O grupo provincial socialista consegue unha maior xustiza orzamentaria na Deputación de Ourense 33 anos despois

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Grazas á súa abstención no voto, os socialistas sancionan a adopción dun mecanismo de financiamento equitativo para os concellos tras décadas de uso partidista e clientelar dos fondos públicos

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O voceiro Álvaro Vila sobresae a “coherencia política” do seu grupo e rememora “o traballo tantos e tantos deputados socialistas que antes ca nós xa predicaban no deserto un reparto equitativo de fondos”

Ourense, 24 de novembro de 2023. A través da súa abstención na votación en Pleno, o Grupo Socialista na Deputación de Ourense logra a adopción dun mecanismo de financiamento equitativo para os concellos da provincia tras máis de tres décadas de uso partidista e clientelar dos fondos públicos da institución. “33 anos despois, por fin temos xustiza orzamentaria na Deputación de Ourense!“, sentenciou durante a súa intervención o voceiro socialista, Álvaro Vila, en alusión ao período do “baltarismo”, caracterizado pola xestión discrecional e partidista dos recursos por parte dos presidentes Xosé Luís Baltar e Manuel Baltar. “O que hoxe conseguimos é o colofón ao traballo de moitos compañeiros durante décadas cara unha maior xustiza social en Ourense. Porque antes había cidadáns de primeira e de segunda. Porque mentres algúns concellos tiñamos dificultades para tapar fochancas, outros alcaldes, máis afíns, vían sen preocupación como lles asfaltaban pistas e empedraban camiños. Porque uns concellos non tiñamos nada e outros tiñan de todo!”, engadiu Vila.

Os socialistas sobresaíron a súa abstención como una acto de “coherencia política”: un acordo puntual sobre un asunto concreto e non un “cheque en branco” para o grupo de goberno do PP na Deputación de Ourense. “Aínda que cotiza á baixa nos temos que corren, para nós a coherencia política ten todo o sentido e máis aínda cando vai no interese das nosas veciñas e veciños“, subliñou o voceiro do PSdeG-PSOE. Vila agradeceu o traballo de “tantos e tantos deputados socialistas que antes ca nós xa predicaban no deserto un reparto equitativo de fondos”, ao tempo que fixo alusión á andaina reivindicativa ata Madrid que en 2021 protagonizaron representantes electos do PSdeG-PSOE para esixir uns orzamentos xustos na Deputación de Ourense. Para Vila, “é unha esixencia que enarboramos de longo, non reducible á soa vontade do presidente Menor nin deste modesto voceiro socialista. Os fondos pertencen aos concellos e deben estar libres de decisións discrecionais, de dedos autocráticos, existindo a obriga de repartilos xustamente“.

17 millóns de euros para 91 concellos

Alén da racionalización e simplificación de procedementos para a obtención de recursos, a proposta adoptada conformase como un plan de axuda ás administracións locais moito máis ambicioso, que segue criterios obxectivos e capaz de aportar respostas acaídas coas necesidades dos concellos, independentemente da súa cor política, poñendo fin a décadas de uso partidista e clientelar dos fondos públicos. O plan adoptado na sesión plenaria do 24 de novembro toma por base a achega inicial socialista, reflectindo actualizacións anuais para alcanzar no final da lexislatura un 22% do total orzamentario. O pacto acadado entre o PSdeG-PSOE e o grupo de goberno provincial do PP, que é bianual, contempla que se destinen 17 millóns de euros para o plan único en 2024, que se verán incrementados nun millón de euros no exercicio 2025, elevándose a 18 millóns de euros o monto dispoñible para o financiamento dos 91 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e a entidade menor de Berán.

O CooperOu, nome que recibe o plan único consensuado a aprobado en pleno grazas á abstención socialista, toma en consideración os criterios establecidos pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que son superficie, poboación, dispersión e envellecemento. “Certo que non compartimos algúns aspectos dos orzamentos e do plan, que hai cousas mellorables, que aínda temos que acadar, que dependen de modificacións que terán que levarse a cabo, que deberán ser traídas a pleno, debatidas e consensuadas por todos os grupos, pero apostamos pola coherencia e a necesidade de adoptar este cambio estrutural”, subliñou o vicevoceiro socialista, Nacho Gómez. Para Vila, “aínda non é o noso plan ao 100%, pero si é un cambio moi significativo con respecto á situación previa, sendo máis xusto, dotado de recursos suficientes para garantir unha meirande autonomía dos concellos, que a partir de agora disporán dunhas bases certas sobre as que planificar e organizar os seus proxectos“.