O día 29 de decembro no Casino será presentada a novela histórica “Memorias do Esquecemento” de Carlos Montes Marqués

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O vindeiro día 29 de Decembro as 20:30 h no Casino Recreativo do Carballiño, será presentada a novela histórica “Memorias do Esquecemento” (Carlos Montes Marqués)

Carlos Montes con algunhas das súas publicacións

Unha obra que pretende recrear a biografía dunha das personaxes de maior relevo na historia galega da primeira metade do século XIX: Valentín Fernández, non soamente o artífice de que o Carballiño se convertese nunha vila e tivese un lugar destacadísimo nas crónicas deses anos, senón por ser un pioneiro que abandeirou as correntes municipalistas en España e liderou varios movementos revolucionarios do liberalismo. A través das súas memorias escritas no cárcere de san Antón na Coruña, coñeceremos a este persoeiro que foi aclamado como un heroe nacional polo seu incansable traballo na defensa das liberdades nunha época tan convulsa como foi este século XIX. O meu obxectivo á hora de escribir esta novela é a de enxalzar esta figura de gran relevancia na historia nacional amais de recuperar as súas memorias que considero foron esquecidas por meros intereses políticos. O acto estará presentado polo ex Fiscal Superior de Galicia, o carballiñés Carlos Varela.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A continuación, ofrécese un pequeno resumo da novela.

A principios do século XIX a situación en Galicia nada cambiara. Nunha sociedade fechada, os dous estamentos privilexiados, nobreza e clero, posuían a meirande parte da propiedade. Pola contra, os labregos estaban sometidos a un réxime señorial que os mantiña no límite da supervivencia. En Galicia o sistema de foros orixinou un minifundismo onde as explotacións non daban para manter ás familias. Non obstante, unha incipiente burguesía encomezaba a reclamar dereitos para poder acceder á riqueza, mais seguía cinguida por unhas leis que lles impedía o libre acceso aos medios de produción e ao tránsito das mercadorías, sen posibilidade ningunha de se espallar nin de obter un ascenso social. O comercio era escaso, adicado exclusivamente a intercambios locais ou comarcais.

Por outro lado, a monarquía absolutista do rei Fernando VII agoniza por mor da perda do mercado imperial americano, o que impedía a obtención dos recursos necesarios para poder seguir conservando a estrutura social sobre a que se sostiña o Antigo Réxime. Este cisma exixiu realizar reformas políticas e económicas, se ben a súa realización trastornaría ese status social ao lle dar entrada á única clase preparada para protagonizar e impulsar tales reformas: a burguesía. Así, nunha primeira etapa que vai dende a aprobación da Constitución do 1812 ata o falecemento de Fernando VII en 1833, os liberais máis moderados tratarán de crear un novo xogo de alianzas políticas co absolutismo para evitar o ingreso no poder das clases máis reaccionarias do carlismo. Mentres, os liberais radicais da pequena burguesía, os denominados exaltados, arelan extremar o proxecto liberal para rachar definitivamente co Antigo Réxime.

Un destes liberais exaltados foi Valentín Fernández, un líder xurdido nun pequeno poboado de arrieiros que contaba cun recinto feiral sometido ás cargas señoriais. Nado no Carballiño no 1798, o noso protagonista relátanos dende o presidio de san Antón na Coruña as súas experiencias como testemuña privilexiada dos sucesos. Comandante das milicias, heroe nacional da primeira guerra carlista, alcalde, deputado, partícipe das diferentes revolucións, masón e mártir da causa liberal, Valentín é unha personaxe senlleira da nosa historia que nin sequera aparece nunha mínima recensión das crónicas galegas. Valentín ademais é o sogro de Tomás María Mosquera, o ministro que asina a abolición da escravitude; avó de Augusto Mosquera, o primeiro deputado en solicitar a abolición da pena de morte; tío de Eduardo Chao, tamén ministro durante a I República e peza fundamental na vida literaria de Curros Enríquez e Rosalía de Castro. Esta obra, escrita en primeira persoa, pretende dar a coñecer a figura dun home do seu tempo sen obviar os aspectos psicolóxicos, cun rigor histórico no que se deixa aberta certa liberdade para algúns acontecementos narrados. O lector decatarase de recursos empregados que tentan cubrir algún espazo baleiro no tempo do que non hai a documentación necesaria para enlazar a secuencia que se pretende narrar. Pero tanto os actores coma a maior parte dos sucesos son reais e ben xustificados, en tratando sempre de converxer a historia para que as casualidades non difiran da veracidade. Ao fundamentar esta obra, quixen que o lector intúa cales son eses recursos e onde se empregan, pero tendo sempre en conta que o estudo psicolóxico e humano de Valentín Fernández baséase nun perfil baleirado dunha documentación que é precisa, contrastada cunha metodoloxía que pretende obter unha singularidade obxectiva da personalidade. Tódolos manuscritos proveñen de fondos como protocolos notariais, cartas asinadas polo propio Valentín, artigos da prensa da época, actas municipais, libros eclesiásticos, comentarios indirectos doutros persoeiros, historiografía que enlaza perfectamente cos sucesos.