Comezan no Carballiño os campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade da Xunta de Galicia

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, un dos centros nos que se desenvolve o programa

Na edición deste ano ofértanse 250 prazas repartidas entre as dúas Residencias de Tempo Libre da Xunta, no Carballiño e Panxón (Nigrán), e no albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo)

O Carballiño (Ourense), 13 de xullo de 2024.- A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, visitou hoxe a Residencia de Tempo Libre do Carballiño, coincidindo co inicio dos campamentos de verán específicos para persoas con discapacidade. O primeiro grupo que chega ao Carballiño está formado por nenos de entre 11 e 14 anos e estarán no centro 10 días, desde esta tarde ata o 22 de xullo. O campamento chámase ‘Aventura na natureza’, e hai catro quendas para diferentes idades.

Na edición deste ano ofértanse 250 prazas repartidas entre as dúas Residencias de Tempo Libre da Xunta, a do Carballiño e a de Panxon (Nigrán), e o albergue xuvenil de Gandarío (Bergondo). Este programa está destinado a persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33% e con idades comprendidas entre os 11 e os 50. Os campamentos desenvolveranse ata setembro nun total de 15 quendas de 10 días de duración. O obxectivo destes campamentos é ofrecer alternativas de ocio accesible para todos.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Ademais do aloxamento en réxime de pensión completa, realizaranse actividades dirixidas ao fomento de habilidades sociais, ao contacto coa natureza, ao coñecemento da nosa cultura ou á educación para a saúde. O equipo ao fronte dos campamentos estará formado por especialistas nos ámbitos educativo, sanitario, psicolóxico e terapéutico para que os participantes teñan todo o apoio que necesitan e desfruten ao máximo da estadía. Así mesmo, a Xunta continúa a reforzar a accesibilidade co uso de pictogramas e novas aplicacións tecnolóxicas para persoas con discapacidade.

Con este programa, o Goberno galego ofrece ás persoas con discapacidade os recursos que precisan para desfrutar do verán e incide no benestar das familias, que teñen a tranquilidade de que os seus achegados están ben atendidos mentres elas poden tomarse un respiro e descansar dos seus coidados.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------