A mostra lembra o descenso integral dos 317 quilómetros do Miño realizado en 1985 por cinco mozos en canoas construídas por eles mesmos
O Concello de Castrelo de Miño acolleu a exposición e o coloquio “O río que nos move. En canoa polos 317 km do Pai Miño”, unha iniciativa da Asociación Cultural 40 anos do descenso do Miño que recupera a singular expedición realizada en 1985 desde o nacemento do río, en Meira, ata a súa desembocadura.
A mostra reúne fotografías tomadas durante aquela aventura, protagonizada por cinco mozos que percorreron o Miño en dúas canoas construídas por eles mesmos e sen equipo externo de apoio. Todo o material necesario para completar a travesía viaxaba no interior das propias embarcacións.
Durante o acto de apertura ( ca sala completamente chea de veciños e veciñas ) explicouse que o proxecto pretende non só lembrar a experiencia vivida hai catro décadas, senón tamén contribuír ao coñecemento e á posta en valor do principal río galego, da súa natureza, da súa historia e das oportunidades sociais, culturais, deportivas e turísticas que ofrece.

Membros da Mesa: Rubén ( Delegado territorial de Educación ), César ( Alcalde de Ribadavia ), Fumega (Alcalde do Carballiño), Feijóo e Juan ( veciños de Castrelo ) e Rafa ( un dos expedicionarios)
Castrelo de Miño, unha etapa especialmente significativa
A presenza da exposición en Castrelo de Miño tivo un valor especial pola estreita relación do municipio co río e pola profunda transformación que supuxo a construción do encoro. Na presentación recordouse que, durante o descenso de 1985, os expedicionarios tiveron que salvar a presa empregando técnicas de alpinismo para baixar as canoas por un desnivel de máis de 30 metros.
A proxección de imaxes permitiu comparar aquela aventura coa paisaxe anterior á construción do encoro. Veciños e participantes identificaron antigos lugares, terras de cultivo, zonas de lecer e mesmo mananciais termais que quedaron baixo as augas. Tamén se evocaron as protestas veciñais contra as expropiacións e o impacto social e económico que a presa provocou nas familias da zona.
O alcalde destacou que Castrelo de Miño foi historicamente un municipio emblemático na defensa do río e insistiu na necesidade de que os beneficios xerados polo encoro repercutan directamente na veciñanza. Ao mesmo tempo, puxo en valor a capacidade do concello para converter aquela transformación nunha oportunidade a través do Parque Náutico de Galicia e do crecemento do turismo deportivo.

Memoria, navegación e desenvolvemento comarcal
O coloquio contou con testemuños de persoas que viviron de primeira man a construción do encoro e as súas consecuencias. A conversa abordou as expropiacións, a resistencia veciñal, os cambios experimentados pola paisaxe e os proxectos históricos para facer navegable o Miño.
Entre as propostas lembradas figurou a posibilidade de mellorar a navegabilidade entre Castrelo de Miño e Ourense mediante actuacións puntuais no leito do río. Os participantes sinalaron que unha iniciativa destas características podería abrir novas oportunidades turísticas e económicas para o conxunto das comarcas do Ribeiro e do Carballiño.
Tamén se repasaron os antigos proxectos de navegación fluvial, especialmente vinculados ao transporte e á comercialización do viño do Ribeiro, así como os condicionantes económicos, técnicos e sociais que impediron a súa materialización.
Un proxecto para redescubrir o Pai Miño
A exposición forma parte dun percorrido por distintos concellos ligados ao curso do río, entre eles Meira, Lugo, Portomarín, O Rosal, Tui e Ourense, e continuará ata A Guarda. En cada parada celébranse encontros con persoas coñecedoras da historia e da realidade local, co obxectivo de incorporar as súas achegas a un futuro libro sobre o Miño.
A iniciativa busca que a conmemoración do descenso de 1985 sirva para construír un relato colectivo arredor do río, baseado na memoria, na conservación ambiental e no aproveitamento responsable dos seus recursos.
“O río que nos move” lembra que o Miño non é só unha paisaxe: é patrimonio, memoria e unha oportunidade de futuro para os territorios polos que discorre.









