Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

Por Felipe-Senén

Publicidade

O cine marcou fondamente a infancia e a mocidade de xeracións carballiñesas  e máis a servidor – que por familiaridade cos propietarios das salas, por ser o pai  eventual maquinista ou por pintar os cartelóns xerais das películas –  tiña a fortuna de ter entrada gratuíta. Tardes de sábado e domingo enteiras repetindo a mesma película ou en sesión continua vendo dúas diferentes. Claro que antes había que ver na carteleira do portal da Igrexa vella  a “censura episcopal” emitida polo “Secretariado de la Comisión para la Doctrina de la fe”, algo que ia máis alo da clasificación de “no apta”, “apta” ou “autorizada para todos os públicos” das carteleiras, as fichas do nacional catolicismo cunha clasificación de 1 a 4 para as máis “verdes” (como “El último tango en París”), seguida dunha síntese argumental que xa quixera hoxe filmaffinity. As pelicula que máis me impactaron na infancia foi “Scaramuche” , “Anna” e o  longuísimometraxe “Lo que el viento se llevó”  proxectadas no Pavillón Neira, esta última subtitulada polos carballiñeses de entón e por motivos obvios á duración de máis de 4 horas nos asentos de madeira como “Lo que el culo aguantó”… e  xa entrado na mocidade “Dos mujeres” (La Ciociara) pola que, no 1961 recibe o Oscar  á mellor actriz, Sofía Loren. Quizais foi iste o mellor film que se proxectou na efémera sala do meu tío Pepe Reque, máis afeccionado ás de John Wayne, coincidente cos gustos vaqueiros e o parecido que tiña  co actor: intrépidos caporais, xinetes de sombreiro…. Películas que, entre nós, clasificabamos  de históricas, relixiosas, de amor, de vaqueiros, de medo, de policías e ladróns, de risa, de guerra, da selva, musicais …  e nas que se mataba ata o apuntador… resumo que asentaban os que salían, coa cara acalorada, as consultas dos que entraban.

Ao falar de cine e do Carballiño inevitablemente temos que referirnos ao escritor e cinéfilo, carballiñés de cerna, Miguel Anxo Fernández, de contrastada traxectoria no estudo e divulgación do cine, polo seu bo facer: consultando cos que quedan, documentando e investigando aspectos da vida da súa vila, os que poderían quedar asolagados nas augas do río do esquecemento. Historia a par coa da fotografía e do cine, onde a vila estivo na primeira liña.  Campinas, Gerardo Pérez, Godás, Alonso, Rizo, Info, Orjales, Aurelio….fotógrafos de rúa ou de estudio que documentan a vida da vila “A Crónica de Cine, O Carballiño 1900-1994 (1994)” de Miguel Anxo Fernández é fermoso e necesario libro que abre portas ao que contamos aquí.

Historia da fotografía e do cine que, dende o seu inicio, van en paralelo á historia do Carballiño.  Lembranzas que inevitablemente me traen o cheiro dos ácidos de revelador, a luz da sagrada cámara escura de luz vermella, da ampliadora, probetas, bandexas, pinzas que usaba meu pai…. Tampouco me foron alleas as máquinas de proxectar cine, co seu máxico feixe de luz producida polo encontro dos carbóns proxectando figuras na pantalla.

A través da fotografía e do cine entraron novidades e modas, por algo chamada “Sétima Arte”. Formulas de comunicación e solidarización que transcenden á Galaxia Gutembrg. Artes medradas arredor da feira e da festas, así pois novidades ás que estaba atento o Carballiño dos “americanos” e que se puxeron en práctica publica dende os primeiros anos da súa historia, entre outras atraccións. Historia protagonizada polos tataravós, os  bisavós, avós,  pais e por nós mesmos.

