● A actuación consistirá na plantación de 25 unidades de Aligustre e 688 surfinias nos diferentes maceteiros e xardineiras existentes nas rúas da vila de Ribadavia.
Ribadavia, 21 de maio de 2024.- O concello de Ribadavia vai proceder á reposición das plantas dos maceteiros e xardineiras existentes nas rúas de Ribadavia. Esta actuación, que consistirá na plantación de 25 unidades de Aligustre e 688 unidades de surfinias, será levada a cabo por un centro especial de emprego sen ánimo de lucro, concretamente, será a empresa Dixardin, un dos socios de CEGASAL, a encargada de levar a cabo a reposición das plantas.
Con esta actuación preténdese mellorar a imaxe das rúas de Ribadavia de cara á temporada estival e, ao mesmo tempo, o Concello de Ribadavia implícase de xeito directo na colaboración con empresas de economía social, impulsando a responsabilidade social corporativa da institución municipal.
A empresa Dixardín será a encargada de levar acabo esta actuación. Trátase dunha empresa de xardinería que forma parte dos asociados de GEGASAL que é unha organización empresarial sen ánimo de lucro de carácter multisectorial que se constitúe en 1997 como entidade de referencia, defensa, promoción e representación das iniciativas empresariais sen ánimo de lucro de Economía Social, como son os Centros Especiais de Emprego cuxo obxectivo é fomentar o emprego de calidade das persoas con discapacidade e persoas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia.
O alcalde de Ribadavia sinalou que “con esta actuación o concello de Ribadavia consegue un dobre obxectivo, dunha banda mellorar a imaxe das nosas rúas de cara ao verán, unha época na que a afluencia de visitantes a Ribadavia medra exponencialmente e, doutra banda, con esta actuación reforzamos o compromiso do concello de Ribadavia co terceiro sector, o sector da economía social.”
César Fernández adiantou que “neste mandato queremos que o Concello de Ribadavia se converta nun referente da economía social na provincia de Ourense e, para iso, faremos unha forte aposta por traballar con empresas do terceiro sector sen ánimo de lucro, xa que cremos firmemente na filosofía dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro e entendemos que as administracións públicas e, neste caso os concellos, temos que poñer todos os nosos medios para a loita contra as desigualdades e camiñar cara unha sociedade na que a igualdade real de oportunidades sexa o alicerce sobre o que construir a convivencia.”
O alcalde afirmou que “esta aposta do Concello de Ribadavia por implicarse de cheo no impulso da economía social foi moi ben acollida polos representantes de ese sector e, por iso, no pasado mes de febreiro fun convidado pola Asociación de Centros Especiais de Emprego Sen Ánimo de Lucro (GEGASAL) e a Asociación Galega de Empresas de Inserción Social (AIEGA), a participar nunha mesa redonda sobre a economía social nas entidades locais xunto cos alcaldes de Ames, Carballo, Sada e o director xeral de emprendemento do Concello de Santiago de Compostela. Nestas xornadas intercambiamos opinións e experiencias sobre o compromiso social corporativo e a aposta que deben facer os concellos pola economía social.”