobre a defensa do topónimo, elaborado por Juan Antonio Pinza, persoa cunha sólida formación no eido da antropoloxía, investigación histórica e etimolóxica. Pinza enviou no seu día un escrito a Xunta de Galicia, onde amosaba a oposición veciñal a decisión do cambio, expondo un “profundo e descritivo estudo etimolóxico sobre a procedencia do topónimo Pixeiros, facendo referencia a existencia das explotacións romanas na Bouza, parroquia de Pixeiros, onde existen vestixios, asemade das Borreas de Caldesiños”, subliña o voceiro do PSdeG-PSOE en Viana do Bolo, Germán García-Ávila Arias.

García-Ávila Arias considera que “non hai dúbida en que o estudo etimolóxico elaborado polo conveciño Juan Antonio Pinza goza de maior consistencia e certeza que o argumentado pola Xunta, a vista dos vestixios romanos que se atopan na zona”. Neste senso, lembra que os argumentos da Xunta “fan referencia a existencia da árbore do pexego, que nunca existiu na zona, dada a elevada altitude na que se atopa Pixeiros”. Por contra, o estudo de Pinza relata que “as terras das que se obtiñan minerais e metais eran lavadas e posteriormente pisadas e separadas polos obreiros cos pés espidos, aos que se lles chamaba piseiros ou pisoeiros”, apunta o voceiro socialista.

Por todo isto, os e as socialistas de Viana instan ao concello a facerlle chegar a Xunta un novo escrito para que “corrixa” unha eiva que consideran “histórica” e que proceda a adoptar o topónimo Pixeiros, xa que segundo consideran “o cambio do nome é unha decisión de carácter político”.