Esvaese na historia do cine no Carballiño o nome de Camilo López, que a principios do século XX, no seu bar e fonda do Campo da feira, proxectou as primeiras películas, lugar de encontro que estaba no que sería a mesma Praza Maior e non no fachendoso Casino para a que se construíu en inicio a que sería as Colonias de Antonio Soto. Campos de feira onde se expresa toda a ilustración municipal e popular. Cine, en inicio divertimento de feira ao que estaría atento o natural de Arcos, Isaac Fraga Penedo (1888-1982) pioneiro e exitoso empresario de cine que ademais de proxectar  iniciarase filmando con rudimentarias cámaras. Saberes que trouxo indo e vindo a Bos Aires, novidades coas que experimentou comercialmente, pois habería algo máis pra sorprender que a vaca de tres rabos e dúas cabezas, que a muller esqueleto, que o Tragaestopas e o Barriga Verde, que a meiga que adiviñaba o porvir ou que a menciñeira das cobras e os lagartos….e aqueles teatriños armados en madeira nunha horas, que ofrecían obras clásicas entre varietés de sombreiros de plumas, purpurinas, abelorios e arrecendo a Embrujo de Sevilla…sometidos á censura relixiosa e a un cabo Gil.

O Pavillón Neira na memoria arqueolóxica da industria do cine

Parece ser que o Pavillón Neira se abre no 1911, iniciativa do culto don Xesús Neira, potenciado polos seus amigos, os Quiroga de Banga, en especial polo marido da Condesa. Pavillón na traseira da casa construída no 1894, tal como campa labrado no seu coroamento polo potentado Cesáreo Sobrino, Rúa Mosquera 8. Edificio este que acollería no baixo o Café e no primeiro piso o Sporting Club, coa súa sala de lectura, a sala de billar, as portas interiores de batente cos seus óculos de vidro, as lámpadas pra unha luz eléctrica que chegaría á vila no 1886, os “miradores”  ou “quitapesares”, de estrutura en ferro fundido, abertos á rúa maior,  E detrás o devandito pavillón pra unhas 300 persoas, dedicado  a musica, teatro e concorridos bailes de Entroido, a cine… Butacas de madeira, de asento abatible e que cando non gustaba a película, ao final, pechábanse cun estrondo de carraca.

Don José Quiroga a Jesús Neira (X) – 1886

Don Xesús Neira e o seu fillo Xosé Neira Álvarez,  caste de músicos cultos e empresarios de salóns de festa, ben o sabemos pola familiaridade, Pepe aprendiz de violín con Sarasate – irmáns traballadoras no madrileño palacete dos Mora e Aragón –  sendo mozo acompañaba ao piano ou ao violín algunhas proxeccións de cine mudo naquel pavillón montado  tras a casa de Cesáreo Sobrino feita pra animar a vila con café e salas de xogo e festa. O habilidoso Isaac Fraga, respectou ao seu veciños cos que non se atreveu a competir.

Lamentamos que non se conservara, tan sequera, media ducia de butacas de madeira e a máquina de cine do Pavillón Neira, nin tan sequera fotografías, con aquel sinxelo escenario presidido no frontón, dende os anos da guerra, polos vermellos xugo e as catro frechas, pois alguén lle arrincara a quinta nunha tentativa antifacha. Barracón que semellaba os dos campos de concentración: no exterior de táboas argaladas, pintadas á liñaza en marrón. Cubo  cuberto de chapas de latón que tamborileaban co caer da chuvia;  o interior do teito entre tirantes de ferro,  revestido cun ule ocre claro, rachado en partes e que despedía un inesquecible cheiro a liñaza … nas paredes os apliques coas bombilla e aquelas portas laterais de carril. Portas que nas calorosas noitiñas do verán se abrían deixando pasar coa frescura os berros das nenas do veciño colexio das monxas confundidos coa grandilocuencia do cine…No inverno,  á dereita do escenario, a carón dos bancos de primeira fila que facían de máis barato “galiñeiro” , acendíase con leña unha romántica estufa de ferro verde. Non faltaba o ocorrente que levaba pra merenda de cine un chourizo e mesmo se poñía a asalo alí co conseguinte arrecendo, nin quen meteu a man de máis e chamuscouna…coa conseguinte e sempre benévola comprensións de don Pepe Neira, ao que aplicaban provisionalmente algún alcume en relación coa película de moda. e que xa daría pra un bo argumento de novela ou película. Niso dos alcumes da vila non entramos, que haber habíaos e non son do gusto de todos.

