O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

Por Felipe-Senén

O Carballiño ten vocación de ser vila sempre en obras,  onde  se fai,  se desfai e vólvense a facer pra seguir sendo. Pero as cicatrices quedan nas memorias sensibles. Inseparables das lembranzas do tempo de  preguerra, guerra, posguerra e ditadura, isto é da emigración, do estraperleo, entre tantas outras formas de supervivencia, están moitas construcións. Complementos do escenario da vida da vila, a maior parte xa desaparecidos, entre eles novas mansións, “chalés”. Edificacións feitas de ilusións e presuncións, as máis delas resultado da emigración, dunha morriñosa ansia de retorno que puidera non acontecer. Chalés que se ían franqueando a estrada de Pontevedra ao seu paso polo “Parque”, terreos ocupados e acondicionados no 1928 polo concello no que fora monte da Pilarica, comunal de Mesego. Así que alí, onde houbo un bosque de castiñeiros,  a carón dun serradoiro que lle da topónimo ao lugar, “as Taboas” e da “Casa do Pobo”, foise erguendo  na mesma preguerra un neopazo, bautizado polo seu promotor e arquitecto , en galego, “Souto das Taboas”. Non en tanto serácoñecido  popularmente como “Chalé Col”, o alcume do seu promotor.

AVANTAR ACTIVIDADES

 O chalé do “Col” sobresaía ergueito entre a flora do seu bosque, horta e xardín, abeirado  de  coidada beirarrúa con xardineiras de cantería pra camelias vermellas e brancas e o muro que o coutaba. Mansión á que se daba acceso por solemnes pórticos con  cancelas de esmerada forxa, complementaria de pináculos e balaustrada “estilo neobarroco galego”. Tras daquel recinto deixaba caer as ramas, como bágoas douradas un nostálxico sabugueiro chorón. Árbore que hoxe queda  na memoria como un símbolo do que vimos medrar, na súa apoteose de melena espesa abaneada polo vento e na súa morte, fendido e caendo a anacos.  A un tempo que se espoliaba o exterior e o interior do que quixo ser nova torre pacega.

Imaxe que queda  impresa na conciencia daquela mansión endexamais habitada. Aínda hoxe soñamos co “Col” e sentímolo como no conto de fadas que foi , entre a frondosidade das súa sebes de buxo, magnolias, rododendros, estanques, chafariz e mimada pedra labrada. Todo de xeito esmerado. E soñámolo habitado por sombras, coas contras abertas, abaneadas polo vento, entre misterios. Orgullo de construción pros carballiñeses, que causaba impresión pros veraneantes:  privilexiado, vixiando a entrada do Parque e que logo, a xeito de competitividade, nos anos sesenta, ergueríase  como xemelgo seu outro ostentoso chalé, “ o Lar da Nai”, pra nós “A Casa Mar”, arquitectura esta de Antonio Cominges Tapias, complementado con esculturas dos mellores creadores da época, Piñeiro, Failde en honra da nai,  construción tamén “desaparecida” naquela década dos primeiros oitenta  e trasladada, pedra a pedra a carón do mar da Lanzada. Chalés abertos a unha avenida que quería ser unha auténtica cidade xardín, un catálogo de arquitecturas  unifamiliares  en harmonía coa paisaxe.

Chalet Coll e Lar da Nai – O Carballiño

“O Col” acompañou e vixiou os nosos pasos dende a infancia, somos do seu tempo. E sobre del escoitamos historias de fantasmas: mesmo que, recente rematado, nel  estivera unha tempada o Presidente de Cuba, Batista, que se dicía amigo do propietario. E que despois ninguén máis o habitou. Iso si , sabemos que o emigrante promotor non puido cumprir o desexo de voltar e os seus pasos perdéronse nas revoltas cubanas.

Atrevémonos a seguir, inconscientemente,  a outros  arriscados rapaces:  a trepar os valados e polos seus froiteiros pra coller cereixas,  cirolas, pavías, peras… escondémonos entre os sebes de buxo e as xigantescas hortensias, entre aquelas fontes e estanques, as que cortábamos pra entregarlle ás profesoras dona Fina e dona Luz….E mesmo ollamos como os máis atrevidos, como nun xeito de rito de pasaxe ,  eran capaces de franquear as xanelas de vidreiras de cor, chumbadas artesanalmente, furar e entrar,  profanando a propiedade e aquela monumental e sacra soidade:  co gran comedor de mobles “castellanos” , labrados en caoba, cadeiras de asento e respaldo repuxado en coiro cordobán… a cociña branca de mármores de Carrara, cousa nunca vista, como aseos de cores rosas e azuis e  con bañeira nun Carballiño ao que non chegara a traída de augas. E  a gran escalinata con pasamán e balaústres de caoba polo que algún, de arriba abaixo, se escorregaba con gusto. A gran fiestra da sala de estar, decorada esta con tresillo art déco… Cuartos abertos a miradoiros porticados en arco de medio punto… e a ergueita torre co seu ameado, cima cara a que adquirían méritos de trunfo os máis arriscados que alí chegaban asomaban e erguían os brazos. Igual que, pola contra,  atreverse a furar polo labirinto dos sotos de cemento, onde estaba a maquinaria eléctrica das fontes e as caldeiras da calefacción. Estancias das que desapareceu ou esnaquizouse todo o mobiliario, novo do trinque, nun xeito ritual vandálico de iniciación e intrusión pra moitos rapaces.

