Desde a formación nacionalista advirten das graves consecuencias que para o Concello de Ourense está a ter o desmantelamento da Oficina do PERI, entre elas, a perda constante de subvencións para a rehabilitación de vivendas e para o desenvolvementos dos ARIS de Seixalbo e Ourense
Ourense, 16 de decembro de 2023. Se hai un departamento dentro do Concello de Ourense que ao longo dos anos ten amosado a súa eficacia, capacidade de traballo e incidencia directa sobre a veciñanza esa é sen dúbida a Oficina do PERI. Chegou a contar con até 10 traballadoras e traballadores encargados da xestión e tramitación de axudas para a rehabilitación de vivendas en varias zonas da cidade, así como o control, a ordenación e a conservación da zona histórica e do núcleo de Seixalbo.
Coa chegada de DO ao Goberno Local e xa no anterior mandato, desde o BNG lembran que “alertamos en múltiples ocasións que o desmantelamento da Oficina do PERI perpetrado polo Goberno Local estaba e ía a ter graves consecuencias para o Concello e polo tanto para a veciñanza no seu conxunto”.
Luís Seara, Portavoz do Grupo municipal do BNG denuncia que a día de hoxe, e como consecuencia da desidia e do desinterese do actual Rexedor, “o PERI de Seixalbo leva dous anos sen recibir as subvencións para a rehabilitación de vivendas porque o Concello non as solicita”.
Seara sinala que desde o mes de maio, o Alcalde ten enriba da mesa “os documentos técnicos e as bases da convocatoria, redactados en tempo e forma polo persoal da Oficina mais o certo é que a día de hoxe aínda non autorizou a súa convocatoria, feito que nos parece de extrema gravidade”.
Desde o BNG tamén alertan do impago dos ARIS tanto de Seixalbo como de Ourense desde o ano 2022, “así como a non convocatoria dos ERRPs”. No relativo ao PEPOU, Luís Seara sinala unha vez máis que “o Goberno segue sen convocar á Comisión encargada da súa elaboración, toda vez o prazo remata inicialmente o 31 deste mes de decembro, de non cumprir e de non autorizarse unha prórroga, as decisións urbanísticas relativas a toda a zona histórica de Ourense pasarán a depender da Xunta de Galiza co que iso implica en canto a ralentización e burocratización dos procedementos”.
“Urximos de novo tanto a Alcalde como ao Concelleiro delegado que convoquen a Comisión, retomemos os traballos e poidamos avanzar na concreción dun documento que é chave para o Concello”.
Os nacionalistas tamén cuestionan o recente nomeamento dun director para a Oficina de rehabilitación xa que entenden “non ten ningún sentido nomear un Director para a Oficina do PERI cando o que estás facendo a diario é desmantelando o servizo e torpedeando o traballo das e dos poucos funcionarios que aínda quedan nel, os cales realizan un enorme traballo en condicións moi difíciles”.
Haz clic para responder o reenviar.