As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Por Felipe-Senén

Un dos lugares máis entrañables do Carballiño, explosión pros sentidos, son os seu balnearios. O chamado de xeito fachendoso o “Gran Balneario”,  como un castelo entre luces e sombras, con arrecendo a xofre, onde o rumor e as augas teñen idioma e onde mesmo pousa a historia da vila. Espazos de natureza e arquitectura nos que habitan fantasmas revestidos de lembranzas. Apracible “locus amoenus” pra quen teña sensibilidade poética.

AVANTAR ACTIVIDADES
Balneario de O Carballiño

O feito de ser o Carballiño encrucillada e nela nacer e medrar a feira, xunto coa riqueza do termalismo foron a orixe do Carballiño. Compre pois enxergar o libro “O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia (1700-1936) (Galaxia 2011) da autoría do profesor e amigo valdeorrés Luís Alonso Álvarez, xunto con Elvira Lindoso Tato e Margarita Vilar Rodríguez . Volume onde ocupa un importante capítulo o dedicado aos balnearios do Concello do Carballiño, “ dous dos máis notables balnearios de Galicia” : o da mesma vila e as Caldas de Partovia. Si ben nos lameiros das ribeiras do Arenteiro verten regos de nacedouros termais, como o “Bañiño de Arcos”, outro na Pontarriza, na Teixeira de Brues… Lugares onde aínda a arqueoloxía ten moito que dicir.

Balneario de Partovia (1975)

 Balnearios con longa historia. Documentase que na metade do século XVIII a Encomenda de Beade cede en foro as augas do Carballiño a un grupo de veciños entre os que está un tal Vicente López. Entre as primeiras e máis abundantes referencias aos balnearios do Carballiño veñen da man do experimentado médico e catedrático de medicina da universidade compostelán,  Pedro  Gómez de Bedoya (1699-1776) na súa “Historia universal de las fuentes medicinales de España” (1772), referente nos estudos e na historia da hidroloxía,, sinalaba as propiedades destas augas, concorridas polo soldados do Rexemento de Pavia, recomendacións que se espallaban de boca en boca.

Na “Relación de las aguas Minerales del Reino de Galicia” (1771) o doutor Lorenzo Montes  consideraba a Partovia como un dos mellores baños de España, o que no 1851 reafirma Pérez González. Por crónicas dos anos da Ilustración sábese que os baños (e non balnearios) eran pozas ou estanques de augas sulfurosas abertos ao ceo, nas que non faltaban ras e cobras. Motivos de reclamacións de limpeza e servizos pra individualizar o baño e garantir a hixiene… O Carballiño asumiu sempre a importancia económica e cultural deste seu recurso natural  a máis para unha vila de obrigada parada e fonda, principios do que, ao cabo do tempo, se chamará “Turismo”.

No 1752 a Encomenda de Beade cede en foro o manancial a Vicente López. Logo o Concello arrenda a explotación. No 1799 o deputado por Galicia, Vázquez del Viso, reclama atención pra estes recursos. Suman as recomendacións das augas do Carballiño ofrecidas polo decimonónico médico vivarense, impulsor do lazareto de San Simón en Rande, Nicolas Taboada Leal (1798-1883). Chamadas de atención que supoñen progresos na ciencia da hidroterapia, para no 1818 crearse o corpo de médicos de balnearios.  No 1848 publicítanse os baños do Carballiño como un xeito de panacea: pro reuma, gota, neuroses, enfermidades dixestivas e para a locomoción, contra os espasmos ou convulsións, hipocondrias, ulceras, herpes, sarna, asma, hemiplexias, obstrución de ventre, piroses, sistema urinario, eripselas, amenorreas… Augas consideradas entre as mellores  e así aparecen no Dicionario  (1880) do relixioso Jose Villarroel Perez de Baños  ou no xeógrafo Sebastián de Miñano, sendo sobresaíntes ao respecto os textos do médico gaditano, profesor de patoloxía en Fonseca,  Ramón Otero Acuña, autor de “Galicia Médica” (1867). Anos nos que Partovia, polos seus efectos contra a bronquite, denominarase a “Panticosa Galega”.  Balnearios que cobran gran sona a partires de 1879, tanta que incluso os arrieiros chegaron a transportar a Madrid bocois destas augas propósitos medicinais.

No arquivo do Concello do Carballiño hai unha subsección dedicada a “Sanidade”, cartafoles cos expedientes de “Balnearios e Termalismo” (1819-1994) nos que se recollen os preitos arredor da propiedade dos terreos destes baños, inicialmente repartidos entre as antigas xurisdicións de Orcellón e do Coto de Arcos, referencias ás algarabías da aldea de Partovia cando no 1819 se nomea director do balneario ou sobre a incautación, a finais do século XIX para seren vendidos a particulares; incluso o contencioso veciñal de Arcos no 1973 por tentar pechar o seu  popular “Bañiño” ou “Fonte do Comunal do Lelas”.

Postal antiga – Gran Balneario de Carballiño (1919)

Con anterioridade á constitución do concello do Carballiño, 1813, os seus baños xa eran moi concorridos e con frecuencia entraban en litixio entre os poderes eclesiásticos da Encomenda de Beade e o mosteiro dos bernardos de Oseira. A nova vila dispuña dunha poza aberta na terra polos concorrentes, como non, dedicada ao San Roque, próxima a unha fonte de dous canos que por un rego vertía no Arenteiro. Non faltaba un alpendre de madeira pra mudarse.

No “Catálogo General de la Sec. Española da Exposición Universal de París de 1867”, figuran  as augas termais do Carballiño entre as de Cortegada, Verín ou as da Toxa

Anos nos que era especialmente concorrido o balneario de Partovia, o que,  pese a  abundancia de caudal e os 35 grados de temperatura, fronte aos 32 do Carballiño, irase relegando. Marxinación motivada pola falta de vías axeitadas, sendo “camiño de ferradura”.

No 1868 en Partovia construíuse un edifico de perpiaño e cuberto de tella para protexer o pozo, a fonte e dous amplos baños xerais e oito pequenos cuartos pra mudarse, xunto co espazo d acougo.  Pequena arquitectura aberta á natureza por unha porta central e outra lateral.

Abondan as referencias aos análises e ás propiedades destas augas, valaí as ofrecidas na “Guía oficial de balnearios y aguas medicinales minero medicinales” (1942). Entre eles as do médico Lorenzo Saenz de la Cámara, e sobre todo a monografía do especialista e inspector de Sanidade na provincia de Ourense  Francisco Becarés (1874-1945) “Las Aguas Medicinales de Carballino” (1946).

O pai de Ramón Otero Pedrayo entre os médicos dos balnearios carballiñeses

Auguistas concorrentes que as crónicas dividen en acomodados (moitos dos que eran labregos fortes, eclesiásticos, militares, comerciantes) , pobres e tropa, algúns dos que vivían de esmola e eran axudados pola propia dirección….no 1876 os pobres ocupaban o 40 por cen, diferencias socias con diferentes tratamentos. Espazos paseados por auguístas que cumprían o ritual recomendado: pola mañá facer gargarexos e beber grolos de auga na fonte do balneario do Carballiño, complementadas posteriormente cunha cunca de leite de burra… seguidas despois  dun bo xantar… e pola tarde, paseo ou traslado a tomar o baño en Partovia.  Balnearios que compartían médico-director. Compre lembrar que no 1872 foi nomeado de xeito interino director dos baños do Carballiño e Partovia o entón mozo doutor don Enrique Otero Sotelo (1849-1904), que en 1888 sería pai de Ramón Otero Pedrayo, querido visitante de doentes, trotacamiños a cabalo dun faco, “....sendo entón a alma de tertulias no Carballiño…e non faltaba á mesa dos Quiroga en Cabanelas…. alí coñeceu á xoven dona Emilia” iso, aprendeu e conta entre moitas o seu fillo, desbordante polígrafo quen endexamais perdeu dos seus horizontes a un Carballiño no que tiña moitos amigos, entre eles arrieiros, cocheiros que nos seus traslados lle daban preferencia nos asentos dos seus carruaxes: o Sr. Andrés “Rebusco”… Pois o Carballiño de entón vencellábase ao mundo por coches de cabalos, correos, con frecuencia diaria a Ourense pasando pola estación de Barbantes, o que se retardaba en catro horas ata chegar ao Carballiño… Do mesmo xeito a “liña” a Pontevedra, a Ribadavia este pra enlazar a Vigo Pontevedra e Cea e desta a Compostela.

