Ribadavia celebra ‘O Malgosto’ este sábado con música, pulpo e moita troula na Madalena

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A Asociación Arteficial, en colaboración co Concello de Ribadavia, presenta a segunda edición do seu particular Malgosto, “O magosto que sae mal”. Este evento celebrarse ao longo do vindeiro sábado. día 30, entre as 13,00 e as 23,00 horas na Igrexa da Madalena, ubicada no barrio xudeo. Esta proposta nace en base a festas e tradicións galegas como as romarías, as verbenas e as foliadas, do concepto da esmorga ou a algueirada, que se identifican coa exaltación de moitos dos aspectos máis identitarios da nosa cultura, e que nos permitirán establecer procesos de socialización para recuperar a memoria colectiva dos barrios de Ribadavia, facendo especial fincapé no barrio da Madalena e, en xeral, do seu Conxunto Histórico, declarado BIC no ano 1947. Nesta celebración da tradición galega organizada por Arteficial, que busca fusionar tradición e modernidade para conectar a herdanza cultural cun enfoque actual, respectando e valorando o pasado como fundamento para proxectarse cara o futuro, haberá diferentes actividades e propostas para pasar unha xornada chea de diversión, música, comida e ledicia.

O evento contará con varios espazos de música, como unha foliada, unha picada de música galega, pandereteiras ou cantos de taberna ao longo de todo o día. Pero os concertos e a música non será o único que conforme o programa do Malgosto, xa que tamén se desenvolverá un obradoiro de baile tradicional ou un sorteo de rifas no que se poderán gañar productos de proximidade de comerciantes do Ribeiro. Neste sorteo participan Adega Mauro Estévez, Brétemas, Carnes do Ribeiro, Confitería Conde, Farmacia Lameiras, Floravia, Mafranch, Naturavia, Prol e Hijos, SON Estrella Galicia, Tear dos Dodi, Termas de Prexigueiro e Viña Costeira En canto á comida, contarase cunha pulpeira pola mañán, xunto coa barra da organización que contará con bebidas e tamén con comida.

O apartado musical contará coa presenza das DJs Maruxa e Coralia e Les Canes do Pozo, mentres na foliada participarán as pandereteiras de Fuscalla e o grupo Malas Herbas. A xornada comezará cunha primeira sesión vermú cunha picada de música disco-funk e outras propostas do programa, que se alongará ata despois de comer, cando comece a segunda sesión do día máis enfocada na foliada e o baile. Rematarase cun concerto no local La Huella del Gato, ubicado na Praza Maior cunha picada por parte dalgúns integrantes da organización.