O Románico, documento da misión humanista no territorio do Carballiño

Por Felipe-Senén

Os  vellos camiños medievais estaban asistidos, alí onde se precisaba, de templos que servían de orientación e refuxio. Ao fin e ao cabo a vida é camiño, viacrucis de aventuras e desventuras como ben lembran os cruceiros que, da Terra ao Ceo, se erguen nas encrucilladas, valioso patrimonio cultural de Galiza. Os vestixios da Arte Románica polas terras do Carballiño documentan antigas vías, así como a importancia da misión económica, política e relixiosa. A influencia cisterciense de Oseira déixanse sentir, así como as composteláns e as mesmas da catedral ourensán,  esta con certo ascendente mudéxar.

Rexión onde os mosteiros de Sobrado, Oseira, Toxosoutos ou a Encomenda de Beade, onde señores, Sarmiento, Ulloa, Zúniga…rivalizan por ter prioiros e predios. Terras, clérigos e señores que, como “Milites Chisti” buscan e reciben privilexios reais.

Publicidade Premer na Imaxe

Románico carballiñés que ofrece elementos de feitura protogótica, aínda que sempre mantendo esa perdurable tendencia románica, pois o canteiro galego fai románico como o verme da seda fai a seda… formas que veñen dadas pola mesma pedra gra e que seguen na tradición das edificacións e da labra en granito. Cavilares  así escoitámosllos ao historiador da Arte Manuel Chamoso Lamas,  quen seguindo o camiño sinalado polos seus mestres e amigos do Seminario de Estudos Galegos, non soamente estudou e deu a coñecer estes templos nos camiños do Carballiño, senón que, en canto poido e mentres viviu, dotounos da máis ampla protección legal e exquisita vixilancia na súa conservación.  No estudo “Dos ejemplares fechados del románico popular en Galicia” (Cuadernos do S,E.G. 1957) Chamoso volve a un tema xa tratado no 1941, no “Archivo Español de Arte” respecto ao grupo de singulares igrexas do que el di “derivacións do Románico Popular”. Templos unidos nun espazo e nun tempo, os fins do século XII, onde os arcos xa se oxivan e nos levan ao protogótico.

.O protogótico, as influencias de Compostela, Oseira e Ourense: San Facundo de Cea

A igrexa de San Facundo de Cea está nos vellos Camiños que de Oseira levaban ao Ribeiro,  igual que a de Santa Maria de Mesego, esta na mesma saída do Carballiño, camiño que bordeando a bocarribeira conduce cara Banga e Cabanelas, no Ribeiro do Arenteiro.

San Facundo de Cea Foto de Manuel Chamoso Lamas

Templo erguido na parte baixa dun Castro  e no que se teñen atopado testos cerámicos e se documentan epígrafes relativos a súa romanización. Sitio arqueolóxico sobre o que abondan as lendas en relación cos tesouros dos mouros.  Ademais Muñoz de la Cueva nas “Memorias Históricas de la Iglesia de Orense” (1727), sitúa aquí a cidade de Arsacia, na que aconteceu o martirio de San Primitivo e San Facundo e onde ata o século XV permaneceron as reliquias dos dous mártires, para pasar logo á Catedral de Ourense… O Padre Florez no compendio da “España Sagrada”  e o padre Gándara, abondan nestas confusas teses. A disputa polos acontecementos e as reliquias está servida con Sahagum (León), cidade que se di lugar daquela batalla. Debate que interesou tamén a Ferro Couselo. Templo o de San Facundo de Cea datado en epígrafe  do tímpano de entrada na era de 1214, sendo prelado de Ourense Alonso Ramirez, que fora monxe de Sahagún… e  segundo Muñoz de la Cueva este bispo caracterizouse por construír e consagrar moitos templos en toda a diocese. Así pois o vencello con Sahagún fai pensar a Chamoso que aquela dedicación e reliquias do santo mártir sexan unha concesión do prelado ás terras de Cea.

Os anos destas construcións protogótica son os do esplendor na Compostela de Mateo, cando o foco de Oseira e os presupostos do císter, caracterizados estes pola sobriedade inzan e atraen as olladas de promotores, mestres construtores e gremios de xornaleiros canteiros.

A igrexa de San Facundo de Cea, a fins do século XIX, sufre modificacións que afectan a súa ábsida e á espadana. Mentres que a fachada mostra a súa orixinalidade, agás a devandita espadana: pórtico de arquivoltas lixeiramente apuntadas que arrancan de capiteis vexetais sobre columnas acaroadas a cada banda, que anuncian a sensibilidade gótica. Arquivolta adornada con tacos, coas mochetas que soportan o tímpano, este co referido epígrafe. Entrada enmarcada entre sólidos contrafortes, rematada por unha imposta apoiada en canicelos, solución que caracterizará a moitos dos templos do Románico serodio desta bisbarra. Os paramentos laterais rematan con cornixa de característicos canicelos, e que entre dúas bufardas longas, seteiras abren porta, de tímpano liso baixo arco de descarga, con labras que mantiñan restos do tradicional cal que protexía as labras.

Outra igrexa que segue a mesma pegada é a de Santa María de Mesego, a que mantén no seu estilo orixinario a fachada e os paramentos laterais, sendo reconstruída a finais do XVIII.

Mesego Foto de romanicodigital.com

A portada deste templo reflicte igualmente as características do templos protogóticos da zona: No pórtico de entrada os dous pares de columnas acaroadas, neste caso sobre capiteis de traza ruda, un deles coa labra de aves afrontadas, outro con vexetais en espira… Capiteis que sosteñen a arquivolta apuntada e bordeada da característica faixa de taqueado. Baixo dela o tímpano, neste caso centrado por unha cruz de brazos iguais,  con remates ao tipo románico, entre a que se reparten as labras de dúas pombas afrontadas, un pavo real e un cuadrúpede que morde a cola. Nunha das xambas aparece gravada a data de consagración:  era de 1237, isto é o ano 1199, sendo bispo de Ourense o referido sahaguntino Alonso Ramirez.

