A ANPA do Conservatorio Profesional de Música do Carballiño manda unha carta dirixida as candidatas e candidatos a deputadas e deputados da comarca do Carballiño para as eleccións galegas 2024

A directiva da ANPA do Conservatorio Profesional de Música do Carballiño escribe esta carta aos diferentes candidatos a deputado da comarca do Carballiño para as próximas eleccións galegas para poñer de manifesto o déficit de medios materiais e humanos que presenta este centro educativo.

AVANTAR ACTIVIDADES

Neste escrito, os pais/nais queremos manifestar que para o presente curso 2023-2024 producíronse “un conxunto de irregularidades das que as principais vítimas son os nosos fillos e fillas”.

O centro adaptouse con certa dificultade por falta de medios ao curso actual cun cadro de profesores que non se puido incrementar. Non se puido resolver a solicitude de matrícula en numerosos instrumentos, nin se incorporou a este curso un especialista en Linguaxe Musical. Non foi posible cubrir as horas lectivas necesarias para asistir ao alumnado de numerosos  instrumentos, en materias  grupales e, sobre todo, de cubrir todos os grupos de linguaxe musical

“Tendo en conta que a Lei de Educación reflicte nun dos seus artigos que todos os nenos e nenas teñen dereito a acceder a niveis superiores de ensino, en función das súas aptitudes e vocación, a situación é bastante desconcertante para o conxunto da comunidade educativa que  formamos parte do Conservatorio”.

O Conservatorio de Música do Carballiño é un centro educativo de referencia, que abrangue e dá servizo a unha ampla comarca. Polo tanto, entendendo que dado que a demanda de acceso é evidente, é pertinente e oportuno dotar ao centro dun profesorado que cubra tanto as carencias do centro como as necesidades do solicitante de tódolos concellos da Comarca, sempre nun marco de igualdade de oportunidades e acceso.

As ensinanzas artísticas, máis aló de ser unha actividade extraescolar, considéranse ensinanzas profesionais, e todos os centros educativos deben reunir os requisitos mínimos para dotala dunha garantía de calidade. Deste xeito, a Administración educativa competente ten a obriga de velar pola consecución efectiva dos fins da actividade educativa e pola mellora da calidade da ensinanza. Consideramos que para o pleno cumprimento dos obxectivos dun centro educativo como o noso e para a completa formación profesional do alumnado que queira orientar a súa vida profesional cara á música, é unha necesidade obrigada incorporar unha nova oferta de instrumentos que complementen, reforcen e amplie a educación musical que están a recibir para o mundo laboral. Referíndose á normativa “Os centros profesionais de música deben impartir as especialidades de piano, canto e, cando menos, as especialidades instrumentais de corda e vento que constitúen o cadro de persoal da orquestra de cámara”, observamos unha dotación de obrigada  presenza da que non dispoñemos. ”.

Unha das solucións á falta de financiamento municipal pasa por que este centro forme parte da rede pública de Conservatorios dependentes da Xunta de Galicia, harmonizando as características de todos eles, de xeito que se preserve a equidade e a igualdade de oportunidades no acceso ao educación artística para todos os nenos galegos.

A Consellería de Educación debe buscar unha solución ás carencias existentes nos conservatorios de xestión municipal como o noso centro. Polo menos buscar solucións aos problemas de financiamento para incorporar profesorado especialista e solucionar o problema das bolsas de substitución.

Para acadar este obxectivo, débese dotar ao centro de persoal especializado, aumentar a oferta de instrumentos e conseguir máis prazas de matrícula.

Tampouco podemos pasar por alto a importancia de dotar de medios materiais un centro educativo. “A precariedade que existe no noso centro incide directamente no seu bo funcionamento e as consecuencias finais as padecen sempre o alumnado. En tempos de pandemia, o uso de audiovisuais, informáticos, medios de comunicación, internet, rede wifi… etc foi e é de vital importancia, tendo que recorrer a recursos persoais para tal fin. Renovar mobiliario obsoleto, dotar de instrumentos á aula,… son exemplos dalgunhas carencias, entre outras, que cremos imprescindibles”.

O obxectivo é que a Consellería de Educación englobe o conxunto de actuacións, disposicións e medios, tanto humanos como materiais, que sexan posibles, para o bo funcionamento do Conservatorio Profesional de Música do Carballiño, e poñelos en marcha a partir do novo curso igualando  este centro co resto dos conservatorios galegos. É obriga da administración competente en materia de educación ofrecer garantías para que todos os nenos e nenas galegos poidan acceder á aprendizaxe musical de forma equitativa e democrática sen discriminación de ningún tipo. O artigo 1 da LOMLOE de 2020 establece o dereito á educación e a obriga do sistema de garantir este dereito, garantindo unha educación de calidade para todos os nenos.

“Todos sairemos beneficiados, tanto o alumnado que reciba unha formación óptima como resultado do esforzo e interese das administracións  educativas, como do orgullo e satisfacción que suporá estes rapaces e rapazas representantes de Galicia ou da súa comarca ao participar activa e voluntariamente alá donde os organismos e administracións  o requiran”.

Cordialmente, A directiva da ANPA do Conservatorio do Carballiño

En O Carballiño, a 25 de xaneiro  de 2024