A Xunta de Galicia avanza na tramitación do proxecto de decreto de aprobación do Plan de xestión do monumento natural Serra de Pena Corneira ao elevalo ante o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible para a súa consideración.
O plan de xestión busca protexer a xeomorfoloxía única deste espazo e a biodiversidade existente na súa contorna compatibilizándoo co seu uso público, facéndoo accesible para o conxunto da poboación.
A súa finalidade é identificar os valores a protexer, os posibles riscos, as normas de uso de aproveitamento do solo e dos recursos naturais así como as relativas ao uso público deste monumento natural. De feito, a primeira das dúas liñas estratéxicas do plan céntrase na mellora e restablecemento do estado de conservación dos valores xeomorfolóxicos, da paisaxe, dos hábitats e especies deste espazo, apostando por accións de conservación. Mentres, a segunda incide no aproveitamento sostible do monte, no uso público e na difusión dos valores deste espazo. O proxecto será elevado nas próximas semanas ao Consello da Xunta para a súa aprobación.