O concello de Ribadavia encarga á empresa Dixardín a reposición de xardineiras e plantas. Trátase dunha empresa que forma parte dunha organización empresarial sen ánimo de lucro de carácter multisectorial cuxo obxectivo é fomentar o emprego de calidade das persoas con discapacidade e persoas en situación de risco de exclusión social e a súa inclusión na actividade económica, social e empresarial de Galicia.
Con esta actuación o concello de Ribadavia consegue un dobre obxectivo, dunha banda mellorar a imaxe das rúas de cara ao verán e, doutra banda, reforzar o compromiso do concello co terceiro sector, o sector da economía social.