O novo Centro Social de Muimenta nace como exemplo da aposta do Goberno galego pola revitalización do rural

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitaron o novo centro social de Muimenta, en Carballeda de Avia, acompañados polo alcalde deste concello, Luis Milia. Trátase dun equipamento construído no marco do Plan de Investimentos da Xunta e ao que definiron como exemplo da aposta do Goberno galego pola revitalización do rural. No encontro tamén participaron a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Fabiola García explicou que o novo centro social de Muimenta é unha das 24 actuacións incluídas no Plan de Investimentos impulsado polo executivo autonómico para reforzar a rede de equipamentos sociais, cun investimento de 18,5 millóns de euros e 700 novas prazas residenciais. Neste caso, a Xunta achegou máis de 285.000 euros, nun proxecto desenvolvido tamén coa colaboración da Deputación de Ourense e o Concello de Carballeda de Avia. Ademais, a conselleira puxo en valor o papel da Fundación RÍA que participa na iniciativa a través do deseño deste proxecto que foi recoñecido co Primeiro Premio da Casa Arquitectura 2026.

Este centro social, explicou Fabiola García, nace co obxectivo de reforzar a vida comunitaria. Para ser un auténtico punto de encontro para a veciñanza, onde terán cabida actividades sociais, culturais, recreativas ou formativas. E posibilitar “un rural vivo, con servizos, con patrimonio recuperado e con oportunidades para todos”, finalizou.

A conselleira destacou que a aldea pioneira de Muimenta, que se está desenvolvendo para recuperar esta zona afectada por diversos lumes forestais, é “un exemplo de boas prácticas para afrontar o reto demográfico e revitalizar o rural”. Un obxectivo que pode e debe abordarse, apuntou, “combinando a recuperación do territorio, a rehabilitación do patrimonio, a atracción de nova poboación e a mellora das condicións de vida”. Así mesmo, destacou que este labor é posible grazas á colaboración e coordinación entre administracións e entidades, que ofrecen solucións innovadoras e adaptadas ás necesidades reais.

Antes da inauguración do centro social, os conselleiros achegáronse á vivenda comunitaria municipal Os Muíños, onde puideron compartir mesa cos 12 usuarios deste recurso. Durante a visita, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou que a Xunta investiu 43.000 euros na posta en marcha da cociña deste centro en dotala de equipamento. A vivenda conta con numerosos servizos, como ximnasio, fisioterapia, podoloxía, lavandería, perruqueira e ofrece unha programación continua de actividades.

Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reafirmou o compromiso da Xunta cos concellos galegos, sobre todo, en zonas rurais, para fomentar o desenvolvemento do rural e facer fronte ao reto demográfico. Así, lembrou que a través das distintas liñas de axuda aos concellos impulsadas pola Dirección Xeral de Administración Local, destináronse o ano pasado 27 millóns de euros ao financiamento de máis de 600 proxectos municipais en toda Galicia. Nesta liña, puxo en valor tamén a importancia da colaboración entre administracións co obxectivo de levar a cabo proxectos que redunden en mellores servizos e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas.

Ademais, a Xunta está a tramitar a futura Lei de Administración Local de Galicia, como unha norma chamada a reforzar a capacidade dos concellos para facerlle fronte precisamente ao reto demográfico e á dispersión territorial, impulsando unha maior cooperación entre administracións e novas fórmulas que garantan uns servizos públicos de calidade en toda a comunidade, especialmente nos pequenos concellos do rural.

O Goberno galego tamén vén de asinar convenios con 46 concellos por importe de 5 millóns de euros para colaborar na recuperación tras verse afectados polos incendios do pasado verán, entre eles o Concello de Carballeda de Avia.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------