Os informes técnicos avalan as adxudicacións da Deputación que estuda o Consello de Contas

Os informes técnicos e xurídicos da Deputación de Ourense avalan os contratos e adxudicacións da institución provincial que está a supervisar o Consello de Contas. Neste sentido, a Deputación garante, en base aos criterios dos técnicos, que non existe ilegalidade algunha nos referidos procedementos, e que toda a información en detalle estivo e está a disposición de quen desexe consultala, sobre a área económica e sobre todas as demais áreas, o cen por cen da información e procedementos, o que certifica que a Deputación de Ourense é a máis transparente de España, ocupando o primeiro posto no ranking de Transparencia dos gobernos provinciais do Estado, clasificación na cal as demais deputacións de Galicia ocupan postos sensiblemente inferiores con respecto á de Ourense.

Neste sentido, non se coñece a totalidade dos contratos que adxudican as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, pero si son públicos todos os contratos que adxudica a Deputación de Ourense.

AVANTAR ACTIVIDADES

O goberno provincial considera lóxico que o Consello de Contas, como ente fiscalizador que é, analice os procedementos que levan a cabo en materia económica as diferentes administracións públicas, pois entre as súas funcións figuran as de estudo das deputacións -das catro galegas-, sendo o órgano competente para fiscalizar a xestión económica, financeira e contable do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia, e de asesorar ao Parlamento de Galicia e materia económico-financeira.

Todas as adxudicacións e os contratos que realiza a Deputación de Ourense están avalados polos técnicos da institución provincial, e estas actuacións que leva a cabo o Consello de Contas xa foron comunicadas á Deputación fai, alomenos, mes e medio, procedemento que segue nestes momentos os respectivos trámites administrativos con plena normalidade e transparencia.

Con relación ao programa de traballo da área específica de estudo das deputacións galegas, xa tivo lugar unha reunión entre o presidente da Deputación de Ourense, a conselleira de Contas responsable deste tipo de procedementos, os técnicos correspondentes do Consello de Contas e a interventora xeral da Deputación, dentro dos procedementos habituais que se seguen nas administracións públicas en materia de fiscalización