Por Real Orde de 9 de febreiro de 1889 disponse que os dous balnearios tiveran directores diferentes, o que non se da ata ben entrado o século XX.

 Terras as do Carballiño de sufridores de artroses, artrites, lumbalxías, bronquites… sometidos á humidade e ás cargas, para as que a natureza ofrecía remedio: gandeiros, xamoneiros, carniceiros, arrieiros, de serradoiros, curtidos, caleiras, de canteiros, muiñeiros, ferreiros, cesteiros, de fábricas de papel, de chocolate, de fornos de pan e rosquillas…. de emigrantes “americanos”, de ida e retorno, de fidalgos, rendeiros… xentes que construían casa ou mansión á beira dos camiños e conformaban a variada poboación  dunha vila moza, á que había que sumar o paso dos forasteiros auguistas.  Vila de mercado semanal e de feiróns mensuais,  que debería contar co esencial para ser. Buscaba tamén o que tivo cedo pras súas elites sociais,  casino, farmacia, telégrafo, cine, ultramarinos, comercio… Mais sendo vila de augas tardou, iso si, a traída de augas. Ata o 1969 funcionaban  nas mellores casas os pozos ou carrexar a auga das fontes.

Ao longo do século XIX  os “baños” do Carballiño vanse complementando cun estanque máis para o baño colectivo e novas casetas que se van individualizando e organizando por rolda de vez e por horas. As bañistas asistían á limpeza e á concorrencia. Igualmente en Partovia, onde ademais de atender a os enfermos – beber na fonte e bañarse nunha focha onde non cabían máis de medica ducia de persoas – a concorrencia enferma cumprían o ritual de ofrecer sobre o tellado da ermida da igrexa a roupa vella e mudábanse como mantendo un antigo rito de pasaxe.  Ritual aplicado cos nenos que tiñan o enganido.

Igrexa de Partovia con ofrenda (Foto F. Senén)

Por Real Orde de 29 de xuño de 1816 os baños do Carballiño terán destinado médico director. Médicos que criticaban o estado, que solicitaban pías individuais, pois as que había non tiñan separación entre si e eran como “sepulturas a ras de chan”. Ademais os veciños usaban o lugar de dominio público para lavar a roupa o que se erradicou pola intervención do médico Gregorio de Zaldúa.

A partires do 1835 e por mor das leis de desamortización, o goberno cedeu a xestión destes baños aos concellos que inverten en retomalos, intervindo o deputado Agustín Retortillo y León, Marqués de Vega de Retortillo,  ao que, por aqueles anos, no lugar da feira dos feixes de vimbios e das cestas,  lle dedican unha praza que no 1961, esquecidos os feitos, pasaría a chamarse de Emilia Pardo Bazán. O comerciante Xaquín Rodríguez e o catalán rexistrador de hipotecas Tomás González Cid no 1873 arrendan os baños por dez anos a un particular de Caldas que impón tarifas, negando a auga aos pobres. Son anos nos que se fan melloras.  Tras o falecemento de Xaquín Rodríguez o balneario de Partovia pasa aos seus herdeiros e de aí ao matrimonio de Dolores González e Xosé Ulloa  Villar e logo ao empresario de cine Isaac Fraga, tal como fixo que campara no frontón daquela sinxela edificación. Ate que recentemente a familia Garriga, adquire, retoma, constrúe de nova planta e innova canto significa este histórico balneario.

A final do século XIX, pese á crise económica,  á emigración ás américas e á pouca concorrencia,  o médico director López Valcárcel introduce novos medios pra hidroterapia: aparatos de chorro, inhaladores…bomba impulsora de corrente, novos sistemas, os que costa impoñer entre os hábitos tradicionais, tamén polo coste das sesións. Nunca deixaron de reclamarse reprantexamentos viarios pra atraer máis clientela.

Entrando o século XX e co despegue económico do Carballiño, acollese a idea do Gran Balneario.

A longa historia pola propiedade dos mananciais: entran en escena os Quiroga Pardo-Bazán

Despois dunha decadencia na que os baños se usaban como lavadoiro e secadoiro de la, con lameiros pra tendais de pelexos .O Estado vende o Balneario no 1897 a unha sociedade. Entran en escena a familia fidalga dos Quiroga de Banga, experta nestas cuestións de balnearios, tan coñecidos e admirados pola Condesa de Pardo Bazán.  Familia que no 1898 encarga un novo e singular edificio ao arquitecto natural de Beariz, Daniel Vázquez Gulías, no que fai unha arquitectura historicista, con torre no centro para darlle un carácter sígnico, ao gusto da Condesa, para abrirse ao público o 15 de xuño de 1900. Considerado entón o primeiro da súa clase en Galicia. No centro da súa fachada e sobre o seu vestíbulo erguese a torre pra almacenamento de máquinas, deposito de augas… cara aos lameiros do río con ampla galería que daba aceso aos baños e servizos. Cuartos con xanela aos xardíns, pavimento de Portland, espello, reloxo de area… Sala de inhalación, de pulverización….duchas e outros sistemas que hoxe nun museo case se entenderían como máquinas de tortura…. Privatización que non gustou aos veciños, que reaccionaron de diferentes xeitos… Pensábase na edificación dun gran hotel, no 1870 inaugurouse o Hotel Carlos, aloxamento do Marques de Riestra que lle regalou a fachendosa cociña bilbaina. Tanta sona chegou a ter o balneario do Carballiño que na exposición Internacional de París (1900) se lle concedeu unha medalla de prata… Toda unha historia para revalorizar o recinto cun museo que explique estas ricas e inspiradoras orixes, as que mesmo influíron nos souvenirs, aqueles vasos de auguistas, a difusión turística… Espazos e balneoreoterapia de inspiración literaria, velaí a Pardo Bazán, a Mirás Azor, a Fariña Jamardo…Lembramos a augüistas,ás empregadas dos baños e da fonte, aos xerentes do meu tempo, a familia Pagán… imprescindibles en  historias que se enredan en cumprimentos testamentarios e no mesmo acontecer. Pra pasar en herdo aos seus actuais propietarios Socorro e Jorge de Vargas Quiroga, os descendentes de Dona  Maria de las Nieves Quiroga de Pardo Bazán, saga con historia de trunfos e tristuras.

Sala das mulleres do Balneario de O Carballiño, 1900 (J.Pacheco)

Co século XXI avivase a balneoterapia, o futuro esta anunciado os remumatólogos, doutores e profesores Rodríguez Miguez, Fausto Galdo, Miguel de Toro…insisten neste previlexio natural, onde o Carballiño ten protagonismo histórico.

Balneario do Carballiño que conserva as súas pantasmas, a non ser que no interior aplicouse esa moda de quitar os recebos de cal que cubrían o perpiaño e que agora se despelexan mudando unha tradición que tiña razón de ser en favor de evitar a humidade e o po da pedra.

Aínda recordamos a carón da entrada e sobre a pía lavatorio de pedra coa data de 1900 aquel reloxo suízo de cuco que daba e repetía as horas abrindo e pechando a portiña da cima da súa estrutura de diminuta e rústica casa de madeira…e que marcando as en punto xuntaba aos seu carón aos rapaces e aos aldeáns coa boca aberta. Mesmo pra avivar aquelas nostalxias merquei un semellante pra anovar a recendos a xofre, música de banda, entre señoras, competindo a habilidades de ganchillar perlé, petit point, crochet ou bordados… pobriños pedindo esmola, algún titiriteiro cincándolle á cabra en equilibro ou músico tocando o acordeón e outros baixo a parra da porta da fonte, boca arriba, facendo gargarexos….e o paseo polo balneario, no medio dia do verán, parándose no miradoiro das Tres Penas pra contemplar a chulería dos mozos máis ariscados e fornidos facendo piruetas nun ritual de baño, dende as árbores ao río.

O mestre de mestres arquitectos, o carballiñés Manuel Gallego Jorreto, entrado o terceiro milenio, recibiu o encargo de rehabilitar o histórico edificio do Gran Balneario do Carballiño. E nesas seguimos: rehabilitar e revitalizar co agarimo que merece a historia e a tradición.

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño