Ourense conmemora o 40º aniversario do Estatuto de Autonomía con premios de debuxo e redacción

A Deputación de Ourense conmemorou hoxe o 40º aniversario do Estatuto de Autonomía para Galicia (publicado no BOE como Lei Orgánica 1/1981, do 6 de abril) co acto de entrega dos “VIII Premios de Debuxo e Redacción Escolar”, celebrado no colexio Divina Pastora da capital ourensá. Organizado anualmente pola institución provincial, na presente edición e baixo o lema “A defensa da identidade de Galicia: a Xeración Nós” o xurado seleccionou un total de 46 traballos dos preto de douscentos presentados a concurso en ámbalas dúas modalidades. 

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou que este ano o certame “ten unha dobre relevancia, polo que supón a temática da Xeración Nós, que fortaleceu e marcou desde Ourense o vieiro identitario e cultural de Galicia, e por outra banda porque conmemoramos as catro primeiras décadas da carta magna galega, que supuxo un impulso protector e de progreso para a nosa terra, traendo a consolidación do noso autogoberno e demostrando nesta etapa de pandemia ser un elemento eficaz, activo e de plena actualidade”, afirmou Baltar, salientando que o Estatuto “aínda non chegou ao seu máximo e temos que procurar darlle unha nova velocidade, porque as normas teñen que estar en constante dinamismo, e será Galicia quen dirá si ou non a xerar novos espazos, algo que é realmente posible”. 

AVANTAR ACTIVIDADES

O acto contou tamén coa presenza do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén; dos exdeputados do PP, PSOE e BNG no Parlamento de Galicia Roberto Castro, Xabier Casares e Xosé Francisco Abelleira, respectivamente, e de profesores e alumnos do centro escolar. Os premios para os gañadores do certame na modalidade de debuxo ou traballo artístico -alumnos de Educación Especial, Infantil e Primaria- son un diploma acreditativo e un lote de libros, e na modalidade de redacción -ESO, ciclo medio de FP e Bacharelato-, ademais diso, os premiados serán agasallados cunha viaxe a Santiago de Compostela para visitar o Parlamento de Galicia.