O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Por Felipe-Senén

Publicidade

Presumimos no Carballiño dun singular monumento, o que hoxe se ergue abrindo a esoutro orgullo da vila, o Parque Municipal. Esculturas sobre as que pousaron as olladas dos nenos que fomos, arredor dos xogos naquelas tardiñas de merendas do verán, despois da raxeira, pola fresca cando alí bate ese especial relento de frescura que tanto aquece.

Monumento irmans Prieto Carballiño 1962 (foto F. López)

Monumento cunha longa historia artística, tamén de acordos e desacordos municipais.  A súa estrutura é a dun gran pedestal pétreo e labrado maxistralmente, ascendendo ao ceo. Diminuíndo en altura e arredor dun piar oitavado fanse sobranceiros os catro magníficos bustos de bronce dos  filántropos irmáns Prieto Pereira, fundidos nos talleres madrileños dos Irmáns Codina de Madrid e na Casa Altuna de Bilbao, sobre capiteis, sobre os que culmina a figura en mármore de Carrara, pese a que orixinariamente pensárase fundir en bronce,  dunha monxa dándolle a súa man dereita a un neno e pousando a esquerda sobre un ancián, axudado dun caxato e dobregado polos anos . Esculturas en escala maior á natural, a fin de reclamar atención. Obra significativa dun tempo no que o romanticismo historicista se enguedella coa sensibilidade  xeométrica Art-decó e as liberdades do Modernismo. Pese a que o seu creador era integralmente conservador, realista, anecdótico, teatral como a literatura da Pardo Bazán.  Os estudosos cualifica este conxunto do Carballiño como “a obra máis monumental e costosa de Larrauri” e tamén a de realización que mais se alongou no tempo.

Jose Mateo Larrauri Martínez  é o  mestre escultor do Monumento aos Irmáns  Prieto do Carballiño. Nacido en marzo de 1885 en Compostela, cidade á que fora deportado o pai, tenente do exército carlista. José Mateo era o maior de catro irmáns daquela familia procedente de Araba, Euskadi. Catequizado na relixión e dende moi neno alumno da Escola de Artes y Oficios,  ademais con prácticas no taller que o prestixioso imaxineiro gaditano Ramón Nuñez  tiña na rúa Nova. Larrauri faise sobranceiro alumno: entre o 1903-1907 bolseiro e licenciado con premio na Escola de Artes e Oficios da madrileña rúa da Palma. Anos madrileños nos que ingresa na Escola de Pintura, Escultura e Gravado da Academia de San Fernando, a un tempo que fai prácticas nos talleres de José Alcoverro Amorós  e no de Aniceto Mariñas García.  Atento aos concursos, Larrauri obtén mención honorífica nas exposicións nacionais de 1908, 1910 e na de 1912 será Terceira Medalla.  Na Exposición Rexional Galega de 1909 concédeselle a Medalla de Ouro. Escultor reclamado polos grandes centros da emigración galega na Arxentina e no Uruguai.  Descríbesenos e maxinámolo como un tipo valleinclanesco carlista: cabeza cadrada, ollos fundidos, barbudo e de bigote inglés, que vestía de capa e chapela, de carácter conservador,  que prefire os temas anecdóticos e con certa nota de nostalxia, os que trata con gran coñecemento do clasicismo, da anatomía e do xesto, mestre no retrato escultórico e que consciente fuxe dos entón influentes ventos rodiniáns.

Casado en Madrid no 1910, retorna a vivir á Pobra do Caramiñal, para ser protexido pola poderosa familia dos Díaz de Rábago e Gasset, protectores a un tempo de Valle Inclán. Dará clase de debuxo na Escola Municipal, alternando como escultor. Clausurada aquela escola pasa a Compostela para establecer o seu taller na rúa do Vilar 11. Cidade de escultores e ilustres imaxineiros como gustaba diferenciar Valle-Inclán: Brocos, San Martín de la Serna, López Mirás,  Madariaga, Ricardo Pascual Temprano, Bnome, Magariños…

Larrauri compite, e sen éxito, con Asorey para a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina. No 1922 logra, por oposición, a praza de composición decorativa na Escola de Artes y Oficios de Valladolid, a que permutará pola de Zaragoza. Terá sete fillos con oficios que denotan as querenzas do pai: un franciscano, outro médico, outro requeté e dúas fillas relixiosas. A guerra civil truncaría as súas aspiracións pois péchase a escola de Zaragoza da que era director. No 1949 participa na exposición Cen Anos de Arte en Galicia, promovida pola Academia Galega de Belas Artes. Momentos nos que colabora co seu alumno predilecto José Juan. Larraurí debilitado polo alzheimer deixa este mundo en Zaragoza no ano 1958, onde recibe sepultura.

