O Psdeg de Viana demanda “explicacións” sobre os incumprimentos “continuados” por parte do goberno

O PSdeG-PSOE de Viana do Bolo critica que os gobernos municipais non cumpriron coas iniciativas socialistas aprobadas en pleno, a pesar de que as decisións adoptadas nas sesións teñen que ser tomadas en conta e tratar de xestionar a súa realización. Os socialistas critican que tanto na anterior lexislatura como na actual “presentáronse diversas mocións, nas que a maioría foron aprobadas” e denuncian que “non se está a facer nada nin durante o mandato do BNG, nin no actual mandato do PP para facer efectivas ditas mocións”.

Ante esta situación, os socialistas aproveitarán o pleno municipal que se celebrará mañá xoves para preguntar o actual equipo de goberno pola situación de diversas mocións de vital “importancia” para o municipio e a veciñanza. Dende a Agrupación Socialista de Viana poñen o foco na declaración de Festa de Interese Turístico Nacional do Entroido de Viana do Bolo, unha iniciativa socialista que foi aprobada tanto no pleno municipal como no Parlamento de Galicia, pero que tal e como apuntan “descoñecemos en que punto se atopa”. O Grupo Municipal Socialista aproveitará para preguntar en que situación se atopa este procedemento, se se realizaron os trámites diante da Xunta de Galicia e se se aportou a documentación solicitada polo ente autonómico. Apuntan que o actual alcalde “comprometeuse con esta iniciativa co seu voto a favor, polo que queremos que inicie os trámites para levar a cabo esta iniciativa de vital importancia para Viana e as súas xentes”.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na mesma situación se atopan outra moción socialista sobre un estudo da afección do gas radón nas edificacións do Concello. Segundo alertan dende o PSdeG-PSOE de Viana do Bolo “non temos constancia de en que situación se atopan os trámites, nin si se contactou con algunha empresa especializada nestes traballos”. Os socialistas reclaman que o goberno municipal pida información a outros concellos nos que se “levaron a cabo actuacións deste tipo” e que se poñan en contacto coa Deputación Provincial de Ourense para que “facilite que axudas económicas se poden solicitar para a realización de ditos traballos”.

Os socialistas tamén pedirán “explicacións” ante a falta de actuacións para dar cumprimento a moción, aprobada en sesión plenaria, e na que instaban ao goberno municipal a pór fin ao feísmo existente na rúa San Roque por mor da presencia de casas esborralladas. Tamén piden coñecer cando se vai a dar comezo ao arranxo da estrada de Santo Agostiño, “tan reclamado pola veciñanza e na que só nos atopamos con diversos aprazamentos”.