Isaac Fraga foi xeneroso e colaborou co seu veciño  Pepe Neira co que acabou asociándose, seguidor dunha saga de músicos dedicados ao ocio. O 31 de maio do 1963 foi a ultima sesión daquel espazo arqueolóxico na historia do cine galego.

Domingos de misa, sesión vermouth e polas tardes cine

A metade do século XX marca a apoteose do cine,  é entón cando xente moza, con ideas e ben asesorada tenta retomar o camiño e construír un edifico con sala de festas sala e outra de cine, estable. En Ourense constrúese o Cine Yago e faise  baixo as directrices do arquitecto Manuel Conde Fidalgo, ben coñecido  e solicitado nun Carballiño en obras tamén para o que sería Cine Alameda.

É o carballiñés Martín Román Rodríguez Godás quen pensa na idea deste novo cine para a súa vila. Viaxa a Madrid, acompañado do seu cuñado, o historiador da Arte, Manuel Chamoso Lamas, ven salas, mesmo encargan dúas reproducións de esculturas gregas en escaiola: dama con xerra apoiada nunha escaleira e fauno tocando a frauta…Chamoso falábame sobre a calidade destas esculturas, feitas por alumnos da Escola de Belas Artes de San Fernando.  Sala decorada en escaiola por profesionais de Valladolid. Nada sobreviviu.

Plano de Fachada do Cine Alameda

 Román coñece e asesorase por outro gran profesional do cine, Adriano Morán de Ponferrada, parente por parte paterna de que isto escribe. Román, compite, busca en exclusividade as mellores multinacionais de Hollywood para un cine cómodo cunhas 400 butacas e unha “xeneral” ou galiñeiro de tres filas de butacas en primeira liñas de varanda e detrás chanzos corridos de madeira, moi concorrido polos rapaces. Dotado con dúas maquinas para proxección continua, tal como esixían as mellores produtoras, espazos pra cartelóns de entrada feitos por Manolo Godás. un primaveral domingo 16 de maio do ano 1948 estreábase o Teatro Cine Alameda co film “Sudán: La reina del Nilo”. Sala  que serviu pra celebrar os actos oficiais da vila e pola que ademais pasaron as compañías de Ana Mariscal, Antonio Machín, Antonio Molina, Rocio Durcal, Lilian de Celis, Tony Leblanc…  A xerencia logo compartirase co mestre Manuel Martínez Doval , a partires  do 1980 pasará á empresa Fylcine, no 1988 á Sociedade Carballiño Cine SL. Cine que resiste ata o fin do milenio e ate onde poden os seus promotores e propietarios, os que máis sentiron o declive.

” La vida es Bella ” última pelicula proxectada no Cine Alameda

 A mediados de marzo, cando se anunciaba a Semana Santa do 1961 abre o Cine Reque, empeño do empresario Xosé Muñoz Reque, coa idea de complementar un edificio sinxelo, que no soto teña a sala de festas, no baixo o cine e no primeiro a vivenda, segundo proposta do estudio de arquitectura do vigués Antonio Cominges.

Constantino el grande, inauguración cine Reque, 3-1961

Sala que ven a ser un gran contedor rectangular pra unhas 600 butacas, que naceu e viviu con certa provisionalidade, decorada en degradacións de azul a branco con luz indirecta que desembocaban no gran escenario… pero con grandes deficiencias: a calefacción, as contraportas sen cortinas que deixaban pasar a luz cada vez que alguén entraba….A película escollida para a súa inauguración foi unha “histórica”, “Constantino el Grande” e os nenos dos colexios foron convidados a este evento case catequético…quizais como acto de penitencia polas ameazas de excomuñón recibidas do coadxutor polos concorridos bailes que viña convocando na sala de festas. Logo especializouse n películas de vaqueiros, moi a gusto do seu promotor.

