Banga dos pazos e a súa Igrexa de Santa Baia: antoloxía cultural dos Ribeiros

Por Felipe-Senén

Publicidade

Hai lugares que por algo e dende sempre tiveron atracción especial. “Locus amoenus” pois, espazos de paz, onde se conxugan os Catro Elementos, altares inspiradores para creadores e xente sensible. Paisaxes convertidas pola paisanaxe en santuarios, arredor do que naceron habitats  onde seguir a re-crear sobre o inacabado tear da cultura con fíos de tradicións, innovacións e relacións. A cultura levámola posta, está nos sitios e así deberiamos enxergala.

E un deses sitios é a bocarribeira na que se chanta a parroquia de Santa Baia de Banga, empoleirada, emproando por unha parte cara ao ribeiro do Carras-Avia, o de Sagra, o Varón, Anllo, Gomariz, Leiro…  e pola outra cara ao ribeiro do Arenteiro, co  Bouteiro, Moldes , Paradela, Cabanelas e Pazos de Arenteiro…. Aldeas onde os solemnes pazos alternan con humildes casas labregas, ancestrais adegas e legares, penumbrosos templos pra vinicultura, agora catalogadas e estudados polo imprescindible Xosé Luis Sobrado . Onde o Románico que sinala os templos de esplendor dun vello Reino está moi presente nos camiños, vestixios que sobreviven a través do tempo, sempiterno tema de estudo e anovación.

Ribeiro  de onde o profesor Méndez Ferrín, cree proceder o trobeiro de inicios do XIV,  Pedro Meogo,  autor de cantigas de amigo,  nas que o leitmotiv son os célticos e vitais  símbolos do cervo e da fonte; como natural do Pazo de Fondevila, en Cabanelas, era frei Veremundo  Arias Teixeiro, bautizado en Banga no 1743, formado  en Valladolid, Irache e Salamanca, onde será profesor de Teoloxía,  conservador perseguido pola francesada, arcebispo de Valencia…

Banga, casarío sobre o que se ergue e campa en soidade a Igrexa parroquial, dedicada a Santa Baía, mártir. Adro e camposanto cara ao que conflúen camiños, entre socalcos, que van e veñen de Cabanelas. Paisaxes cambiantes  en cor co devalar das Estacións: na primavera en marelos de recendentes mimosas; no verán pentagrama de verdes e a aroma a esfarna, no outono  teixos e ouridourados viñedos, entre o fume das columnas  borrelas… no outono deixando asomar as retortas esculturas das vidas entre vimbios marelos que somellan berrar ao ceo… Paisaxes de vellas congostras entre mimosas e loureiros.

A Igrexa de Santa Baia de Banga coa súa roda cosmogónica estudada por García Iglesias

Templo de Banga que en orixe é construción románica, dependente como prioiro do  mosteiro de Sobrado dos Monxes, congregación que é a primeira fundación da orde do cister na península no 1142,  tal como consta na “Vita Prima” de San Bernardo . Si ben Oseira foi anos denantes primeiro unha congregación de catro ermitaños para, algo despois rematar acollendo o cister. Carlos Valle é autor dun profundo estudo ao respecto (1982), Mosteiros  nacidos coa misión relixiosa de coidar o “viñedo do Señor” a  humanización, a económica e administrativa dun imperio cristián. Mosteiro de Sobrado co que Banga e o Ribeiro teñen moitas relacións, a casa de Ulloa por medio entre outras que se vencellan para ampliar poder.

 Banga é coñecida como “O Balcón do Ribeiro”, onde merecen capítulo aparte, por moitos valores históricos e literarios, os predios da familia Quiroga, con solemne e sobria casa decimónica, da que faltan xa elementos que a adornaban, como aquelas esculturiñas de músicos  que campaban sobre a limeira dun dos seus portalóns de carruaxes… aberta polo principal a un patio interior con fonte e patín. Edificio que concede preferencia na fachada ao balcón e ás xanelas,  para abrirse aos ribeiros, e sobre del o escudo familiar no que coinciden grandes casas de Galicia. Velaquí a  orixe da que saíu, en ida e volta, Xosé Fernando Quiroga e Pérez de Deza (1848-1912), avogado e terratenente que casou con Emilia Pardo Bazán, a condesa escritora, a que fixo traspasa ao naturalismo  literario estas inspiradoras paisaxes e paisanaxes. Velaí semellante pouso carballiñés  en “El Cisne de Vilamorta”, Los Pazos de Ulloa”,La Madre Naturaleza”….

 Pero volvamos á Igrexa de Santa Baia de Banga, a que non pasa desapercibida aos estudosos, a que recolle o devalar da arte que vai do Románico á contemporaneidade. Velaí o estudo introdutorio de X. R. Fernandez Oxea “Santa Eulalia de Banga” (Cadernos de E. Galegos 1948) . Obra con vestixios románicos que se fan ver na cabeceira e no muro norte a través dos canicelos. No século XV o templo sufriu unha importante modificación e no XVIII refaise a fachada e a sancristía.  Construción  de planta rectangular con dúas capelas laterais, cabeceira cadrada, aberta no interior ao altar por un gran arco apuntado, característico de finais do XV, policromado, con franxa decorada con flores e cabezas de estraños animais. Altar cuberto por unha representativa bóveda de cruzaría , nervios  que dende as esquinas se centran n unha roda de oito radios, a xeito de cuadratura da circunferencia, esencial cosmogonía, dividida en cuarteiróns decorados con pinturas ao fresco… E velaí o tema que fixo posible unha valiosísima  monografía, referente, a que  enriquece o patrimonio bibliográfico do Carballiño: tratase de “El Pintor de Banga” (1983),  pescuda da autoría do profesor de Historia da Arte, Xosé Manuel García Iglesias . Por el sabemos que son pinturas do ano 1555 e dun autor contrafío, o que demostra coñecer o sentimento renacentista italiano, o neoplatonismo florentino, a obra de Miguel Anxo, as revolucionarias teorías de Copérnico…  coas que non comulgaba a inquisición. Estilo, temas e época a través dos que se identifica ao pintor de Banga co mesmo da Igrexa de Mugares,  no Ribeiro ourensán do Miño. Tratase de Bartolomeu García de Bahamonde, clérigo-artista, formado en Salamanca,  e que mesmo en Banga se retrata no evanxelista San Xoán e en Mugares  no San Bartolomeu. Muralista que inclúe na trazaría xeométrica, cosmogónica da bóveda do altar, a xeito de roda en devalar, en dialéctica, movida plo influxo dos astros,  un simbolismo no que funde á natureza humana cos dons da divindade.  O profesor García Iglesias é ademais autor de “Santa Baia de Banga” (2015 , imprescindible guía deste singular templo.

Arco de acceso ao altar que nun lateral ofrece unha antolóxica pía de auga bendita dentro do estilo gótico do XV, policromada e con texto alusivo ao bautismo….

Non menos importante é o retablo barroco do altar maior: tramado entre columnas salomónicas, con esa policromía orixinal de ouros, roxos e marelos. Arriba, nun escenográfico nicho asoma a imaxe dunha Piedade de traza tardogótica, atribuída ao Mestre de Sobrado, autor para o mesmo templo dunha imaxe da Magdalena , así como do pequeno Cristo que preside a Sancristía.