Mateo  Larrauri é autor de atractivos monumentos públicos  como o que, dende 1918 se ergue na Ferradura compostelán,  dedicado a Pedro Pais Lapido, da organización da Exposición Rexional Galega de 1909, no que gaña un concurso en competencia con Asorey.

Monumento a Pedro Pais Lapido Ferradura ComposTelán (Escultor Larrauri)

 Para a Pobra do Caramiñal, no 1921, fai o proxecto de Homenaxe á Industria Conserveira, e supoñemos que poido participar, sen éxito nos concursos para o monumento a Rosalia en Compostela, ao Emilia Pardo Bazán para Madrid ou o de Goya para Zaragoza… A revista Vida Gallega seguía de preto o acontecer deste solicitado escultor. Autor ademais do conxunto escultórico para “Las Hermanas de los Ancianos Desamparados de Zaragoza” (1946). No 1924  autor de dez manequíns de tipos típicos para o Museo Comercial de Aragón. Autor de medallas conmemorativas, de varias imaxes procesionais para a Semana Santa da Pobra do Caramiñal: Paso da sentencia, beixo de xudas, as imaxes de San Ambrosio, da Virxe dos Remedios, de San Andrés… 

Son anos nos que está en obras a gran  Asilo do Carballiño, segundo planos do arquitecto diocesano, natural de Compostela, Xesús López de Rego Labarta (1876-1972),  colaborador co escultor Maximino Magariños no deseño do retablo de Santa María de Pontevedra, quen ademais recomendará á corporación carballiñesa a Larrauri para o proxecto do monumento aos Irmáns Prieto. Igrexa do Asilo carballiñés para a que se encarga a Larrauri as imaxes de Santa Marta, San Xosé, a Virxe dos Desamparados, o Crucificado.

IGREXA ASILO CARBALLIÑO 1920

O escultor busca modelos do natural. As escultura marmóreas da Caridade e dos Irmáns Naveira para o pasatempo de Betanzos, non estudadas, seguen  as pautas de Larrauri. Obra seguida polo seu alumno predilecto o escultor José Juán. Larrauri é estudado por Victoria Martínez Aured ” El escultor José Mateo Larrauri, su etapa gallega” (Quintana 2009), ou por  María Regina Ramón Teijelo ao facer a biografía do seu discípulo “Jose Juan, escultor e imaginero” 2012, o traballo de Mercedes Gallego sobre “ O Monumento aos Irmáns Prieto” (“Ágora de Orcellón”  nº- 28 ,2014).  O profesor Xosé Manuel Garcia Iglesias, ao tratar a Arte desta época nunca deixou de man a este escultor, leccións  que prenderon nos seus alumnos,

Larrauri  tiña sona e gañou seguidores polos seus característicos retratos escultóricos, bustos con enorme parecido, como o realizado a Xoaquín Vaamonde  ou en honra do escultor Julio Antonio, presentado este no Teatro Principal de Santiago o 21 de marzo de 1919 en solemne acto de eloxios dados polos seus amigos Valle-Inclán, Pan de Soraluce ou García Martí….

O Monumento aos Irmáns Prieto “a obra máis monumental e costosa de Larrauri

O 13 de xaneiro do 1912 faise público no concello  o testamento de Severino Prieto, polo que deixa en herdo os bens familiares aos pobres do Carballiño , para os que se constrúe o Asilo de Anciáns como obra máis significativa e o Colexio das Franciscanas construído e rehabilitando a antiga capela no corazón da feira da vila, o campo de San Pedro. Máis tarde, o 14 de xullo do 1915 o concello agradece en pleno o xesto destes filántropos e trámase o acordo de encargo dun monumento en honra dos irmáns Prieto Pereira: Adelaida, Frai Juan, Leonardo, Severino maxistrado do Tribunal Supremo, intelectuais, como moitos outros fillos de emigrantes enriquecidos en Cuba, os que no 1898 tras a perda das colonias optaron por retornar a Galiza.  Será no 1919 cando se crea unha comisión pro- Monumento aos Prieto, presidida polo Xuíz Antonio Sanz, de vicepresidente o párroco don Crisanto Fernández, de tesoureiro o bancario Camilo Hugalde, de vicetesoureiro o médico Antonio Munín, de secretario o avogado Luis Munín e de vicesecretario o secretario Xudicial don Isaac Espinosa….moito habería que falar destes transcendentes persoeiros. Son anos de convulsións sociais e políticas, nos que acontecen folgas e que entre acordos e desacordos retardan a conclusión do.

