O Psdeg-Psoe de Punxín critica o “desleixo” do PP e Cxg, tras votar en contra da creación dun obradoiro de emprego, amosando que a veciñanza non lles importa nada

A iniciativa socialista pretendía servir de “impulso” para un concello no que a falta de emprego “é unha triste realidade” e no que estes recursos poderían destinarse á “recuperación do patrimonio”

Lorena Peleteiro salienta que “estamos ante unha mostra máis do obstrucionismo e a desidia dun goberno que pretende que Punxín siga instaurado no máis absoluto abandono”

AVANTAR ACTIVIDADES

Punxín, 13 de decembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Punxín critica o “desleixo” amosado polo PP e CxG na última sesión plenaria, na que votaron en contra da creación e posta en marcha dun obradoiro de emprego no municipio. As e os socialistas consideran que o bipartito que goberna o municipio “está instaurado no non polo non” e afirman que os intereses da veciñanza de Punxín “non lles importan en absoluto”.

O grupo municipal socialista considera que a decisión do equipo de goberno municipal de non apoiar a creación dun obradoiro de emprego supón un “severo” revés para o futuro do municipio. As concelleiras socialistas poñen de manifesto que ante esta negativa queda claro que o goberno local “non ten ningún interese por potenciar a xeración de emprego, nin por aproveitar estes recursos para mellorar e pór en valor o patrimonio municipal”.

A voceira do PSdeG-PSOE en Punxín, Lorena Peleteiro Vázquez, salienta que “estamos ante unha mostra máis do obstrucionismo e a desidia dun goberno que pretende que Punxín siga instaurado no máis absoluto abandono”. A edil socialista aproveitou a sesión plenaria para afearlles ao PP e a CxG o seu “engano” á veciñanza, xa que tal e como salienta “ambas formacións levaban nos seus programas electorais a creación de obradoiros de emprego”.

Peleteiro Vázquez pon de manifesto que na propia sesión plenaria, “o PP afirmou non levar a creación dos obradoiros de emprego no seu programa, non sabemos se por descoñecemento ou por tratar de xustificar o seu voto en contra a nosa moción”. Ante esta situación, a voceira socialista amosoulles o programa no que se recollía esta demanda.Dende o PSdeG-PSOE de Punxín subliñan que a iniciativa presentada a pleno pretendía servir de “impulso” para un concello no que a falta de emprego “é unha triste realidade” e consideran que a negativa de PP e CxG “non fai máis que afondar na discriminación cara unha veciñanza que quere ver incrementadas as súas posibilidades e garantías de inserción laboral”. As e os socialistas tamén destacan que o voto en contra do goberno municipal supón que “continúe o abandono que sofre o patrimonio de Punxín, xa que non se poderán destinar os recursos dun posible obradoiro para recuperalo”.