A Plataforma en Defensa da Pediatría reunirase mañá con Sanidade

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Carballiño manterá unha reunión coa consellería mañá venres en referencia á problemática co servizo precario de pediatría. Tamén foron convocados os alcaldes da comarca. As súas reclamacións mantéñense firmes e non admitirán máis parches para este problema.

Na última reunión que tivo lugar no Carballiño, o Sergas anunciou unha convocatoria de prazas de difícil cobertura que estarían adxudicadas neste mes de xaneiro. Esperan coñecer máis datos en firme deste proceso. Amósanse escépticos pero coas demandas claras, e esperan que non se tomen decisións electoralistas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unha vez teña lugar esta reunión, teñen a intención de convocar unha asemblea cidadá aberta a todo o mundo para dar a información da súa propia man a toda a xente que os está apoiando. Están abertos a toda negociación con Sanidade pero temen que terán que seguir mobilizándose.