O escultor Larrauri asinou a 31 de outubro de 1919 coa Comisión pro Monumento Irmáns Preito un contrato por un total de 35.000 ptas, das que 12.000 se destinaban á construción do pedestal e a as restantes dividíanse en 2.000 para cada un dos bustos e 15.000 para o grupo principal, realizado en pedra branca Amorquí.  O prego de condicións non se asinou ate marzo de 1922, xusto cando se recibe unha placa fundida en bronce enviada por Fillos do Carballiño residentes en Bos Aires. Esta colocouse unha vez concluído o baseamento, situado inicialmente e por acordo municipal no centro da  Praza Maior .

As obras quedaron paralizadas debido á falla de fondos e a outras circunstancias desfavorables, como no 1917 as folgas da revolución obreira, onde  Sociedade de canteiros do Carballiño tivo importante protagonismo. Ante o desleixo que afecta ao monumento prometido e inacabado, en abril do 1932  os propios veciños  mobilízanse pola débeda pendente que a vila tiña contraída cos seus benfeitores.. Pasan os anos, no 1932 colle novo pulo a cuestión, agora abandeirada polo veciño Xoaquín Losada que convence ao Alcalde Felisindo Álvarez Xesteira a formar unha  nova comisión  formada polo entón párroco Evaristo Vaamonde, o avogado Bernardo Castro, o empresario Cesáreo Sobrino, un representante da Casa do Pobo, tesoureiro Domingo Enríquez Parrondo, Secretario Xoaquín Losada e como  vicesecretario Xosé Blanco Rodríguez. Retómanse as xestións, consíguense cartos a través de varias iniciativas, rifas, tómbolas, bandeiriñas… Don Evaristo, o párroco toma nota pra máis monumentais empresas. Contactan co escultor Larrauri, agora establecido en Zaragoza, esta vez para solicitarlle que renunciase á realización. A pesares da cláusula que impedía que se encomendase a obra a outro escultor. A Comisión consulta presuposto con Francisco Asorey, que se ofrece para facerse cargo da parte artística, por 22.000 ptas. Larrauri negouse á rescisión do contrato, pois tras o tempo e o traballo invertidos, suporía pra el unha gran perda. A situación económica no era boiante para o escultor, ofrecéndose  a modelar os bustos e labrar o grupo por un prezo fixo de 6.500 pesetas. Cantidade que, sumada aos presupostos da fundición e talla que axuntou, distaba moito do total ao que ascendía o primeiro contrato, sen contar coa suba de prezo derivado dos años transcorridos. As circunstancias non podían ser más propicias para a Comisión, pero esta, amparada na escaseza de recursos, regateou una vez mais… e ofreceu unha última proposta: cinco mil pesetas, ademais de confiarlle en exclusiva as xestións coas empresas que pasarían os modelos a bronce. A pesares das condicións favorables que lles brindaba o contrato os carballiñeses non confiaban na profesionalidade de Larrauri, asunto que se deduce das referencias que demandaron sobre del.  Finalmente acéptase a realización e no 1935 mudase o emprazamento orixinal  na Praza Maior – naqueles anos democráticos bautizada como Praza da República – pra entrada do Parque Municipal, onde se monta o conxunto conforme ao plan orixinal.

Preocupa hoxe o estado de conservación dos monumentos públicas, sometidos a circunstancias desfavorables, a máis do desgaste climatolóxico e do tempo, tamén a falla de profesionalidade nos tratamento, referímonos á limpeza do mármore, da pedra, do mesmo bronce, ás veces aplicando líquidos abrasivos, cando non chorros a presión que pule as faccións… Asuntos aos que se debe estar atentos para seguir respectando e deixando integro un legado de Historia, de Arte e lembranzas.

——————————————————————————————————–

Traxectoria e obras de Felipe Senén

———————————————————————————————————-

Outros artigos de Felipe Senén:

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño