O alcalde de Ribadavia, César Fernández, e a concelleira de Cultura e Turismo, Yolanda Gómez, atópanse en Segovia participando na 69ª Asemblea Xeral Ordinaria da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad, unha cita clave para a coordinación e planificación das accións conxuntas das cidades membro.
A presenza de Ribadavia nesta convocatoria prodúcese tras un ano especialmente relevante, no que o municipio ostentou a presidencia da Rede durante 2025. Ademais, o pasado mes de xuño, Ribadavia foi sede da 66ª Asemblea Xeral, así como da Gala de Premios Caminos de Sefarad, consolidando o seu papel protagonista dentro da entidade.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Durante este período á fronte da Rede, Ribadavia contribuíu de maneira activa á súa proxección nacional e internacional, reforzando a presenza en feiras e foros especializados e impulsando novas liñas de colaboración institucional. Durante a presidencia ribadaviense —que se atopa agora en mans de Segovia— producíronse grandes fitos para a Rede, entre eles a incorporación de seis novas cidades (Sevilla, Calatayud, a Cidade Autónoma de Melilla, Uncastillo, Llerena e Valencia de Alcántara); a cifra máis elevada dende a súa creación.
A programación institucional en Segovia arrancou onte, 9 de abril, coincidindo coa celebración do Día da Cultura Sefardí. No marco desta xornada, os representantes de Ribadavia, xunto ao resto de membros da Rede, participaron nunha visita á xudería de Segovia, afondando no coñecemento do seu patrimonio histórico e fortalecendo os vínculos entre as diferentes cidades.
Na xornada de hoxe, venres 10 de abril, celebrouse a Asemblea Xeral. Na orde do día incluíronse cuestións de relevancia como a aprobación das contas anuais de 2025, a presentación do orzamento para 2026, a ratificación da incorporación das novas cidades, así como a definición da acción estratéxica e os proxectos para o vindeiro exercicio.
