Mesego, Astureses, Moldes, Pazos , Serantes…nos vellos Camiños Reais

Dentro do Románico das Terras do Carballiño, capitulo a parte, polas súas orixes, como polas características estilísticas ou mesmo pola súa magnitude e estado de conservación dentro do Románico, merece a igrexa de San Xián de Astureses (Boborás). Templo inicialmente estudado por Arturo Vázquez Nuñez no Boletín da Comisión de Monumentos de Ourense (1905) .

Igrexa de Astureses Foto de Manuel Chamoso Lamas

Erguido nos camiños reais que abren aos montes do Paraño. En orixe fundación templaria da segunda metade do século XII, segundo un epígrafe da súa parte traseira, o que fai referencia ao ano 1164 e que como outras veciñas súas, no século XIV pasa a depender dos Cabaleiros de Santo Sepulcro e logo á Encomenda dos cabaleiros de San Xoan de Malta de Pazos de Arenteiro. Templo dunha alta nave, dividida en catro tramos que corresponden no exterior con contrafortes e no interior con  columna unidas ao paramento con capiteis, xeralmente decorados con tema vexetal e  das que parten os arcos faixóns. Templo de cabeceira semicircular, dividida por dous contrafortes en tres partes, estas centradas por tres ventás de arco de medio punto sobre columnas acaroadas e arquivoltas moi decorados , unhas de tema vexetal e a superior co característico taqueado, apertado. Ábsida no interior cuberto con bóveda de canón, terminada en cuarto de esfera. Espazo do altar ao que abre un gran arco algo apuntado, entre dous capiteis profusamente decorados.  Fachada occidental aberta  entre robustos contrafortes esquinados de ben labrada cantería, en ambos dous ángulos . No centro da que abre un arco de arquivoltas  lixeiramente apuntadas sobre tres columnas acaroadas , a cada banda  das xambas: a do centro de traza helicoidal,  no entro do arco un curioso tímpano coa labra dunha cruz de dobre traveseiro, da que do máis longo parte, de brazo a brazo un arco, conxunto pechado nunha circunferencia. Cruz que parece facer alusión á función de refuxio deste templo Tímpano que remata en dous semicírculos orlados por arquivoltas, conxunto sostido por dúas mochetas, unha delas curiosa, a xeito de torques pechado… Sobre a característica imposta sostida por canicelos ábrese un pequeno arco e seguido érguese o campanario, aberto en dous arcos para as campas. As mesmas directrices segue a pequena porta norte. Astureses é unha verdadeira lección de arte románico, especialmente na variedade de labras decorativas que complementan os elementos arquitectónicos. Declarada BIC en 29 de Marzo de 1946

Pola simpleza das características arquitectónicas da bisbarra, como polo seu pintoresquismo merece destacarse a capeliña de San Mamede de Moldes, estudada por Vázquez Nuñez, da Comisión Prov. de Monumento de Ourense (1905) e como non, revisada por Chamoso na Sociedade Española de Excavaciones (1934) .

Moldes Foto de Manuel Chamoso Lamas

Templo erguido a fins do século XII  sobre un castro de amplas vistas. Próxima a un castiñeiro centenario, espazos mimados por Chamoso  Lamas e sobre os que ergueu un cruceiro encargado ao seu amigo o escultor ourensán Failde, desaparecido no 1986 e, poucos anos despois substituído por outro da autoría de Laura Rodríguez, poucos anos despois.  Templo ao que se engade unha capela e  que mostra restos dun baldaquino de pedra, anterior, co s característicos arcos conopiais e escenas da paixón. Nela hai unha inscrición que pon que “Esta capilla fvndó i doto el capitan Barme Rs. Tizón i Dona Bitoria de Lvzón sv mvger. Año 1638“. Capela na que ten sepultura o filósofo e precursor de “Nós”, Antón Lousada Dieguez.

Chamoso documentou nesta súa parroquia obxectos litúrxicos de interese, casula bordada, cruz parroquial….Monumento declarado Ben de interese Cultural o 5 de abril de 1946 preocupouse por coidar este adro, mesmo por impedir que o tendido eléctrico invadise o conxunto ou que se erguesen en altura novos panteóns, espazos no que o historiador da Arte ten sepultura..

Bisbarra na que se erguen outros templos do románico tardío, como Santa María de Xuvencos, esta con  curiosas decoracións de tradición “celta”, quizais temas e labras quizais aproveitadas do veciño castro de Souteliño … Templo que sofre intervencións en diferentes épocas, especialmente no século XIX.  Adro que, na entrada mostra unha curiosa imaxe de San Miguel pesando as almas. Cruceiro, escenario, o segundo e terceiro domingo de Maio, para as danzas procesionais das Mudacións, co traslado da imaxe dun templo a outro…

 Dentro deste Románico merece coñecerse a Igrexa de Cameixa  de absida semicircular de aleiro bordeado por arquiños, con influencia da catedral de Ourense… Xendive, San Xoán de Laxas, Varón, Gomariz  coas súas adegas, esta  prioiro de Toxosoutos … o sorprendente templo de San Tome de Serantes, lección deste románico…. e Lamas, camiños da Pena Corneira….  E noutra banda, cara ao ribeiro do Barbantiño, no que foron terras veciñas de Orcellón, coñecidas como Castela, a igrexa de San Tomé de Maside coas mesmas características dos anos protogóticos influenciadas polo cister.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño