As tradicións do Entroido do Carballiño

Por Felipe-Senén

Eran os anos da ditadura no Carballiño: os do cabo Gil, logo os de José María Morugan no Cuartel; os  de don Mariano Rajoy Sobredo seguido de X. Antonio García Caridad nos Xulgados… os de don Evaristo Vaamonde nunha parroquia absorbida en construír un “Palacio para Díos”, de cambiantes alcaldes:  Luis Pereira (1954-1959), Camilo Rodríguez (1959-1961), Héctor Gonzalez(1961-1966, Javier Perea (1966-1967), Argimiro Marnotes (1977-1991). A guerra incivil quedaba vintetantos anos atrás, os que a portada da revista “La Codorniz”  retrataba cun xeroglífico co entón cacarexado titulo de “25 años de paz” e debaixo o debuxo dun puro e dun ovo. Creatividade que facía gala do seu lema  “la revista más audaz para el lector más inteligente.  A pesares de existir moitas prohibicións, como tapar a cara no Entroido semellaba non entenderse a cousa e, polo baixo, falábase e ríase das ordenanzas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Na tradición galega o Antroido, Entrudio… no Carballiño diciamos Entroido ou mesmo Carnaval era para a sociedade agraria a festa máis antiga: corentena repartida entre varios domingos e xoves  que culminaba en domingo, Luns, Martes e Mércores de Cinza co que se pechaba o ciclo pra entrar na Coresma. Celebracións cunha orixe perdida na Prehistoria, cando o ser humano se decata que hai estacións cambiantes que dan flores, froitos, sementes e todo murcha pra renacer de novo. Días incentivados pola tradición romana das festas Saturnais e Lupercais en honra de Baco , como tamén pola da festa céltica gaélica  do “Imbolc” cristianizada pola Candeloria…por certo daquela moi celebrada nas igrexas  con bendición de lume e auga.

O Entroido era o “introitus”, a entrada na primavera, as Carnestolendas, as festa da carne, tendo como reverso esoutra corentena , a da  Coresma. Ollo que este era no Carballiño tempo de rigoroso precepto: de vixilias, de exercicios espirituais con padres xesuítas de prestixio no púlpito, os que mesmo facían sentir a Deus como asomar ao Demo . Lembro os carteis de “Bailar es pecado”, as sesións de adoración nocturna e os rosarios da Aurora, a contrapropaganda do Entroido.

No Carballiño, vila de encrucillada, de feira e festa, de ir e vir,  de vagamundos, de transportes, corredores de viños, xamoneiros … – chegando o tempo da Candeloría  “….que chore ou non chore metade do inverno vai fora,  “cando se casan os paxariños” – adornaban a solapa cunha flor, tamén con ramallos de mimosas os cabalos, os carros ou os seus vehículo, pregoando así o Entroido. Esperada festa de iniciación para os máis novos, que no Carballiño, se non se celebraba o Domingo de Fareleiro ou o de Oleiro e Lardeiro, nin algún xoves do precepto tradicional,  si se celebraba o Domingo de Corredoiro, o Xoves de Comadres e máis que en ningunha parte o Domingo, o Luns , Martes de Entroido e Mércores de Cinza. Con tal motivo mesmo se desprazaban ao Carballiño mocidade de Ourense, de Lalín, de Ribadavia. Pois tiñan boa sona os bailes de salón,  os  da  “Sala Metropol”  na entón  flamante Casa Cortés, onde ademais estaban os xulgados e vivían os xuíces.  Naqueles anos tamén viviamos alí: o, meu pai entón pletórico en creatividade e humor, argalleiro armadanzas de ideas e disfraces, esperándose a súa chegada: vestido de prehistórico, de Rei Caveira, de astronauta….logo aproveitaba os disfraces e ía ao Liceo de Ourense pra duplicar o premio: unha botella xigante de Veterano, o que aínda conservo como do trofeos de pasado.

 Un Entroido que era o reino das músicas, de orquestras e tunas

Había ademais outra selecta sala, a que acollía os devezos do desaparecido Casino, institución da que toda vila “de progreso” debía presumir.  Era  o “Sporting Club”, nome de resonancias coloniais inglesas que sumaba o principio de  “mens sana in corpore sano”. E velaí sala de billar, mesas de xogo, prensa, pra ensaios musicais e taller de teatro, recitais…. Algúns dos protagonistas eran Munín, o Manolito Godas “ o Birria” e miña nai “a Muñeca”, Purita Silvares  como intérpretes, en galego, de obras de Prado Lameiro e Charlton Arias , recomendadas por Xosé Calviño Mariño. Todo ao que se sumaba a práctica do deporte e así no 1954  naceu o Sporting Club de futbol. Pra isto aproveitouse a solemne casa de Cesáreo Sobrino na rúa Mosquera nº-8, que xa ocupara o “Centro Recreativo”. Edificio que asoma á Rúa Maior con aqueles miradoiros en ferro fundido en Vilagarcía, xa desaparecidos e que ademais tiña  detrás o “Pavillón Neira”, sala de cine e de teatro, toda un foro cultural.

