Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

Artigo : ” Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

Publicidade

Por Felipe-Senén

Celebro na vida ter coñecido, ser amigo, compadre e nos seus derradeiros anos convencelo pra ser veciño na Coruña, porta con porta, do escritor Manuel María. Como de seguir a selo de quen foi a súa compañeira, Saleta. Ben sabemos da atracción que sentía o chairego polo Carballiño, polas bocarribeiras e polos ribeiros, como ben matizaba, en plural, seguindo ao seu admirado don Ramón Otero Pedrayo. Aquí  sempre foi ben recibido e agasallado, como ten declarado tantas veces e máis nun pregón impartido no Concello, o 13 de setembro do 1992: repaso maiúsculo das paisaxes, da, historia, da cultura,  das súas querenzas carballiñesas ”….Poucas tarefas, como esta, nos son tan gratas. Dende vello temos gastado horas e días neste Carballiño das nosas preferencias, andando as súas rúas, identificándonos coas súas paisaxes, falando coas súas xentes amigas, intelixentes, cultas, abertas, simpáticas e cordiais, amantes da súa vila e da súa bisbarra…. un verdadeiro agasallo dos deuses…bebendo o noso viniño nas tabernas, as verdadeiras universidades, conversando cos amigos de vagar, escoitando os ventos e os paxaros ou andando pola vila aos biosbardos…” Teimundo en sentimentos xa expresados no “Cantigueiro de Orcellón” (1984) .

Manuel María e César Varela (1983) Foto Felipe -Senén

Saben ben os chairegos do que significa o Carballiño: parada e fonda nos camiños dos cinco Ribeiros: do Miño, do Avía, do Barbantiño, do Arenteiro e do Arnoia…. De vello a familia e o irmáns, os Fernández Teixeiro viñan  cada outono a mercar algún pipote de viño pro ano. Sabían ben das bodegas “Pericocho”.  E non esquezamos que Manuel  María, “sobriño de cura en activo” e nada menos que de don Xosé Fernandez Nuñez, párroco de San Froilán e promotor do templo lucense da Milagrosa, ben sabía tamén que no Carballiño houbo un párroco, don Evaristo, coas mesmas teimas que as do seu tío, as de construír “palacios” pra Deus, pras Virxes e pros santos da Corte Celestial. Asuntos que lle facían boa gracia a quen tamén andara en sancristías, entre moscatel, obleas e incenso, lembranzas que saían en parladoiros nos que tampouco faltaban adobos anticlericais.

E ben sabía Manuel María do Carballiño, tamén polo seu sogro, o señor, don Luis Goy, en anos mozos asiduo do Hotel Celia, cando non do Roxelia, axente de seguros da “Stela” pra provincia de Ourense, onde tiña moitos e bos clientes, especialmente os Reques, gandeiros e propietarios de boa parte de Flores. Aquí viña o señor Goy, en ocasións acompañado da súa filla, mociña, Saleta. Pulcro, educado, leal aos seus clientes, ao que ao falarlle do Carballiño acendíanselle os ollos. Queriámonos ben e lévoo moi prendido na memoria, especialmente dende un pregón de festas que se me encomendou en Monforte no 1979 e que deu moito que falar. Día aquel anterior á inauguración do Museo de Arte Sacra das Clarisas, iniciativa de Chamoso Lamas, natural de Moldes de Boborás, apoiada polo entón concelleiro da Asamblea Nacionalista Popular Galega Manuel María e co patrocinio de Caixa Galiza. Acto no que tamén se me concedeu palabra inaugural.

E como non, tamén nestas bocarribeiras, en Loucia do San Amaro, tiña casa de nacemento, Bautista Álvarez, creador e lider da Unión do Povo Galego, moi querido, admirado e respectado por Saleta e Manuel María. Entón o Carballiño como orixe e referencia agromaba axiña nas conversas e máis cando aquelas se animaban cun xantar enxebre.

Dos parladoiros do Balneario á Agrupación Cultural “Avantar”

Tiña lido a Manuel María entre os contemporáneos de moda nos anos sesenta , como a Celso Emilio, Novoneyra, os que formaban parte dos parladoiros que os amigos tiñamos no parque do Balneario do Carballiño, entre outras literaturas marxistas e nacionalista… Atopámonos nunha conferencia na Asociación Cultural O Galo de Santiago, alá polo 69, logo, a partir do 75 na Coruña, xunto a Moncho Valcarce, en parladoiros, celebracións nacionalistas, nas que tamén estaba Ramón Muñiz de la Cuevas, o ourensán que veraneaba no chaleciño carballiñés de “A Xeitosiña”, amigo leal, entregado e sempre lembrado.