Sobranceira neste conxunto é a capela gótica aberta polo arco dos apóstolos, decorado ademais coas bolas que caracterizan moitas construcións do século XV en Galicia, obras que levan a marca de ser promocionadas polos poderosos señores de Ulloa,  incluso en adegas da zona. Lembremos que o belicoso Sancho Sánchez de Ulloa, foi privilexiado polos Reis Católicos, concedéndolle Caldelas de Orcellón (fortaleza da Teixeira, Boborás),  cabaleiro aliado  dos Zúñiga, Señores de Monterrey  (nunha casa da Teixeira aparece reutilizado como espolia , e asentado ao revés, os escudos dos Zuñiga e os Ulloa)….  Así pois sintomático festonando de bola para as figuras dos doce apóstolos: seis a cada banda, cada cal cos seus tributos, baixo doseis… e o Cristo crucificado na clave entre dous anxos que levan os atributos da paixón. Figuras de traza inxenua, popular, incentivada pola policromía…. Capela cuberta cunha bóveda sinxela de cruzaría. Conxunto  con certo parecido á de Santa Mariña de Esposende e que nun dos muros ofrece unha imaxe en pedra da Virxe co Neno, enmarcada nun xeito de arco amendoado,  mutilada posteriormente pola incorporación de retablos…A xulgar por restos, como o que serve de frontal á mesa do cruceiro próximo a esta igrexa,  labrado co tema do martirio de Santa Catarina,  fai entender que o referido conxunto poido complementarse cun baldaquino de pedra, gótico, ao xeito do da Igrexa de San Tomé de Serantes. Filgueira Valverde  e X. R. Fernández Oxea,  estudaron este tipo de  “Baldaquinos  Gallegos” (1987). Arquitectura de Banga e Esposende que atopa paralelos en Santa Mariña Dozo de Cambados, así como na área Minhota portuguesa, o que denota o ir e vir de gavillas de xornaleiros canteiros que traballaban prioritariamente por Ulloa. Inmediata a esta capela hai un arcosolio pra unha sepultura, centrado pola imaxe polícroma dun apóstolo peregrino…

As atractivas paisaxes e a riqueza  cultural

Templos do Ribeiro que visualizan o seu poder en arquitecturas, retablos, imaxes pero tamén nos mobles das sancristías, coidadas obras artesáns, agora de caixóns entalados e humedecidos, sen a man coidadosa dos sancristáns,  os que  albergan elementos litúrxicos, cruces, cálices, incensarios, libros, manteis…. entre eles antigas e ricas casulas, ternos, un deles o de Banga, de veludo roxo, segundo Fernandez Oxea,  encargo en 1571 ao obradoiro compostelán de Gonzalo Luaces, , albas ou manteis bordados, merecentes de canto rigor presupón o patrimonio cultural.  Banga presume tamén dunha valiosa cruz parroquial de prata a que Perez Constanti documenta  como obra do 1614 e de  Gaspar González de Ourense, da mesma traza da que fixera para Sobrado do Bispo

No exterior baixo o tellado, no aleiro asoma a restra de bolas, do século XV, asentada sobre  os reaproveitados  canicelos románicos : a figura que toda un corno, o que pousa nos xeonllos un libro,  dous entrelazados ,un cunha cunca, outro cunha cabaza, o guerreiro…. arredor da capela maior outros: un musico con organistro, barbudos…temas que reforzan a fantasía.

 E moito máis: en Cabanelas esta a casa, a de ida e volta do historiador da literatura Xaime Ferreiro Alemparte, tradutor e estudoso de Rilke, coñecedor e difusor das lendas e viaxes nórdicas a Galiza…viñedos que acolleron as súas cinzas… Por algo tamén, a finais dos anos sesenta, escolleron Banga  pra cerimonia do casamento o pintor Xaime Quessada e a arquitecta carballiñesa María Xesús Blanco … Do mesmo xeito o cineasta Xosé Luis Cuerda,  coñeceu estes lugares, buscou sitio e parou no Moldes de Lousada Dieguez e Chamoso Lamas  , mercou viñedos e explotounos en San Clodio, pra rodar en Cabanelas un curtometraxe sobre tema de Manuel Rivas, “Primer amor”

Paisaxes, arquitectura e arte á que inevitablemente sumamos os desvelos de Chamoso Lamas, quen por algo e dende 1994 ten dedicado Centro de Estudos en Cabanelas; así como  a preocupación do párroco, profesor e amigo don Francisco Lovelle, que a máis de Banga levaba a outra parroquia de Sagra, con esa igrexa Xesuítica , de fermoso altar renacentista, presidido pola imaxe bispo San Martiño de Tours, esta vez bendicindo e sentado na súa cadeira, arredor da que se crean lendas… como que participa nos Magostos… Tamén Cabanelas atraeu ao construtor  Adolfo Otero Cerdeira para adquirir pardiñeiros pacegos, coa ansia de salvalos e co seu nobre e vello oficio de canteiro-construtor seguir a  “facer bailar as pedras”  .

—————————————————————————————————

Traxectoria e obras de Felipe Senén

—————————————————————————————————

Outros artigos de Felipe Senén:

Inspiradores ires e vires de Marineda á Vilamorta no Ribeiro dos Quiroga

Os arrieiros do Carballiño…e un curioso documento

Un paseo a través da arte do imperial Mosteiro de Oseira

O mosteiro de Oseira… lección de historia e arte

Manuel Chamoso Lamas e a xestión do Patrimonio Cultural

Cando a orixinalidade radica nas orixes: arredor da feira do Carballiño

Outros apuntamentos para a historia do cine no Carballiño

A Residencia do Carballiño: os promotores, o arquitecto, os residentes…

O monumento aos irmans Prieto do Carballiño e o seu escultor Larrauri

Arqueoloxía do Megalitismo nas Terras do Carballiño: as mámoas, medorras, medelas…

As pantasmas do histórico “Gran Balneario do Carballiño”

Arredor do paleolítico nas terras do Carballiño, as pescudas…

O mes de maio no Carballiño…. “aqueles días azuis e este sol da infancia”

Ramón Bernárdez González, un carballiñés na “Cova Céltica” e fundador da Academia Galega

A Igrexa Vella do Carballiño coa súa gabanciosa torre

O desaparecido chalé “Col” e a lembranza da emigración carballiñesa a Cuba

O biscoito “meimón” do Carballiño e a súa receita recollida pola Pardo Bazán

Aquelas Semanas Santas carballiñesas, de ramos, carracas, caladiños e Pascua Florida

Arqueoloxía pendente: a das grandes minas auríferas de Loureiro, no Irixo

Unha abraiante xoia da arqueoloxía: a arrecada de ouro do Irixo

Memorias da Coresma

As tradicións do Entroido do Carballiño

A Casa Consistorial do Carballiño, prototipo de inquedanzas decimonónicas

A novas revisións máis “ CASTROS” nas terras do Carballiño

O Catálogo dos Castros do Carballiño do 1930… e máis que hai

Lembranzas do Nadal de noutrora no Carballiño

Os esquecidos cantos de Nadal, Aninovo e Reis do meu Carballiño

O reloxo da Consistorial do Carballiño e o seu xenial autor

A Veracruz do Carballiño: lección de pedras, arte dos canteiros e da historia da arquitectura

Pepe Prada, un premio á creatividade, á constancia e á dignidade na cultura

A devoción aos santos Martiños, celebrados con Magostos en Galiza

Mes de santos, defuntos e magostos no Carballiño de noutronte

A Fonte de Flores, abrindo ao Carballiño

Un exemplo de destrución cultural : a Igrexa de San Paio de Loeda, Piñor de Cea

A parroquia de Loureiro, no Irixo, e o arquitecto neoclásico Loys Monteagudo

Lembranzas de pintura mural no Carballiño

Machados de “tope” da Idade do Bronce atopados no Monte de Mesego

A imaxe do San Cibrao do Carballiño e o seu escultor, Aldrey

As augas e as fontes do Carballiño

Vestixios de habitat e sepulturas da Primeira Idade dos Metais no Parque do Carballiño

Noticia sobre restos romanos no patio traseiro do Grupo Escolar do Carballiño

O pintor de Marín Manuel Torres no Carballiño

E así naceu “o Cantigueiro de Orcellón” de Manuel María e algo máis…

Manuel María, o Carballiño, as bocarribeiras e os ribeiros

A madeira nas máis antigas construcións do Carballiño

Pasado e tristeiro presente da Estación de Ferrocarril do Carballiño

O sitio arqueolóxico da Pena dos Namorados

O Castro de Cameixa referente na arqueoloxía galega

Terra, Auga, Aire e Lume no San Xoán de antes

Historias e lendas arredor do Puzo do Lago, Maside

Apuntamentos arqueolóxicos sobre as terras do Carballiño