- O Concello recibe unha subvención de 225.000 euros por parte do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana, que se complementa con 70.000 euros extras de fondos propios para levar a cabo a mellora do antigo grupo escolar
- “O esforzo urbanístico e orzamentario levado a cabo polo Concello de Maside, xunto co traballo do Goberno de España, son a demostración da aposta clara que teñen ambas institucións por recuperar e dotar aos veciños e veciñas dun edificio sustentable en eficiencia enerxética e novos equipamentos”, afirmou Eladio Santos
Ourense, 26 de xuño de 2024.- O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, visitou hoxe Maside para pór en valor a importancia que ten para os municipios o programa PIREP de axuda ao acondicionamento e mellora da eficiencia enerxética en edificios públicos. O máximo responsable do Goberno na provincia destacou o investimento de 225.000 euros que se levará a cabo no antigo grupo escolar do municipio e que conta cunha subvención do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
Eladio Santos estivo acompañado polo alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, que aproveitou para destacar a modificación de crédito realizada polo Concello para achegar 70.000 euros máis ao proxecto, que permitirán mellorar as carpintarías, aumentar o illamento térmico e instalar un sistema de calefacción a través dunha caldeira de pellets. O subdelegado do Goberno apuntou neste senso a importancia que ten que “Goberno e municipios vaian da man á hora de afrontar investimentos deste tipo”.
“O esforzo urbanístico e orzamentario levado a cabo polo concello de Maside, xunto co traballo do Goberno de España, son a demostración da aposta clara que teñen ambas institucións por recuperar e dotar aos veciños e veciñas dun edificio sustentable en eficiencia enerxética e novos equipamentos”, afirmou Eladio Santos. Tamén apuntou que esta “é unha oportunidade única para que os concellos do rural aproveiten estes fondos e melloren as súas instalacións para prestar un mellor servizo á cidadanía”.
Ademais, o subdelegado quixo pór o foco na aposta do Goberno polo municipalismo, con investimentos que “permiten acondicionar e mellorar a eficiencia enerxética de edificios públicos grazas ao programa PIREP local, encadrado no Plan de Recuperación”. Un programa de impulso á rehabilitación de edificios públicos das comunidades autónomas e dos concellos do que en Galicia xa se benefician 33 municipios, incluído Maside.
O proxecto de rehabilitación e mellora enerxética do antigo grupo escolar de Maside tamén contempla a instalación dunha bancada retráctil, co obxectivo de empregala nun futuro como un auditorio polivalente, que dea servizo aos veciños e veciñas.