A pasada semana facíanse públicos na páxina1 do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico os Resumos Executivos dos proxectos eólicos XUBRINTAS (61,95 MW) e ALAMOCEIROS (68,49 MW), os cales se compoñen por 15 e 18 aeroxeradores respectivamente, ademais de varias subestacións e quilómetros de viais así como liñas de alta tensión. O parque eólico XUBRINTAS afecta especialmente ás parroquias de Sabucedo, Codeseda e Souto no concello da Estrada e á parroquia de Quireza en Cerdedo-Cotobade, mentres que ALAMOCEIROS se estende pola meirande parte do concello de Campo Lameiro e por boa parte do concello de CerdedoCotobade. Nesta documentación tamén se fai referencia á próxima tramitación do parque eólico CHAMARRAPIO, que se sitúa no mesmo contexto territorial. Este macrocomplexo eólico está promovido polo grupo empresarial ATITLÁN HELIOS a través das subempresas DAKOTARAPTOR INVEST, S.L, FUKUIRAPTOR INVEST, S.L. e GALVEOSAUROS INVEST, S.L., e en colaboración con DRIZAINCOSA.
Tanto XUBRINTAS como ALAMOCEIROS comezaron a fase de determinación de afección
ambiental, prevista na tramitación estatal ao abeiro das modificacións sufridas na lexislación tras o RDL 6/2022, modificado polo 11/2022 e o 20/2022, na cal se determinará se deben ou non deben someterse Ley 21/2013, de 9 de diciembre, de evaluación ambiental.
Tras a análise da documentación exposta e a magnitude deste macrocomplexo eólico, do que aínda só coñecemos unha parte, faise patente un grande impacto sobre o medioambiente, o patrimonio cultural e sobre a saúde e calidade de vida da veciñanza dos concellos de CerdedoCotobade, Campo Lameiro e A Estrada.
Á vista desta preocupante situación, a Asociación Veciñal Sociocultural Ambiental Alarma na Terra de Montes, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación Eido do Cervo, a Asociación Cultural e Informativa da Biodiversidade das Aldeas A.C.I.B.A.L. e o Colectivo do Vento, SOLICITA UNHA REUNIÓN URXENTE cos alcaldes dos concellos de Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro e A Estrada.