 Espazo con tres grandes accesos coas súas solemnes cancelas de ferro forxado: a central a carón da entrada do Parque con monumental  pórtico en pedra, a xogo de lintel central con arcos de medio punto a cada súa banda,  os que a modo de nicho transparente acollen grandes e delicados copóns labrados aos que mesmo lle romperon o  exquisito remate dunha pequena piña. Acceso ás solemnes escalinatas entre xogos de auga e pedra labrada. Vimos e peta na memoria como delicadas labras deste conxunto foron destruídas: aquela copa de pedra que  centraba un nicho de venera e marcaba a simetría das escalinatas, a xogo con canles de auga, como un verdadeiro teatro acuático. Estrutura moi na liña do que o arquitecto vigués, Jenaro de la Fuente Álvarez,  fixo na Residencia universitaria de Compostela, trazas nas que se fai patente as influencias atlánticas, británicas. Outros accesos ao xardín abríanse  en dúas esquinas, a máis achegada á vila con cancela coa data inscrita de 1937, momento da guerra, obra mestra de forxa, desaparecida, e que aínda espero atopar reaproveitada por algures. A outra porta abríase  nos restos do vello souto, cara a estrada de Mesego e ao estadio de Espiñedo .

Chalet Col

Mansión na que o  seu construtor, Adolfo Otero Landeiro e os seus obreiros puxeron o mellor de si, entendendo o que significaba o desexo dun seu veciño e amigo enriquecido en Cuba , sumando os saberes  e o empeño do arquitecto. Construción que sería base de aprendizaxe, ensaio do mestre constructor pra pouco despois desenvolvelo nas obras da Veracruz.

O emigrante que non voltou, Secundino Castro “O Col”

Aínda así queda moito por saber da historia do “Col”, a que sería, cando menos, propia de argumento de novela ou de cine.  E con ela a do seu protagonista, a de Secundino Castro, “O Col”,  natural de Santián,  o enriquecido emigrante que , ben asesorado, no 1933, encargou a construción da súa mansión para os anos do retorno ao gran arquitecto vigués Francisco Castro Represas (1905-1997). Arquitecto que, pese ao estilo que seguiu no chalé do Carballiño,  inclúese entre os máis significados representantes do Movemento Moderno en Galicia: alumno de Palacios , que abandona o eclecticismo historicista e o “rexionalismo”  arquitectónico de raiceiras románticas, para realizar  obras tan representativas  como o Edificio Curbera, o Albo, Sanchón, e sobre todo o Club Náutico de Vigo. No Carballiño cínguese ás saudades galegas do emigrante promotor-

Maqueta chalet Col no IES Nº 1 do Carballiño

Secundino Castro,  como moitos desas mesmas terras,  entre eles os mesmos filántropos irmáns Prieto, foi emigrante  enriquecidos  en Cuba  co negocio  dos coiros, probando tamén os do azucre, a exportación de madeiras… xa envellecido e sen forzas de ver cumpridos os seus desexos de retorno, determinou  pasarlle  en venta a súa fachendosa mansión carballiñesa a un seu pisano e vello amigo, Xesús Pérez Cabo ( o “Chis da Salomé”, fillo de Rafael Pérez  e de Salomé  Cabo Alonso, patriarca e matriarca dunha longa saga de doce fillos, algún dos cales (Tomás) emparentou coa sobranceira familia carballiñesa dos Sobrino.

 Unha parte dos fillos do matrimonio Pérez Cabo, como tantos outros galegos, emigraron a Cuba onde formaron a importante firma de madeiras, “Perez y Hermanos & Cía”– Negocio presidído  por Xesús, “O  Chis ”. Empresarios que chegaron a ter fortes influencias económicas, políticas  e que auxiliaron a moitos emigrantes a facer fortunas en empresas de ferraxerías, tabaco, alcohois, camisas “Pekal”…  O mesmo “Chis da Salomé” foi inesquecible Presidente do Centro Galego de La Habana en momentos do seu gran florecer, que iso xa eran palabras maiores, ademais de ser creador dun hospital pra emigrantes na capital cubana.  E ,como non, Irmáns benfeitor da obra do párroco  don Evaristo, ate doar pra Veracruz a imaxe da Virxe de Fátima , a que logo pasou á vella Parroquial. Imaxe que  foi recibida con fervor entre cánticos, rosarios e cirios… Entrega da imaxe da Virxe lusa  que tiña a súa razón de ser, pois “o Chis” estaba casado con Emilia Pintos Cardoso, portuguesa. Familia con relacións , antes de chegar ao poder co que sería presidente de Cuba Batista.  

O administrador  das propiedades carballiñesas do “Chis do Salomé”, entre elas  o “Col” era o Maneiro.  Emigrante que morreu no 1962 e  a propiedade do chalé pasa en  herdanza ao seus sobriños (oito)  entre eles a Pilar Fuentes Pérez, filla de Antonio e Tereixa, esta unha das fillas de Dona Salomé , benquerida e coñecida entre os carballiñeses como “ A Nena da Salomé”, casada con Antonio Outeiriño do “Bazar Outeiriño” de Ourense, pais de Antonio e Xesús  Outeiriño Fuentes, vellos amigos, sabedores e parte desta saga que eles me transmiten, entre máis que queda por contar. Ante as imposibilidade de dividir a propiedade entre os oito sobriños  e despois de sobrevivir a tantas vicisitudes o chalé  véndese no 1976. No 1989 e despois de sobrevivir o que abreviamos arriba, queda soamente del o esqueleto sobre un xardín convertido nunha selva. O que importaba a algúns ollos non era a arquitectura, nin a historia, era unicamente  o privilexiado solar.Poucas voces se alzaron pra buscar unha solución coa que rehabilitar e revitalizar un símbolo da historia da emigración. Numeráronse aquelas pedras e doáronse ao concello, pasaron aos almacén municipais da Uceira… e de alí, pouco, a pouco, fóronse reaproveitando “pra remendos”: unha longa historia feita retrincos de memoria e mala conciencia.

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño