O PSOE esixe a Jácome un plan de rescate cultural para os próximos meses

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O PSdeG-PSOE de Ourense levará unha moción ao pleno municipal deste venres para denunciar a “descapitalización cultural da capital de Ourense” e anuncia que esixirá a Jácome a posta en marcha inmediata dun plan de rescate que contemple investimentos culturais para os vindeiros seis meses.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Jácome di que os investimentos culturais son gastos innecesarios que suporán un importante aforro para as arcas municipais. Pero para destinalos a que? Cal é a alternativa cultural á nada?”, inquiriu o edil Xosé Rúas, quen defenderá a iniciativa.  

Os socialistas lamentan que, dende o inicio do actual mandato, o microgoberno de Jácome emprendeu un “baleirado progresivo” de espazos e recursos materiais, técnicos e humanos, poñendo como exemplo importantes citas eliminadas polo rexedor como foron o Festival Internacional Pórtico do Paraíso, o Festival de Música en Clave de Cámara, a Banda de Música, o Festival Corpo a Terra, as Xornadas de Banda Deseñada, a FITO, a MOTI, a MITEU, o Outono Fotográfico ou o Verán Cultural, entre outras.

“A isto cómpre engadir as entregas a outras institucións, como é o caso do Festival de Cine ou como acontecerá co edificio anexo á Escola Municipal de Teatro e Música de Ourense, dos que o goberno local quere desentenderse; ademais da teima obsesiva do alcalde por burocratizar os espazos culturais converténdoos en oficinas, como quixo facer coa UPO e coa Sala Valente”, abundou Rúas.

Os socialistas aseguran que o alcalde aínda non revelou a que programas e actividades vai destinar o suposto “aforro económico” das partidas destinadas á cultura, máis alá de “organizar un macroconcerto de Jeniffer López ou a súa proposta fracasada de lanzar un bono cultural para asistir ao dramático espectáculo da agonía e morte da cultural na cidade”.

Ademais, dende o grupo municipal socialista aseguran que, mentres Jácome “extermina a cultura en Ourense”, todas as demais grandes cidades galegas retomaron a súa programación cultural habitual, con motivo de datas tan sinaladas como a celebración do centenario da Xeración Nós –coa que o exconcelleiro de DO, Mario González, comprometera 100 000 euros de investimento por parte do Concello– o día das Letras Galegas –celebración que en Ourense non contou con programación propia por parte do Concello– ou as festas patronais, que están a celebrarse nas restantes capitais galegas.

Así as cousas, os socialistas tachan de “culturicidio” a posición do microgoberno e esixirán que o Concello proceda a dotar e pór en marcha “canto antes” un plan de investimento cultural para o último semestre deste ano. “Trátase dunha moción de rescate cultural para unha cidade que é un deserto. Dende o PSdeG-PSOE queremos repoboar e reforestar de cultura a terceira cidade de Galicia, que con Jácome está a ermo”, concluíu o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------