Por Felipe-Senén

As lembranzas son retrincos da película sobre un mesmo. Anacos do crebacabezas da Historia persoal. Parte pois dunha colectividade, como todas sometida a circunstancias políticas, económicas, culturais e entre estas as relixiosas que tanto axudan a filosofar e que lastran tamén. Materia prima, pobre ou rica, para historiadores e creadores. Que sería de nós se nos quitan a Biblia, o Pórtico da Gloria, as Cantigas de Santa María, a Capela Sixtina…o Requiem de Mozart… A Arte é parte divina do ser humano.

 Así que pra quen queira meterse nas cuestións da dialéctica da historia – que tamén son as do espírito, da etnocultura dun pobo, a máis dos novo aportes e das pescudas que un mesmo faga –  recoméndolle que lea a Julio Cara Baroja  e as súas obras sobre o Ciclo Festivo, como a Etnografía de Galicia de Vicente Risco e dos seus seguidores. Entre esas formulas culturais nas que se desenvolve o individuo e a sociedade están as celebración, as festas e as súas dedicacións, as que nos ofrecen  moitos datos sobre a identidade e o estado da cuestión da saúde mental da colectividade. Entre elas Entroido que tanto ofrece de anímico no seu escaparate festivo, en contraste co seu reverso e antítese, a  Coresma que segue.

Excursión Catequese (1959)

 Aínda coa resaca de todo o Entroido por detrás,  Mércores de Cinza pola mañá íase á misa a “tomar a cinza”, rito polo que o crego ao pasaba pola fronte de cada fiel un osiño de defunto facendo a cruz e dicindo  “pulvis es et pulverem reverteris”…e todos con cara seria, mirando pro osiño aquel dos mortos e soando o mantra en latín como cousa do Trasmundo, de respectada poeira comunal que era o que se trataba: seremos poeira de amores e odios na inmensidade eterna e infinita do Cosmos.  Aínda así ben sabiamos que no luscofusco daquel mesmo día estabamos convocados na Praza Maior pra “condución” do corpo de palla e cartón do Meco a Tocaña,  a chamuscalo e con el   cumprir  o “Enterro da Sardiña”.

O símbolo do Entroido era retirado do pau no que estaba pendurado, descendido como un cristo pagán e metido nun caixón, a modo de ataúde. Ritual que se facía entre fachos de palla e de lume, aturuxos, aplausos e  choros simulados, seguindo en procesión, entre estandartes burlóns…ao chegar á Ponte Toscaña prendíaselle lume e o Meco esfachicado convertíase en poallas de cinza que o vento levaba,  caían e desfacíanse augas abaixo do Arenteiro. E cavilabamos novamente naquel mantra do crego na Misa de Cinza.

 Entrabamos no tempo de “enterrar” as carne e a do porco nos xantares, pra retomar a sardiña. Así que aquelo de “Enterrar a sardiña” non era máis que unha retranca entre tantas que nutrían ese mundo ao revés que é o tempo de Entroido: o que tocaba agora era a dieta da sardiña. Tocoulle pois o punto final á corentena do Entroido…e x a na de volta as campás da vella parroquial, a pequena chamada Ana María e a Castora, a grande, tocaban  a defunto, semellaba que  choraban, entrabamos así nesa nova corentena, o tempo de Dona Coresma.

Tempo que se representaba por unha vella beata,  escuchumizada,  cuberta de mantóns e cunha folla de bacallau nunha man e na outra erguendo un gueipo polo que asoman verzas e sardiñas… Semellábame e  lémbrame aquelo un ambiente funeral, os solemnes enterros e conducións cos coches de madeiras labradas con anxos acharoados dos “Caxoto”, entre cortinas de veludo, cintas, todo de loito … que niso das artes fúnebre tiña o maior creto. Tempo ao que lle daba unha certa nota de cor e esperanza a  tenda   do “Marabillas”, baixo os soportais, á beira da ferraxería das do Lorencito…. tenda cun mostrador como un altar, presidido por unha báscula Berkel e a unha e outra, penduradas das vigas de madeira, mazos de velas e de follas de bacallau, no chan sacos de fabas, de noces, de farelo e pulpa… e detrás bidóns de aceite embudes e medidores de latón brillante entre andeis ben organizados con latóns de pementón ( moi solicitados, non tanto polo contido, senón pra tanxer nas  pandeiradas do Paraño)…. cuarteróns de tabaco, anuncios de chocolate e un almanaque coa imaxe do Sagrado Corazón….

