“Non se comprende que dende o executivo local se leve a contraria con cartos públicos, máis se cabe tratándose de persoas que aínda están a conformar o seu criterio propio”, lamenta a edil do PSdeG Cristina Cruz
“Este posicionamento está máis próximo aos programas electorais de extrema dereita do que dilucidan a maior parte de estudos científicos sobre a materia”, engade a concelleira
Ourense, 22 de novembro de 2023. O grupo municipal socialista critica que o Concello de Ourense vaia na liña contraria á Xunta de Galicia e o Goberno de España en materia educativa con respecto ao cambio climático. “Na actualidade, a loita contra as consecuencias e as causas do cambio climático e o respecto á natureza son algúns dos contidos que se abordan co alumnado en materias como Xeografía e Historia, Bioloxía ou en proxectos competenciais e de modo transversal”, sinala a edil do PSdeG e docente nun centro público, Cristina Cruz.
“Non se comprende que dende o executivo local se leve a contraria con cartos públicos, máis se cabe tratándose de persoas que aínda están a conformar o seu criterio propio”, lamenta engadindo que non é o mesmo deixar que estas ponencias se impartan destinadas a un público adulto, que voluntariamente decida asistir, a que se faga noutros espazos como colexios ou institutos.
Por outra banda, advirte de que xa se empeza a intuír cal é o parecer de Democracia Orensana sobre asuntos tan importantes como o cambio climático e a educación se a nivel institucional se promoven charlas como a impartida polo físico nuclear Jacinto Seara, un home que afirma que o aumento da temperatura non terá ninguna consecuencia, que o nivel do mar non vai subir e que todo forma parte dun negocio.
“Este posicionamento está máis próximo aos programas electorais de extrema dereita do que dilucidan a maior parte de estudos científicos sobre a materia”, remata a edil.