O concello de Piñor organiza unha xornada de actividades polo 8M

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Piñor informa da realización da actividade “ENREDOS POLA IGUALDADE 2024”, con motivo do vindeiro 8M, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O tema da igualdade de xénero e a loita por acadar esa igualdade efectiva e real entre mulleres e homes require dunha implicación por parte de tódalas administracións. Máis concretamente, a infancia e adolescencia son un colectivo co que hai que traballar o tema de forma prioritaria, así como coas nais e pais, pois se educamos en igualdade crearemos futuras persoas adultas responsables e respetuosas. Dende o Concello de Piñor son moitas as iniciativas que, ó longo do ano, se levan a cabo neste eido, tanto actividades directamente destinadas ó tema da igualdade como iniciativas de tipo transversal, tratando de incluir o tema da igualdade en diversas actividades infantís de conciliación que se levan a cabo.

O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é precisamente un servizo que traballa directamente este tema, tanto coas familias usuarias como nas actividades comunitarias que leva a cabo. Dende devandito programa, financiado pola Consellería de Política Social e Xuventude e polo programa operativo FSE Galicia 2021-2027, levarase a cabo a actividade “ENREDOS POLA IGUALDADE 2024”, unha xornada de actividades vinculadas á temática da igualdade de xénero, onde nenos, nenas e tódolos membros da familia poderán desfrutar de xogos variados, sorteos e agasallos. Terá lugar o vindeiro domingo 10 de marzo de 16:00h a 19:00h na Praza do Arenteiro. Non obstante, no caso de choiva, as actividades trasladaranse ó Centro Social de Albarona. A programación será a seguinte:

  • “A Rúa da Liberdade”: Xogo de rol en vivo (espectáculo teatral interactivo) no que as familias participarán en equipo para resolver un problema na Vila da Igualdade.
  • “Olimpiadas de xogos en familia”: Unha tarde de xogos tradicionais en familia, con monitores/as que nos guiarán e con acompañamento musical para animar a xornada.
  • “Fotocall de igualdade”: As familias e cativos poderán levarse un recordó desta xornada, cun espazo Fotocall con elementos e mensaxes en prol da igualdade.
  • Sorteo de contos de igualdade e agasallos para nenos e nenas.

Animamos á poboación a asistir á actividade ENREDOS POLA IGUALDADE 2024, para pasar unha tarde en familia divertida, mentres fomentamos a igualdade de xénero entre os nosos nenos e nenas. Dende a organización, rógase puntualidade, para poder comezar ás 16:00h a actividade inicial.