Carmen Rodríguez Dacosta reclamalle á Xunta que atenda aos veciños e veciñas afectados polo proxecto de construción dun polígono agroforestal en Castrelo de Miño.

A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, levará unha pregunta oral á Comisión de Agricultura que se celebra mañá martes, a partir das 16,00 h. no Parlamento de Galicia, para reclamarlle á Xunta que atenda aos veciños e veciñas afectados polo proxecto de construción dun polígono agroforestal en Castrelo de Miño.

Achegamos a iniciativa que será debatida mañá.

AVANTAR ACTIVIDADES

Poden seguir a intervención en directo na web do Parlamento de Galicia:

http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/default.aspx

PREGUNTA

Carmen Rodríguez Dacosta, Marina Ortega Otero e Martín Seco García,
deputadas e deputado pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas
de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara,
presentan ante esa Mesa a seguinte pregunta para a súa resposta oral en
Comisión 7.ª, Agricultura, Alimentación, Gandaría e Montes.
En data 13 de agosto de 2022, tras convocatoria pública realizada mediante
unha nota informativa publicada no Concello de Castrelo de Miño, o conselleiro
de Medio Rural reuníase coa veciñanza para explicar o proxecto dun polígono
agroforestal nos montes de Prado de Miño.
Explicaba o Sr. conselleiro, acompañado de técnicos da propia consellería e
exhibindo planos descritivos, que a superficie afectada serían 52 hectáreas,
como recolle a nota de prensa remitida pola propia Consellería aos medios de
comunicación. Ademais comprometíase a convocar outra reunión ao remate da
vendima e manifestaba tamén o compromiso de catastrar os montes e fixar o
prezo mínimo de venda ou arrendamento de parcelas, así como o destino das
mesmas.
Segundo información de que dispón este grupo parlamentario, as veciñas e
veciños do concello afectado non tiveron ningunha noticia máis sobre o tema
que nos ocupa ata que no DOG número 93, de 16 de maio de 2023,
publicouse o Acordo do presidente da Axencia Galega de Desenvolvemento
Rural, Acordo do 9 de maio de 2023 polo que se inicia o procedemento de
aprobación para o desenvolvemento do polígono agroforestal de iniciativa
pública de Prado de Miño. Na publicación amplíase a idea orixinal de
superficie, resultando que as 52 hectáreas orixinais, das que dera conta o
propio conselleiro na reunión informativa aludida, se converten en 160.

Posteriormente, no DOG número 130, de 10 de xullo de 2023, a Consellería de
Medio Rural publica o Decreto 108/2023, do 22 de xuño, polo que se declara
de utilidade pública e interese social o referido polígono agroforestal .
En data 13 de outubro de 2023, publícase o Bando municipal, no que se
informa que nos vindeiros días realizaranse os traballos de información aos
veciños así como recollida de documentación das parcelas incluídas nos
mesmo.
Posteriormente preséntase a empresa encargada dos traballos de investigación
da titularidade entregando un documento as veciñas e veciños afectados,
documento co que non están conformes en ningún caso , polo que reunidos en
asemblea veciñal o 21 de outubro do presente ano acordar rexeitar calquera
actuación encamiñada a posta en marcha do citado polígono agroforestal .
Polo exposto, as deputadas e o deputado que asinan formulan as seguintes
preguntas para o seu debate en Comisión:

  1. Que decisión vai adoptar a Xunta de Galicia, unha vez coñecido o
    rexeitamento das veciñas e veciños afectados polo actual proxecto de
    polígono agrofestal de Prado de Miño, no Concello de Castrelo de
    Miño?
  2. Vai a reunirse, o conselleiro de Medio Rural, de forma inmediata coas
    veciñas e veciños afectados?
  3. Que valoración fai o Goberno galego do rexeitamento por parte da
    veciñanza afectada?
  4. Porque a conselleira de Medio Rural non se reuniu coas veciñas e
    veciños despois da vendima, tal como se comprometera?
  5. Porque o Goberno galego mudou a superficie afectada da orixinal de 52
    hectáreas a publicada de 160 hectáreas?
  6. Coñece a Consellería as cláusulas do documento entregado pola
    empresa encargada dos traballos de investigación da titularidade do
    proxecto?
  7. Está conforme a Consellería con ditas cláusulas?
  8. Cal vai a ser o cronograma das seguintes actuacións en relación co
    polígono agroforestal