Imaxes, lembranzas, bagaxe cultural, materia prima complementaria desas memorias do nacionalcatolicismo recollidas en “El Florido Pensil” de Andrés Sopeña  Monsalve. Acontecer do que tamén dan boa conta as históricas fotos de Rizo.

Naquela Coresma con algo de funeral e ultramarinos, as salas de festas facían un obrigado alto que aproveitaban pra limpeza, a pesares de que algunhas estaban ameazadas de excomuñón polo coadxutor:  a Sala  Metropol, a Alameda, o Reque…o Sporting-Casino… Os cines Pavillón Neira, Alameda, Reque ou Rivas non tiñan máis que poñer películas relixiosas: “La túnica Sagrada”, El Milagro de Fátima”, “Molokay”, Fray Escoba” “Un traje Blanco”… e menos mal que viñeron as  apampantes series bíblicas,  en Technicolor e Cinemascope, menos lacrimóxenas, con todo o aparto das superproducións americáns, “Los Diez Mandamientos”, “Salomón y la Reina de Saba”… Mesmo o Cine Reque estreóuse na semana Santa do 1959 convidando a todos os nenos dos colexios a ver “Constantino el Grande” . Tempo e film que quedaron ben gravados no caletre.

Exercicios Espirituais pra avistar algo do Trasmundo

A pesares das ansias festivas motivadas polas  luces, brillos, cores e recendos florais da primavera, naquelas coresmas o interior da Igrexa enloitábase de negro e morado, cubríanse as imaxes dos santos como fantasmas nas súas fornallas, retirábanse candelabros, floreiros e manteis que adornaban os altares, nada de incensos. No centro do templo instalábase un  solemne catafalco cuberto de veludo negro, troncopiramidal, entre catro grandes cirios…as campás enmudecían. Sabiamos que tocaban exercicios espirituais, confesións, que era o tempo do precepto,  “ o preceuto”. En moitas cidades mesmo se crearon Casas de Exercicios Espirituais e non faltaron mozos que eran enviados a pasar días alí e dicían que retornaban como novos. No Carballiño ise espazos “espiritual” cumpríao ben un sitio para todo, o Asilo dos Irmaus Prieto… E alá iamos en sesión completa de tarde,  en días pra mulleres casadas,  outros pra viúvas, solteiras e outros pra mozos, diferente aos dos casados…. .  Xa moitos estaban adestrados nas experiencias das santas misións, pois isto era algo parecido….Un padre xesuíta, quizais daqueles formados en Camposancos, moi bos faladores ,  dos de púlpito e con voz á que non lle cumprían amplificadores, entre sombras e cirios, contaba historias de santos e mártires… Nunca esquecerei aquela que contaba lle aconteceu á moza Biruca: “….Birucaaaaa  era como tuuuuuu, como tuuuuuuu y como yooooo….le gustaba probar lo prohibido, el baile…y un día en esas….una mosca se poso en su frente y se cayó al suelo fulminada….(longo silencio, tanto que mesmo semellaba escoitar o zum zum dunha vareixa entre as telas moradas)… Biruca estaba muerta….( maís silencio).

Bailar es pecado

Ya en el funeral sus amigos de baile lloraban ….ella se erguió del atud y dijo : no receis por mi, estoy condenada….”(maís silencio) . Retumbaban os idos co timbal da mensaxe e todos pareciamos espertar dun pesadelo. De seguido indicábanse onde estaban os confesionarios…e todos facendo ringleira pra escoller o dun crego descoñecido. A verdade é que ao saír un sentíase lixeiro, como voando cos anxos.

As tabernas entreabrían as portas, servían vasos e netos de viño, as tapas de anguías, de malagueñas nunca faltaron, entre outras que non foran de carne. As cantarelas facíanse polo baixo e blasfemábase menos…De cando en vez os nenos penetrabamos dando lle voltas coa man ás carracas  entremeténdonos nas sesións de tute e dominó pra deixar á mensaxe  encomendada: “te se espera en la iglesia”.