Nas idas e vidas de Monforte pra conferenciar na Coruña, Manuel María pousaba na miña casa, durmía nunha ostentosa, graciosa e xa histórica cama abacial que conservo e que pedía baixo dela penico.  Conversas que se cosían falando do Carballiño e nas que gustosos os daquel parladoiro peripatético do Balneario o convidábamos a conferenciar na entón creada asociación Cultural Avantar. Esa seu presidente Xoán Afonso García, rolda na que Ernesto Atanasio, “o Corcheiro”  – que nos seus anos mozos na emigración á Arxentina pertencera ao colectivo arredista  “Pondal” – sempre tiña que aportar sobre as súas vivencias e arredor de filosofías sobre o futuro de Galiza. Encontros nos que  o  catedrático de  Matemáticas no Instituto de Cangas, colega de Francisco Rodríguez Sánchez, Cesar Varela, aguilloaba e encamiñaba as conversas cun senso político e práctico. Na rolda daqueles parladoiros había unha significativa mestura de xeracións diferentes: Eduardo Bernárdez, os irmáns Varela García, Luis Álvarez e a súa compañeira Berta Cozar,  Áurea Francisco, Carlos Meixome,  Manuel Amil,  Pepe Luis de los Arcos, Xulio Álvarez, Ana Isabel Rodriguez Bernárdez, Pepe e Camilo Castro.,  Pepe Carballido, María Xosé Rodríguez, “Coché”, Andrés Lois, Esteban Pereira……e ben seguro que faltan algúns, que me entendan e perdoen. Rolda á que se sumaba aquel poeta de Vilagarcía que viña de augüísta, Trillo, que nos recitaba e regalaba versos e mesmo nos bautizou como “Os vindeiros”; ou tamén se deixaba ver por alí Cesáreo Sánchez cando viña de Madrid ao seu Maside…. Esta era a base dun “Avantar” que nos derradeiros anos do franquismo, se inscribía na historia do asociacionismo cultural de Galicia, entre o “O Galo” de Compostela, de “Auriense” de Ourense ou de “Abrente” de Ribadavia, referentes pra nós e ben coñecidas entón. Encontros con música de fondo e letras de  Manuel María nas Voces Ceibes,  en Suso Vaamonde, en Fuxan os Ventos… cantoautores que chegaron a ser asiduos e amigos .

Manuel María  – e moitas veces acompañado de Saleta – participaba nos parladoiros do Peñasco, xantares na Gazpara, o Rogelia, o Esclavo, o Derbi, a Cubana… sentíase como na propia chaira súa, asistiu á Festa do Pulpo e como nón á romaría da Saleta, obviamente santa benquerida e pronunciou conferencias no primeiro piso do Cine Alameda, o que o seu propietario Román Álvarez, cuñado de Chamoso Lamas, tivo a ben ofrecer pra “ Avantar”. E o que máis ansiaba Manuel María era na hora do solpor compartir un viniño – si podía ser acompañado de anguías e pementos da Arnoia –   baixo a parra daquela tasca, xa desaparecida, entre os socalcos da curva do Varón. Confesoume varias veces que aqueles atardeceres, naquela compaña, naquel lugar inspirárono a  agradecelo todo  co feixe de poemas do “Cantigueiro de Orcellón”. Versos ao estilo feira, festa e romaría, pra enxalzar unha terra. Versos caracterizados pola súa áxil  e espontánea improvisación, apropiados pra musicar. Sabendo tamén de ansias das que ben deu proba  Otero Pedrayo  en publicacións case de cordel, como  a “Bocarribeira, poemas pra ler e queimar” (1958),  Versos fáciles que enxertan ao ser humano no humus, na terra e na historia, isto é no humanismo clásico.

 Anovaba Manuel María así unha tradición que se perde e sigue na poesía da paisaxe galega, nos cantares populares, en Rosalía… en  Noriega, no mesmo ribeirao Eladio Rodríguez, entre tantos como  Novoneyra.” Versos pois con arrecendo a Terra, a romaría e mesmo con música de fondo. Cantigas que agroman no devalar dos catro elementos, sen máis pretensións que expresar sentimentos pra compartilos, cantos bárdicos. Sen faltar quen dende as orelleiras culturais clasificábano como “ruralista”.

Tiven a sorte de coñecer de primeira man moitas obras de Manuel María antes de publicalas, recitadas por il mesmo, de animalo a escribir outras inspiradas nas viaxes: que se as fontes, as gárgolas, que si Venus, Grecia, Italia, Bretaña…E mesmo me pediu que lle ilustrara algúns dos seus máis queridos libros como os        ( 1981 ), o ”Ritual pra unha tribu capital de Concello” (1986) ou o “Homenaxe ao Regato do Cepelo “(1990)….

Manuel María foi padriño do meu fillo Gens-Cibrao, viaxamos polo mundo clásico: italia e Grecia toda, Israel, Palestina, Bretaña, Corcega e Cerdeña…. enxergando e facendo comparacións, il coa súa chaira, servidor co seu Carballiño.  A viaxe de Galiza a Grecia, atravesando a península e Francia, Italia pra recorrer a Elade, nesta acompañados de Chamoso Lamas e a súa señora, así como de Juan Naya, bibliotecario da Academia Galega, de  Xosé Sesto quen atendeu a Bóveda nos seus derradeiros intres… de  Lois Dieguez, entre outras trinta persoas… Periplo que deu que contar e velaí nas páxinas da obra de Manuel María.

Xa antes do “Cantigueiro de Orcellón” no libro publicado por “ Galiza Editora”, os “Versos do Lume e do Vagalume” (1982), un libro de esperanzas entre presentimentos e regresos, con algo de testamento,  arredor de paisaxes e cousas amadas, como a casa, a cunca, a rosa, os defuntiños… onde pousa o misterio da arqueoloxía, da historia como as súas Penas de Rodas, o Castro de Viladonga,  Dombate, Fisterra,  entre outros , non falta un ao Ribeiro do Avia, así como un poema dedicado á “Nossa Señora da Saleta de Astureses”,  no que louva as súas queridas paisaxes do Arenteiro, deixando na graza do románico da igrexa de Astureses “ensonhares como exvotos”.

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño