Galicia paraliza a vacina de AstraZéneca en menores de 60 anos, desconvocando a 1.403 persoas

O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas decidiron paralizar a vacinación con AstraZéneca ás persoas menores de 60 anos, aínda que non se sabe o que pasará cas persoas que xa recibiron a primeira dose, para as que se baralla non completar a pauta ou recibir outra vacina. En Galicia, hoxe descovocáronse a 1.403 persoas previstas para vacinar fora do rango de idade permitido agora, pertencentes ós colectivos profesionais esenciais.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou que 203.596 persoas maiores de 80 anos xa foron vacinadas en Galicia, o 87% deste grupo de poboación.

AVANTAR ACTIVIDADES

Segundo apuntou García Comesaña, a Xunta ten previsto chegar durante esta semana  ao 90% de persoas vacinadas neste tramo de idade. Ademais, apuntou que, na actualidade, o 2,63% das persoas maiores de 80 anos rexeitaron recibir a vacina.

O conselleiro de Sanidade tamén lembrou que hai “entre un 7 e un 8% de persoas que pertencen a outros grupos de poboación que non recibiron a súa vacina cando se lles citou, ben por non poder desprazarse, ou por outros motivos xustificados”. Sobre este particular, salientou que “todas elas volverán a ser convocadas para acudir á vacinación no seu centro de saúde, ou ben, para seren vacinadas nos seus domicilios, no caso de ter problemas de mobilidade”.

Respecto da evolución do proceso de vacinación noutros grupos de poboación, García Comesaña indicou que Galicia xa vacinou a 6.786 grandes dependentes, é dicir, o 43% das 14.848 persoas que integran a categoría III de dependentes definida na estratexia de vacinación do Ministerio de Sanidade.

Activouse o número de teléfono 881 00 20 21, para que estas persoas poidan resolver as súas dúbidas ou solicitar información sobre a súa cita de vacinación. Estará operativo de luns a venres desde as 8,00 até as 21,00 horas.

Esta nova ferramenta de comunicación artellouse por medio dunha instrución que tamén servirá para levar a cabo a inclusión no proceso de vacinación das persoas sen recoñecemento do dereito a protección da saúde. Así, as persoas que se atopen nesta situación, e estean residindo en Galicia, tamén poderán empregar este teléfono de contacto para achegar os seus datos e así poder vacinarse.