O BNG valora positivamente o encontro desta mañá ao tempo que reclama a presenza das praceiras e praceiros na comisión de seguimento

igualmente os nacionalistas lamentan a ausencia do grupo de goberno, o que demostra unha vez máis a súa desidia, o seu desleixo e que nunca creron no proxecto

 O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense agradece o convite feito polos praceiros e praceiras para participar na xuntanza mantida esta mañá co obxecto de analizar a situación actual da reforma do edificio da Praza de Abastos nº 1 de Ourense e abordar as necesidades aínda non concretadas.

AVANTAR ACTIVIDADES

Para o BNG, como ben manifestou o concelleiro Luis Seara tanto dentro como ao remate da reunión, “estamos, ante un proxecto estratéxico de primeira magnitude para o desenvolvemento socio-económico do concello e mesmo como un polo de atracción turístico moi importante”. Segundo Seara, “no BNG falamos e apostamos por unha reforma que non abranga soamente o edificio principal senón que sexa unha reforma integral de toda a contorna e espazos adxacentes”.

A este respecto, o concelleiro lembrou que hai máis dun ano, os nacionalistas presentaron unha iniciativa “aprobada por abrumadora maioría” para a reforma de “todo o espazo adxacente ao edificio principal”.

No BNG coinciden cos praceiros e praceiras na necesidade de levar a cabo unha  reforma integral que abranga tres aspectos fundamentais: Integración do aparcamento na praza, accesibilidade ao edificio e a reforma do “rianxo”.

Para Seara é fundamental abordar estas cuestións en paralelo a unha reforma “que é exclusivamente do edificio”. Ao mesmo tempo que volveu reclamar a participación dos propios praceiros e praceiras na comisión de seguimento das obras pois “son parte afectada e esencial do que se faga ou deixe de facer, polo que a súa opinión ten que ser tida en conta”.

Por último, Luis Seara gabouse da unanimidade existente dentro dos participantes da reunión ao tempo que lamentou a ausencia do grupo de goberno, “o que por desgraza confirma o que desde o BNG vimos dicindo, que nunca creron neste proxecto, hoxe demóstrano unha vez máis amosando o seu desleixo e a súa desidia”.

PUBLICIDADE