A asemblea de Federación Galega de Automobilismo respaldou o proxecto do actual presidente, Antonio Rodríguez Troitiño, ao otorgarlle 31 dos 53 votos emitidos durante a moción de censura presentada por Alfonso García Eiriz.
O proxecto do actual presidente da FGA convenceu aos 53 asembleistas que se presentaron esta mañá no Auditorio de Lalín. Na súa intervención, Antonio Rodríguez Troitiño incidiu en que “unha moción de censura é un instrumento que se debe utilizar para esixir responsabilidades políticas a un gobernante; pero iso non é o que queren facer vostede e boa parte dos que o apoiaron inicialmente con esta moción de censura… vostedes queren facer unha utilización perversa deste dereito democrático, porque o que queren é convertela nun atallo para asaltar a presidencia da federación sen agardar a pasar por unhas urnas dentro de dous anos” e engadiu, referíndose aos prazos da moción que “e precisamente son esas présas, e esa urxencia, as que me levaron a afirmar hai un par de semanas que esta moción de censura é legal, pero ilexítima e inxustificada. Hoxe, aquí, diante de todos os asembleístas”.
Nun tono conciliador, despois de desgranar o feito ata agora e o que esta por vir, o presidente da FGA destacou en agradecemento a Alfonso García Eiriz que “non sería presidente da federación sen a axuda que vostede me deu despois dun acordo alcanzado nunha cea celebrada hai xa arredor de tres anos no Carballiño. Recoñézolle ese mérito e agradecinllo. Pero tamén, sexamos sensatos: unha cousa é que vostede colaborara e outra cousa é que vostede me fixera presidente. Quen me fixo a min presidente foron os centos de persoas que votaron aos membros desta asemblea. Vostede sabe perfectamente que naquel momento aceptou que eu fora o candidato porque era consciente de que traballando xuntos era a única posibilidade de desbancar a Iván Corral… e vostede tamén sabía que nós xa tiñamos catro veces máis apoios que vostede”.
Na recta final da súa intervención, limitada a 30 minutos por cada un dos ponentes e antes da votación que rematou con 31 votos en contra da moción, 20 a favor, 1 en branco e un 1 nulo, Troitiño recoñeceu que “sexa cal sexa o resultado da votación, Antonio Rodríguez Troitiño vaino aceptar. Só agardo que polo ben do noso deporte vostedes fagan o mesmo e a directiva que siga poida traballar con absoluta normalidade e tranquilidade ata o final do mandato. Moitas grazas a votar con sentidiño”.