“Uniu a literatura e a música cun fin reivindicativo e de compromiso. E sempre se mantivo vencellada ás necesidades da sociedade galega da súa época”, sinalou Natalia González, secretaria xeral do PSdeG na cidade no acto que tivo lugar na Biblioteca Nós ás 19.00 horas
Cristina Cruz, secretaria de Educación da CEM, incidiu en que se trata dunha artista que “merece este recoñecemento con creces, xa que é moi doado, unha vez que nos aproximamos a súa escrita, encariñarnos coa sensibilidade e a paixón que percorren os seus versos”
A Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense organizou un acto na Bilioteca Nós para conmemorar á escritora á que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas. Un acto que contou coa intervención de Natalia González, secretaria xeral do partido na cidade; Cristina Cruz, secretaria de Educación da CEM; Margarida Pizcueta, secretaria da Lingua da CENG; e Xoán Carlos Domínguez, escritor e poeta.
A seceretaria xeral dos e das socialistas introduciu a mesa redonda destacando a importancia de poñer no centro as obras e traballo dunha muller que quixo dar voz a outras mulleres e que tan só é a sexta, fronte a 58 homes, que recibe este recoñecemento. “Uniu a literatura e a música cun fin reivindicativo e de compromiso. E sempre se mantivo vencellada ás necesidades da sociedade galega da súa época”, sinalou sobre a profesora de Lingua e Literatura Galega en centros de ensinanza secundaria públicos.
Pola súa banda, Cristina Cruz quixo facer súas as palabras de Víctor Fernández Freixanes, presidente da RAG, cando afirmou sobre o galego que “é a única lingua ou literatura que ten como primeira bandeira a unha muller, a Rosalía de Castro”. E expresou que Luísa Villalta é unha artista que “merece este recoñecemento con creces, xa que é moi doado, unha vez que nos aproximamos a súa escrita, encariñarnos coa sensibilidade e a paixón que percorren os seus versos”.
Así mesmo, afirmou que o da homenaxeada é un “nome que evoca poesía, música, ensaio, activismo, dramaturxia e docencia” e agradeceu aos asistentes a súa presenza lembrando que, malia todo, “Ourense é cultura, é memoria e é dignidade”.
Margarida Pizcueta comezou a súa intervención facendo unha semblanza de Villalta e subliñou a preocupante situación na que se atopa a nosa lingua. “Luísa é e será un magnifico exemplo para as nenas e as mulleres que queremos cambiar este mundo, esta sociedade, e non se pode nin se debe celebrar o Día das Letras Galegas sen falar da situación do galego, porque este é un día para celebrar, pero tamén para vindicar”, expuxo na biblioteca.
“Ás mulleres e á lingua quédanos moita loita. Eu, como muller e como galega orgullosa de selo, tento a cada paso que dou abrir camiño para as que virán detrás. Ese é o meu compromiso co feminismo e co idioma”, incidiu a actual secretaria da Lingua da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.
Por último, o poeta e escritor Xoan Carlos Domínguez, salientou a figura “anticonvencional, selecta e comprometida” da autora coa que, ademais, comparte a similitude de ter estudado Filoloxía. E debuxou ao público algunhas das claves da súa obra, como a orixinalidade, a interrelación entre a música e a palabra, a identidade con Galicia, a irmandade con Portugal ou o compromiso cívico que sempre adquiriu.
O broche final correu a cargo do grupo de música tradicional Ergutio, na Praza da II República, onde interpretaron varios temas.