Manuel Baltar na Convención Nacional do Partido Popular

“Este é o momento dos retos: o récord histórico nunhas municipais e a primeira lexislatura de Pablo Casado”

Na súa intervención ante o plenario, o presidente do PP de Ourense reivindicou que “as provincias existen e non son só circunscricións electorais”, algo que para o líder dos populares ourensáns o PP ten moi claro ao converterse “na única formación de España cunha secretaría de política provincial”

AVANTAR ACTIVIDADES

“Este é o momento dos retos: conseguir o récord histórico nunhas municipais e lograr a primeira lexislatura, que seguro serán moitas, de Pablo Casado” dixo hoxe o presidente do Partido Popular de Ourense, Manuel Baltar, #ante o plenario da Convención Nacional que o PP celebra no Auditorio das Artes e as Ciencias de Valencia.

Durante a súa intervención na mesa titulada “O partido das persoas”, Manuel Baltar chamou a atención de todos os presentes reivindicando que “as provincias existen e non son só circunscricións electorais”, algo que para o líder dos populares ourensáns o PP ten moi claro ao converterse “na única formación de España cunha secretaría de política provincial”.

“Son o máis novato de todo o partido, con só seis días como presidente”, chanceou Baltar para significar que aínda non pasou unha semana do seu nomeamento como presidente do PP de Ourense no congreso provincial do 26 de setembro. “E antes tamén o era, pero esquecinme daquela etapa e dos resultados históricos alcanzados nunhas xerais, unhas municipais e europeas”.

Agora, afirmou, “estamos noutra dinámica, coa mirada posta no 28 de maio de 2023 cando arrasemos nas municipais, a nai de todas as eleccións, e obteñamos outro récord”, lembrando así o obxectivo que se propuxo para o novo mandato á fronte do PP de Ourense que non é outro que alcanzar a alcaldía nos 92 municipios da provincia e a maioría absoluta na Deputación.

Manuel Baltar encabeza a delegación ourensá que, integrada por 30 persoas, representa á provincia de Ourense no peche da convención itinerante do PP nacional, que baixo o lema “Creemos” recala esta fin de semana en Valencia tras unha xira que comezou o pasado luns en Santiago de Compostela e que tamén tivo como escenarios as cidades de Valladolid, Madrid, Sevilla e Cartagena.