O concello de Piñor pon en marcha unha completa programación de Nadal

Dende o Concello de Piñor infórmase da posta en marcha da programación de actividades do Nadal 2023/2024.

En primeiro lugar, o 11 de decembro rematou unha iniciativa totalmente innovadora, “NADAL PORTA A PORTA” destinada a fomentar o respecto e coidado ás persoas maiores, nunha época do ano tan importante como é o Nadal. O Programa de Educación e Apoio á Familia municipal, financiado con Fondos Europeos e pola Consellería de Política Social e Xuventude, organiza esta actividade destinada a achegar os bos desexos para o Nadal a cada casa, a cada porta, sobre todo no caso das persoas maiores, que moitas veces no rural viven soas e illadas. Ademais, temos que ter en conta que o vínculo entre maiores e cativos no rural é moi plausible, sendo moitos os proxenitores que dependen da figura do avó/avoa en temas de conciliación, sendo un rol que é moi importante reforzar e destacar ante os menores, dándolle a importancia que require. Co I CONCURSO DE POSTAIS “NADAL PORTA A PORTA” preténdese obter unha postal que sexa a felicitación oficial do Concello de Piñor para chegar a cada casa, procurando que entre o Nadal en cada porta e, sobre todo, que as nosas persoas maiores se sintan acompañadas nunha época do ano tan importante coma esta. Implicando ós nenos e nenas nesta tarefa, procuramos fomentar na nosa infancia o respecto e coidado dos nosos maiores, axudándolles a producir un sorriso neste Nadal. A postal gañadora xa está sendo enviada ós domicilios do Concello de Piñor.

AVANTAR ACTIVIDADES

Por outra banda, ofrécense as seguintes actividades:

  • ACTIVIDADES INFANTIS: “Xogar non ten xénero”, dende o 22 de decembro ó 5 de xaneiro de 10h a 14h no Centro Social de Albarona. Inscrición ata o 14 decembro ás 14h. Inclúe a visita de Papá Noel e a excursión a Pazolandia.
  • CAMPIONATO DE SCALEXTRIC “Xogar non ten xénero”: para nenos/as e adultos/as. Contarase con clasificación feminina en cada categoría, tratando de fomentar que este tipo de xogos non sexan marcados como “masculinos”, fomentando que todos e todas podamos xogar ás mesmas cousas independentemente do noso xénero. Cóntase coa colaboración oficial de Scalextric. Inclúe campionato, premios e merenda. Inscrición ata o 21 de decembro. O Campionato terá lugar o sábado 23 de decembro ás 16h no Centro Social de Albarona.
  • VISITA A PAZOLANDIA: terá lugar o mércores 3 de xaneiro, de 10h  a14:30h. O prazo de inscrición estará aberto ata o 28 de decembro ás 14h (prazas limitadas).

Máis información e inscricións en Servizos Sociais.