Mesmo no pendello do Catro Olas, a carón da Igrexa vella, se montaba temporalmente un importante mercado de novenas, misais, estampas, imaxes de santos, algo que se fixo estable no Bazar do Benxamín, O Torrado, o Bazar X, o Albiñana…. Servidor presume de ter unha bo colección de novenas, medallas, cruces e santiños por todas as esquinas, reliquias daquel tempo.

Eran tempos de pesca e lembro que a meu pai, retornando na tardiña de practicala en Toscaña, coas presas  de cumprir coas sesións do precepto se llo ocorreu envolver e meter un  anzol no bolselo…e nesas xenuflexións de arriba e abaixo ,craváronselle no músculo e non se deu erguido …. os do seu redor cavilaban que o arrepentimento calara ben  no Felipe….  Asunto que  o meu pai  entendeu como penitencia.

Felipe Senén e Xosé Fumega (1959) – Foto Aurelio

Coresma coas súas vixilias e xaxúns,  sobre todo pra aqueles que non tiñan bula, a licencia que se expedía, previo pago na sancristía…aínda que para os máis relixiosos semellaba que aquela concesión non valía ben. Sendo neno e vindo dun recado da tenda do señor Marabillas,  atopoume don Evaristo, ao velo correndo fun a bicarlle a man  e soltoume “neno que levas nese cartucho ? ” fabas”  díxenlle e il contestoume “créeeocho!!!!!”… Don Evaristo coñecíame ben, máis aínda a o meu amigo Xoán  Perez Soto,  puntual e leal acólito, aínda hoxe, que domina a arte de repenicar as campás, de saber o “Confiteor deo omnipotens…” e a misa en latín enteira e de darlle voltas e reviravoltas ao incensario…que neso o Santi Pérez era un mestre total. Acólitos con privilexios de comer os retrincos das hostias sobrantes e mesmo ás veces acompañadas cun tostado especial de misar. Os demais non  se resistían a cometer un pecado de ir ás escondidas ás lacenas da Sancristía e mesmo meter a man no sacrílego. Acólitos, monaguillos de primeira, dignos tamén de vestir nos rosarios de Maio os hábitos azuis con roquetes de encaixe cubertos por capelinas reberetadas de angora, as que fixeran as do Hotel Carlos…aquelo xa eran palabras maiores e mesmo camiños directos pra ingresar no Seminario de Ourense, cando non nos Xesuítas de Vigo.

A Coresma remataba o Sábado de Gloria co que culmina a Semana Santa  e por medio e despois dunha longa e simbólica liturxia de Resurrección, cos cantos do Sanctus e o  Aleluia coa música do órgano, as voces de tenor de don Juan Corral, o Pepiño do Pan …. nese intre as campas de dentro e as de fora,  todas as da vila escachaban a repenicar. Entón, os nenos debían de poñerse en pe, derriba de algo…pois dicíase que medraban… Misa de bendición de óleos, de  a auga, do lume…e todos trataban de coller algo daquelas reliquias pra levar á casa a ansia dun novo renacer…  Día de Pascua dos padriños e das madriñas, de agasallar aos afillados e de estreas entón. Celebrada Pascua conmemorada cun roscón,  biscoito daqueles celebres (biscoito mamón), inseparables dun chocolate espeso, cando non borrachos de tostado ou de tinto espeso, os  que caracterizaron ao Carballiño e dos que da boa conta a Condesa de Pardo Bazán e que, como toda a Semana Santa merecerían un capítulo aparte.

Domingo de Pascua, cando é celebrada e en romaría á Virxe das Areas, en Cenlle, moi concorrida polas xentes do camiño, onde toda unha noite camiñando acompañei  á miña boa:  o Torrón, O Varón, Gomariz, a Ponte da Esperela, a Veiga, Cuñas, Esposende…. seguindo o Avía, entre penedos, socalcos, casas humildes e pazos…. Toda unha odisea pra  neno que era. Alí atopase un cun mundo ben coñecido o da Praza de Abastos e o das feiras: panadeiras, rosquilleiras, pulpeiras, carniceiros, tratantes…. A Pascua recendía a cinamomo e sabía ao anís das rosquillas e aos licores do Paniagua.

Martes de Entroido 2021

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño