Ribadavia volverá converterse este domingo, 2 de agosto, no mellor escenario para gozar dunha xornada diferente. O programa ‘Domingo Vivo’, impulsado polo Concello de Ribadavia e a Xunta de Galicia no marco de Vilas Vivas, ofrecerá unha combinación de comercio local, música en directo, degustacións, premios e patrimonio co obxectivo de dinamizar o centro histórico e convidar tanto á veciñanza como ás persoas visitantes a descubrir todo o que ofrece a vila.
A programación arrancará ás 11,30 horas na Praza de San Xoán co sorteo da campaña ‘Rasca e Gaña’, unha iniciativa que recompensa a fidelidade da clientela dos establecementos participantes. Cada compra realizada nos comercios adheridos dá acceso a máis de 1.000 premios directos, ademais da participación no sorteo mensual que se celebra o primeiro domingo de cada mes.
A partir das 12,00 horas, a música da solista Marietta encherá de ambiente a Praza de San Xoán, onde diferentes establecementos ofrecerán tamén degustacións de viños do Ribeiro, cervexas artesanais e sidras, permitindo descubrir parte da riqueza gastronómica e produtiva da comarca.
A xornada continuará ás 13,00 horas na Praza Maior coa actuación de Iago Vázquez, completando unha mañá pensada para pasear polo casco histórico, coñecer o comercio de proximidade e gozar dunha proposta de lecer diferente.
Durante toda a xornada, as persoas asistentes poderán descubrir a oferta dos sete establecementos adheridos ao programa Vilas Vivas —Sesentaeoito, O Escaparate, A Casa da Artesanía, O Colmado de Sabores, A Tahona no Camiño, O Recuncho do Birrán e Sarto e Soños—, que representan a diversidade do comercio ribadaviense, combinando artesanía galega, moda, gastronomía, viños do Ribeiro e produtos de proximidade. A esta oferta sumarase, ademais, un establecemento efémero, que nesta ocasión acollerá un posto de artesanía especializado en produtos elaborados en papel e artigos naturais, ampliando así a experiencia comercial e achegando novas propostas ás persoas visitantes.
A proposta completarase coas rutas guiadas de Vilas Vivas, unha experiencia que continuará durante os meses de agosto e setembro e que permitirá descubrir espazos de Ribadavia que, por primeira vez, abren as súas portas ás visitas guiadas. As persoas participantes poderán escoller entre dous percorridos: “Grandes mosteiros, conventos e capelas”, un itinerario para coñecer o legado relixioso e nobiliario da vila e da súa contorna, e “Antigas igrexas románicas, centro histórico e barrio xudeu”, unha ruta centrada na Ribadavia medieval e na pegada da comunidade xudía ao longo dos séculos.
As visitas desenvolveranse de xoves a domingo, con diferentes horarios segundo a ruta, terán unha duración aproximada de 1 hora e 45 minutos e un prezo de 12 euros por persoa. As reservas poden realizarse chamando ou enviando unha mensaxe de WhatsApp ao 675 55 85 45, así como a través da web www.genuinegalicia.com.
Así, o Domingo Vivo volve ao casco histórico de Ribadavia, da man do Concello e da Xunta de Galicia, con comercio, cultura e patrimonio compartindo protagonismo nunha xornada que busca apoiar os negocios locais ao tempo que se aproveita para descubrir e desfrutar dunha vila cargada de historia.

















