EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Na sociedade galega, a proporción de persoas dependentes é cada vez maior e diversos indicadores sinalan un déficit de recursos de atención á dependencia nos distintos graos da mesma, sendo moitas persoas as que agardan polo servizo de axuda no fogar, unha praza nun centro de día ou nunha residencia xeriátrica. No caso de Ribadavia a maior carencia débese á inexistencia dun centro de día. Varios concellos da comarca do Ribeiro con poboación moito menor dispoñen hoxe en día do servizo e en 2009 o goberno da Xunta na súa investidura anunciaba a creación dun centro de día en todos os concellos de máis de 1.500 habitantes.
Ademais, un centro de día público favorece a permanencia das persoas maiores no seu propio fogar o maior tempo posible e reduce un dos seus maiores problemas: a soidade non desexada, mellorando así a súa calidade de vida.
Compre sinalar tamén a existencia no noso concello de varios edificios públicos que se atopan pechados ou infrautilizados e que poden ser postos a disposición da Xunta de Galiza para prestar o servizo de centro de día, aproveitando o patrimonio público e contribuíndo a esta mellora dos servizos de atención á dependencia máis que necesaria.
Xa que logo, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción dos seguintes
ACORDOS
1. Demandar da Consellería de Política Social a dotación dun centro de día público no concello de Ribadavia.
2. Por a disposición da Consellería de Política Social os inmobles municipais non utilizados actualmente e aptos para ser acondicionados como centro de día.