No o esquecerei: un 18 de marzo do 1962 namentres se proxectaba, en sesión continua de catro da tarde, a película “El FBI y las damas” prodúcese na sala un incendio orixinado pola fedechosa calefacción do petróleo instalada baixo o escenario… Foi a cousa máis de alarmante e afogante fume que de lume. Recordo a meu pa coa cara emborralla, sangrando, sen folgo, indo e vindo, apagando o lume….pois niso do cine era incondicional todoterreo, auxiliaba a todas as salas, tanto pintado os cartelóns  como de maquinista no caso que faltase algún dos técnicos. E foino de vello, pois xa a fins dos cincuenta, animando e proxectando films de Charlot no “Auxilio Social” da Avenida de Rodríguez Soto cunha pequena máquina e latas con rolos que aínda conservo.

O 14 de setembro do 1962 inaugurouse o Cine Rivas coa película “El rostro impenetrable”, nacía  nun ambiente de espera, con marketing publicitario. Mesmo lembro cando chegou nun camión trailer e rotulada “ La pantalla de cine más grande del mundo”, para Cinemascope e Panavisión…. Butacas de skay, paredes de “virotern”, unha sala con todas as novidades para provocar os sentidos. Aquela sala ofrecíase como a mellor de Galicia e podemos dicilo que así era, moi ao estilo do Cine Riazor da Coruña.  

pasquins cine Carballiño (Col. F. Senén)

Manuel e José Rivas González eran os promotores e como xestor o director do Banco Pastor e animador do novo Casino, Vicente Torres, Sánchez  ate 1987 que sería explotado por Xosé Castro García, promotor de Carballiño Cine S. L. ata o seu peche o 30 de setembro do 1989.

A década do setenta cubriuse cun nubeiro de incertezas pras salas de cine, anunciábase o peche, o derribo…historias comúns a moitos sitios que reflicte o film  “Cinema Paradiso” (1988) e que son nosas.

E un 13 de setembro de 1990 abre o Cinema Paradiso, con algo máis que un cento de butacas, promovido por unha empresa esperanzada en novas ilusións, Carballiño SL, vencellada ao Cineclube Carballiño, Alfredo Freixeiro foi o arquitecto nun intento titánico por manter unha tradición carballiñesa.

O nacemento da  Casa da Cultura, do Centro Cultural Manuel María incorporaron aos seus salóns novas tecnoloxías, máis as salas de cine estable desapareceron do Carballiño. Atrás queda a lembranza de empresarios, amables empregados, maquinistas, acomodadores de lanterna, taquilleiros…tan queridos, parte de tantas vidas e que temo a nomealos por esquecer a algún.

As raiceiras da historia prenderon e deron lugar a asociacións de cine, como o Cine Club do Carballiño, de fotografía, como a que lembra ao ben lembrado e querido Gabriel Alonso, “Potiños”. Pepe Prada, Miguel Anxo Fernández,  Xosé Luis Cabo,  Manuel “Celta”, Xosé Luis Díz…e tantos outros que seguen este foco de luz creadora carballiñesa.  Perda que non houbera sensibilidade municipal para gardar nun almacén parte desa arqueoloxía industrial: os panos de fondo de fotógrafos ambulantes, seguro que feitos no taller de escenografías que Camilo Díaz Baliño tiña na Casa da Tumbona. Camilo Díaz foi contratado polo carballiñés  Isaac Fraga, empresario do cine e do espectáculo que trunfaba pola península adiante, competindo con outros galegos que dominaban a escena. Díaz Baliño, seguidor de Risco, nacionalista galego foi “paseado” cruelmente na guerra incivil. Fraga foi o padriño do fillo daquel, Isaac Díaz Pardo, o que de mozo sobreviviu colaborando con aquela empresa e fixo modelos pra escaiolas decorativs de enmarques de escenario, como o referente “Colón” da Coruña, e mesmo coidamos que puideran ter a súa man os elementos de enmarque e o frontón das dúas mulleres recostadas e con trompeta que centran o escudo do Carballiño no Cine Alameda.

Aínda nos quedan as valiosas fotografías de Moncho Fuentes, quen leva  no seu adn o mellor daquel ambiente cinéfilo carballiñés o que viviu dende neno.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño