O BNG esíxelle responsabilidades a PP e DO trala anulación parcial dos orzamentos de 2020 por parte da xustiza

Os nacionalistas lembran que xa durante o seu debate, alertaron da ilegalidade dos mesmos ao vulnerar o dereito fundamental de negociación colectiva, algo que a xustiza ven de acreditar

Esta mañá coñecíase a sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso Administrativo número 2 de Ourense e na que, logo da estimación por parte do xuiz do recurso presentado no seu día pola CIG, ven de anular o capítulo I dos orzamentos de 2020, os primeiros aprobados tras 6 anos sen contas ao día por parte do Concello.

AVANTAR ACTIVIDADES

O concelleiro e portavoz do BNG Luis Seara afirma que, “a sentenza danos a razón tanto aos sindicatos como aos grupos, nomeadamente ao BNG que xa no seu día advertimos da ilegalidade dos orzamentos que se pretendían aprobar e que de feito, se aprobaron”.

Para os nacionalistas queda claramente acreditado que houbo unha vulneración flagrante dun dereito fundamental como é o dereito á negociación colectiva ao tempo que lembran que xa durante o debate das contan advertiron ao entón goberno bipartito PP-DO da súa ilegalidade.

Seara ten claro que,  “aínda sabendo iso e con absoluta consciencia, PP e DO decidiron tirar cara adiante e sacar uns orzamentos a costa do que fora e que agora nos deixa nunha situación na que se empantana aínda máis a xa caótica situación da cidade.

Igualmente, Luis Seara afirma que “entendemos que o orzamento é unha estrutura única polo que a sentenza afecta a súa totalidade en tanto en canto afecta ao principio de equilibrio orzamentario”.

Ate esta situación, Seara avanza que “solicitaremos informes xurídicos para clarexar a afectación da sentenza sobre a modificación de crédito dos 62 millóns de euros plantexa por Jácome hai algunhas semanas”, ao tempo que lembra que “no último pleno o propio Jácome agradecía públicamente á concelleira Ana Morenza polo traballo feito e pola aprobación dun magnífico orzamento”. Á vista da sentenza “seguirá dándolle as grazas ou pediralle que deixe a súa acta de concelleira?”.