A Secretaría de Memoria Democrática da Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense organiza un acto para conmemorar o 14 de abril (data da proclamación en 1931 da II República española), este sábado, na sala Valente, ás 11.30.
O fundador do PSOE, Pablo Iglesias Posse, afirmou no Parlamento en xaneiro de 1912: “No somos monárquicos porque no podemos serlo; quien aspira a suprimir al rey del taller, no pode admitir otro rey”. E neste senso, as e os socialistas lembran que en maio de 1978 o Congreso debateu sobre a forma de goberno dentro da elaboración da Constitución Española. Por aquel entón, o deputado Luis Gómez Llorente (1939-2012), como portavoz do grupo, foi o encargado de defender a República.
Falar de como se organizou o PSOE ourensán coa chegada da República, desde as principais demandas do movemento obreiro (traballo, ferrocarril, agrarismo, choques co comunismo) ata a xestión nas institucións de executivo local e provincial, así como como se ve o futuro son cuestións das que falarán o historiador Javier Quintas e a edil e secretaria xeral das XX.SS., Alba Iglesias, na charla que terá lugar esta fin de semana.
Tomarán tamén parte no acto Natalia González, secretaria xeral da CEM e portavoz do PSdeG no Concello, e Xosé Lois Carrión, responsable da Secretaría de Memoria.
Ademais, a Comisión Executiva Municipal participará na ofrenda floral que o propio 14 de abril organiza, ás 12.00 horas, a asociación Amigos da República no monumento ás vítimas do Franquismo levantado no cemiterio de San Francisco.