A Xunta adxudica por 333.000 € as obras de renovación do pavimento e de instalación dunha nova iluminación da ponte Esperela, no concello de Leiro

  • A intervención comezará na segunda quincena de maio e terá un prazo de 5 meses
  • As actuacións consistirán na desmontaxe e na reparación dos peitorís que o precisen
  • Disporase iluminación na calzada e nos alzados, así como na propia ponte
  • A intervención da Xunta enmárcase na colaboración coa entidade local, que asumirá a conservación e mantemento das instalacións de iluminación ao remate das obras

Santiago de Compostela, 18 de abril de 2024.- A Xunta adxudicou por 333.000€ as obras de instalación dunha nova iluminación da Ponte Esperela e a súa calzada, así como a renovación do pavimento deste tramo da estrada autonómica OU-209, ao paso polo concello de Leiro.

A intervención, adxudicada á empresa Construcciones y Montajes Eléctricos Santos-Hector, S.L., comezará a executarse na segunda quincena de maio e terá un prazo de 5 meses.

AVANTAR ACTIVIDADES

As actuacións comezarán pola desmontaxe e reparación dos peitorís que o precisen, previa a súa recolocación cunha ancoraxe mecánica á peza da cornixa, perfilado e nivelación.

Unha vez colocados e aliñados os peitorís, executarase un corte mínimo horizontal baixo a albardilla para aloxar as luminarias lineais e un ensanche das xuntas verticais polas que discorrerá o cableado para a alimentación da iluminación.

A continuación, procederase ao fresado do aglomerado da calzada e posterior escavación das gabias lonxitudinais e transversais para afastar as canalizacións do subministro eléctrico e das arquetas. As gabias reporanse con formigón armado que sirva de base para o aglomerado en quente final que se acometerá na estrada.

Nas marxes da vía disporanse canles de recollida de pluviais que se executarán en granito e que se conectarán puntualmente coas gárgolas das cornixas. Colocaranse lousas de granito transversalmente para aloxar as arquetas para as caixas de derivación estancas que coincidirán coas pilas da ponte.

O aglomerado da ponte, entre xuntas de lousas de granito de 50 centímetros de ancho, terá un acabado pulido. O acabado dos dous treitos coincidentes cos muros de acompañamento é o do aglomerado en quente. As xuntas entre os distintos pavimentos resolveranse cunha chapa de aceiro galvanizado de 1 cm de grosor.

Alumeado público

Baixo este contrato inclúense as actuacións para dotar á contorna de alumeado público. Neste caso, o adxudicatario deberá, primeiramente, proceder á execución da acometida e colocación dun cadro de mando nun poste de formigón da rede existente e despois levará a cabo a execución das gabias para as canalizacións. Os tubos irán protexidos con formigón onde haxa tráfico rodado e executarase a subministración aos báculos cos proxectores para a iluminación da estrada na marxe dereita do río e dos alzados e os bañadores de parede do muro de acompañamento.

A canalización protexerase cunha protección aérea-subterránea de cobre polo muro de cantaría ata a ponte.

Unha vez finalizadas as obras, a entidade local comprométese a asumir a conservación e mantemento das instalacións de iluminación.