
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) asumirá as competencias en materia de inspección, sanción e restablecemento da legalidade nos concellos de Cenlle e Boqueixón. A súa adhesión formalizouse hoxe coa sinatura de senllos convenios entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vazquez, e os alcaldes de Cenlle, José Manuel Rodríguez, e de Boqueixón, Manuel Fernández. Ademais, o rexedor de Piñor, José Luis González, tamén formalizou esta mañá o acordo para ampliar as actuais funcións da APLU neste municipio.
Con estas dúas novas incorporacións, o organismo autonómico ten asumidas xa as competencias dun total de 91 concellos en toda Galicia (31 na provincia da Coruña, 27 na de Ourense, 18 en Lugo e 15 en Pontevedra).A integración na Axencia ofrece toda unha serie de beneficios e vantaxes para os municipios.
Así, en virtude dos convenios asinados hoxe, Cenlle e Boqueixón delegan as súas competencias de inspección, supervisión, sanción e restablecemento da legalidade urbanística relativas a aquelas obras que se executen sen licenza, sempre que estean en solo rústico non urbanizable, en solo urbanizable ou apto mentres non se aprobe o correspondente planeamento, ou en núcleos rurais delimitados no correspondente PXOM.
De igual xeito, a APLU comprométese a transferir aos concellos o 10% do produto das multas coercitivas e das sancións impostas ata un máximo de 30.000 euros anuais e asume como principais funcións a tramitación dos expedientes de reposición así como os sancionadores, a prestación de asistencia técnica e xurídica a todos os municipios adheridos e a formación e sensibilización dos cidadáns na protección do territorio e da paisaxe.