Nesa afección musical da vila nacen tunas como “Los interrogantes”  que logo  serán orixe doutras agrupacións como  “Los Caballeros de otro siglo” , base de “Los  Mosqueteros”, todos vestidos con traxe de infante de Luis XIV: calzas negras, camisa branca frouxa e colo branco pra lazo roxo no pescozo, cubertos con capa negra forrada de raso roxo brillante, con cintas de todas as cores pendurada, complementábase con sombreiro negro de ala longa… outra era a “Tuna Carballiñesa”. Grupos que vinculaban a veteranos e mozos, xente de todas as profesións e oficios, todos xunguidos pola música. Nesa competitividade non deixou de haber escisións en desacordo cos directores e polas actuacións. Así é que os “ Los Mosqueteros” pasaron a ser “Los Leales” fronte á escisión dos “ Rebeldes”; os primeiros estaban guiados polo mestre don Bernardino González (alcalde do Carballiño de 1949-1954 )  e os “Rebeldes” polo profesor Xosé Rodríguez ( o Peta).

Entre aquelas leas  de “ sui géneris” Capuletos e Montescos carballiñeses, a familia de servidor era dos Rebeldes, mesmo meu pai oficiaba como de “asesor” artístico  (para pancartas, bandeiras e ata o deseño dos traxes) . As letras e musicas eran as clásicas das tunas ás que se sumaban as de produción local con letras de Fariña Jamardo  ou de  “Gito” , taberneiro culto e laureado nos certames de “Taberna e Poesía”   galardoado  coa “ Flor de toxo”  a que complementou co caravel roxo que sempre lucía na solapa. O grupo de pandereteiros daquelas tunas  era maxistral, emocionante nos pasacalles  para unha vila que se poñía en pe e esquecía, momentaneamente, pasados . Todos os nenos queriamos ser daquelas tunas ás que o mesmo concello lle rendía honores, ate romper fronteiras e ir actuar á Coruña… Servidor,  con cinco anos foi como mascota, o pandereitiña, co meu traxe barroco, cun aquel velazqueño: de veludo verde-botella, abeirado de roxo, gorgueira acordeonada, barroca, cinto de fibela prateada suxeitando un calzón do mesmo cor ata o xeonllo onde se  ataba ás medias brancas con lazo roxo… zapato negro e sombreiro de tres picos…sen faltar a capa negra forrada de raso roxo e ben cuberta de cintas bordadas ao voo. Os despachos de telas, o Fariñas, Larodry, Gavilán, Galicia… non daban feito a pedir rolos de telas e as modistas e os xastres a cortar e coser.

Rebeldes 1953. Teatro Colón A Coruña. Foto F. López

Rondallas do Carballiño que acadaron  sona,  pra ser os “Rebeldes” reclamados polo Teatro de Ribadavia, polo “Colón” da Coruña nun  inesquecible Entroido do 1953 presentados polo verbo farto de Otero Pedrayo. Recibidos con honores en Compostela polas autoridades políticas, militares e eclesiásticas… E alá onde fosen, media vila  se desprazaba con eles nos autocares.  Agrupacións con todo o seu protocolo de músicos de orde: garrido abandeirado e sen faltar as súas Madriñas e á moda cinematográfica de Ava Gadner: a Conchita Barreiros da Telefónica , a Chituca do Señor Porfirio, o dentista…todos na foto nese monumento  popular que era a escalinata da Praza de Abastos.

Rebeldes 1952. Foto F. López

Abrindo aos sesenta no primeiro piso do Cine Rivas nacería un novo Casino, que logo pasaría ao edifico en propiedade da rúa Mosquera nº6, a un tempo que abría a Sala de Festas Reque. Febre musical da que naceu a célebre “Orquestra Millara”, que ademais foi escola de músicos e orquestras con sona máis alá de Galicia.

Eran as tardiñas e noites do Entroido cando lucir musicas e bailes, reducidos a salas máis ou menos populares e a un ir e vir a xeito desfile de performaces ambulantes pola  rúa maior. Namentres as igrexas permanecían abertas en liturxia de desagravio.

A liberdade retranqueira e creativa dos Liborianos, poñendo paz

Era na casa onde todo o ano se estrebillaba e se cosía un disfrazo co que no Entroido dar a sorpresa, como exposición do estado creativo e do humor dunha colectividade. Sobre todo  naqueles bares onde as peñas preparaban a saída festiva: adornar un carromato, un cabalo, formar unha comparsa… e mesmo houbo un considerado catequista que argallou vestirse de farelaes con bata de cola… pra logo levar a conseguinte reprimenda do coadxutor . Ao párroco don Evaristo tampouco lle molestaba, mesmo as mascaritas acudían, como se nada, a bicarlle a man. Aínda que tampouco faltaban os máis papistas que o Papa.

