O día once deste mes celebrouse no Casino do Carballiño a xuntanza prevista das Asociacións Culturais da vila do Carballiño coa participación de Tiruleque Grupo de Teatro, Dartrela, Cineclube Carballiño, Tradicións e Buscas Feira Pepa Loba, Agrupación Fotográfica Potiños, Anacos de Lecer e a Agrupación Cultural Avantar.
Entre varios temas tratados sobre as actividades dos distintos membros, así como no que atinxe ao calendario cultural da vila do Carballiño nos vindeiros meses, acordouse:
- Ter unha nova xuntanza co concelleiro de cultura do Carballiño, don Diego Fernández, o xoves, día 9 de Maio, coa fin de expoñerlle, entre outras, as seguintes cuestións:
- Interesarse pola contía do orzamento dedicado á cultura neste ano e, en calquera caso, instarlle a que se proceda a un notable aumento deste orzamento.
- Estimando que a contía das subvencións competitivas é excesivamente baixo, polo que escasamente alcanza a cubrir os gastos das actividades que as entidades culturais afrontan durante o ano, se proceda a aumentar a contía destas subvencións.
- Que se habilite o necesario sistema para que as entidades culturais do Carballiño teñan a capacidade de acceder á páxina web do concello, e posibilitar que as devanditas entidades envíen noticias das súas actividades, de tal xeito que se teña unha programación actualizada e que, estando tales novas ao alcance de todas as entidades, as amentadas actividades non se sobrepoñan e se poida amañar unha programación organizada.
- Expoñer a situación da infra-utilización da chamada Casa Sindical, para que as entidades culturais dispoñan de locais nese edificio para organizar as súas actividades.