O BNG advirte que o novo caso de covid na Residencia de Celanova esixe unha reacción inmediata da corporación

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

As nacionalistas reiteran a súa disposición ao resto de grupos para avanzar na axuda municipal en xestión e recursos ao centro de maiores, e propoñen un acordo previo ao pleno da semana que vén.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Un novo caso de contaxio por covid19 detectado hai cinco días entre as traballadoras da Residencia San Carlos de Celanova volve poñer de manifesto a precaria situación que atravesa o centro, algo que xa quedou en evidencia coa denuncia de familiares, hai apenas dúas semanas, de que se estaban a producir irregularidades na atención e continuaban as deficiencias materiais na Residencia.

Diante desta situación, e con motivo do pleno ordinario previsto para a semana que vén, o BNG de Celanova reitera a súa disposición a acordar co resto de grupos os termos dunha moción conxunta para facer efectivo o consenso acadado hai xa catro meses en canto a necesaria incorporación de responsábeis públicos municipais aos órganos de xestión da Residencia San Carlos xunto a imprescindíbel achega económica de 72.000 euros solicitada polo Padroado e rexistrada no Concello de Celanova desde o 11 de novembro.

Desafortunadamente, mais alá do caso de covid19 que pode espertar a alarma –a dirección da Residencia advirte que se trata dunha traballadora que estaba de baixa e non acudía o centro desde hai 13 días, polo que os protocolos se manteñen e non aumentou o risco de contaxio no centro–, na Residencia San Carlos segue sen haber reforzo material e humano para atender ás usuarias nuns momentos de novo críticos como advirten os números desta terceira onda da pandemia (47 casos a día de hoxe no termo municipal). O BNG considera que todos os grupos políticos da corporación teñen moito que dicir e moito que achegar para facer fronte esta situación e que aínda estamos a tempo, mais o tempo pasa e estase vendo que o ten custes de vidas e perda de saúde en sectores moi débiles.

O BNG presentou unha moción para 1) que o Alcalde se incorpore ao Padroado, dereito adquirido en favor da Alcaldía na doazón inicial de hai máis dun século, que asumiron todos os rexedores; 2) que o pleno acorde conceder a subvención de 72.000 € á Residencia, que é o impacto que os xestores do centro calcularon que tivo a covid19 nas contas de 2020; e 3) para que o pleno sinale á concelleira ou concelleiro que se incorporará ao órgano reitor da Residencia.

Como fixo en novembro, antes do último pleno, o BNG ofrece aos grupos concretar un apoio previo á sesión da semana que vén. As nacionalistas consideran que o camiño marcado en setembro para que o Concello de Celanova bote unha man na Residencia e asumido polo Padroado no escrito rexistrado o 11 de novembro en nada se viu alterado polas dúbidas manifestadas despois por responsábeis sobre o tempo que levarán os trámites estatutarios para dar entrada á representantes das familias e políticos.O BNG lamenta que a estas alturas, 120 días despois de alcanzado un consenso unánime que permitiría cambiar a rumbo da xestión e asentar melloras na atención ás usuarias e usuarios da Residencia San Carlos, a falta de vontade política sega a impedir os avances precisos. O Alcalde está na obriga, ética e democrática, de cumprir un acordo no que el e todo o seu goberno se comprometeron diante da veciñanza.   

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------