A Agrupación Provincial de Libreiros de Ourense continúa con actividades encamiñadas á difusión e impulso da lectura, e tras a celebración o pasado mes de abril do Día do Libro, ten xa organizada unha nova promoción con motivo do Día das Letras Galegas, que desenvolverá durante todo a semana.
Nesta ocasión, o obxectivo é fomentar a compra de libros en galego e para iso, os que sexan adquiridos entre o 13 e 18 de maio nas librerías asociadas entrarán nun sorteo dunha estancia para dúas persoas no establecemento Miradores do Sil, en Cristosende, no corazón da Ribeira Sacra.
A participación será moi sinxela, os clientes deixarán os seus datos de contacto no propio ticket do establecemento no que adquira o libro, e o día 23 de maio celebrarase na Confederación Empresarial o sorteo con todas as papeletas participantes.
Por outra banda, o 16 de maio, as librerías que así o desexen poden aplicar na compra de libros en lingua galega o tradicional desconto do 10% co que os libreiros e libreiras agasallan á súa clientela en datas sinaladas como esta.