Entre os bares, todos eles coa súa especialidade, sendo sobranceira a Casa Celia, hotel ademais e alí,  ao fronte, argallando Entroido, farto e xeneroso o Paco da Celia, el co seu trombón, ben auxiliado por outros foi a alma mater , a batuta maxistral de “Os Liborianos”. Agrupación inicialmente co  suxestivo nome  galego de “Os fartos da Libroria”, nacido no 1954, os que facían gala da retranca e da liberdade poñendo paz e un sorriso nas divisións-

Os Librorianos aparecen polas rúas nun tempo que se esperaba a estación do  ferrocarril, cando boa parte da mocidade emigra pras américas e Europa, cando os problemas coa igrexa impiden a chegada da traída de augas, se inaugura a Residencia, a Piscifactoria e se vai rematando a Veracruz… eses eran os temas retratados de xeito retranqueiro, con musicas sacadas dos celebres festivais de San Remo ou o de Benidorm. Os Librorianos, nome culto, representativo dun grupo de intelectuais, alude á liberdade retranqueira….e son xa parte inseparable xa do  esperado Entroido carballiñés

Todos os exotismos e  influencias saen á rúa e espéranse no Entroido: as venecianas, as provenzais, as brasileiras, gaditanas, tenirfeñas….tempo de cor, músicas e ruído, no que do dereito faise o revés pra ser catarse individual e colectiva, redimindo con burlas o mal feito.

Abríase as arcas e sacábase a roupa vella, a dos defuntos… pra ser mascarita da borralla valian ben. A improvisación era una solución pro Entroido, un xeito tamén de desafiar ao pasado . Así que non faltaba un sombreiro canotier do quen estivera en Cuba, outro de mexicano ou un poncho da Pampa arxentina, unha levita de avogado … e ate por ver víanse casacas, sables e medallas de guerras pasadas,  da División Azul… Tempo no que todo sae a relocir..

Mascaras tradicionais choqueiros coas chocas ao cinto, tintineando, aínda que hoxe os asociemos con traxes improvisados. No ribeiro arrastrábanse os sachos, os rodos, ruxindo polo chan como pra espertar, velaí os “Rodos” recuperados en Pazos de Arenteiro

Cando o batallón de Felos masidaos entraba na Praza Maior…a tradición entraba no corazón

 O nome de felo poda ter que ver con felón, o retranqueiro e mentireiro, como de felechos, flecos e  de  feluche, o remol, a cinza que tamén se botaba  entre mozos e mozas nestes días, símbolo de fecundidade.

Felo de Garabás . Debuxo Felipe Senén

O momento máis esperado era cando chegaban os Felos de Garabás.  Entendidos como o retorno festivo dos arrieiros….montados nos seus facos engalanados de brillo, cintas e axóuxeres,  na testa un exótico ramillete de plumas.  Eles cruzado por diante un mantón de Manila, exótica concesións das mozas.  Algo esencial a moitas máscaras tradicionais galegas, a máis das chocas,  eran os exóticos mantóns. Os facos poñíanse a paso xerezano, trepando pola rúa maior, cara á Praza, desfilando, eles esporeando coas botas, os pantalóns case de maragato, o chaleco de tratante masidao e o sombreiro de ala ampla e todo, todo cuberto de  cintas de cores ao vento complementadas con retrincos de espelliños reflectindo as luces…

 Era o mundo endomingado e feliz dos arrieiros, enxalzado en cor e músicas de axóuxeres. Parábase roldaban en circo, encetado o pregón con solemne e ecoante voz nasal : “Señoooooraaas e Señooooreeeesssss velaquí os felos pra alegrar as horas”. Ao remate os felos retirábanse de vagar, facíano cantando un “adiós con el corazón”, entre aplausos. Logo xa Fontenla fustrigando e ao trote. Atrás, con algún felecho solto, quedaban as nostalxias. Mundo do Entroido, da Liberdade que inspirou a grandes creadores.

O Noso tempo incorpora cousas novas, entre elas a incorporación da muller á mascara tradicional, cando estaba unicamente reservada aos homes, por canto significa de brutalidade, de forza da natureza que invade o mundo civilizado.

Tempo no que manda a carne, presidido pola cachucha do porco cocida, entre restras de chourizos e os derradeiros grelos. Pois xa virá a Coresma do bacallau e os garavanzos…. E como sobremesa unhas orellas de frade ou unhas torrijas fritas de pan envolto en ovo, con mel e azucre, filloas…e aquel biscoito de “Meimón”, co que rivalizaban vilas de paso e feira,  xa desaparecido para gloria doutros bo faceres.

No lusco fusco do Mércores de Cinza, despois de lembrarnos en misa pola mañá que somos parte da terra é a Terra volveremos… baixábase e sacábase “o Meco” ( o moneco de palla e cartón revestido) do pau que o erguía na praza maior, símbolo das Carnestolendas. Logo  metíase nun cadaleito e entre choronas levábase en condución á ponte de Toscaña pra ser queimado e botalo ao Arenteiro… desfacéndose en fachicos de lume entre foguetes, aturuxos e estrondo. Entrábase así na Coresma dos cavilares e das vixilias, entra as dúas caras da vida.

Xoves de Comadres, Febreiro  2021

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño