O subdelegado do Goberno presenta a campaña #NonCamiñasSoa, dirixida a reforzar a protección das mulleres que fan o Camiño de Santiago

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • Esta campaña ofrece ás mulleres peregrinas información de emerxencias e dos recursos das Forzas e Corpos de Seguridade ao seu alcance, facilitándoa de xeito accesible en albergues, oficinas de turismo, dependencias da Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local, centros de saúde, farmacias e hospitais
  • O subdelegado destacou que “as mulleres representan xa o 53% das persoas que fan o camiño, máis de 230.000 mulleres fixérono no último ano, e non dubidan en realizalo en moitas das ocasións sen compañía”
  • Eladio Santos lembrou os máis de 82 millóns de euros investidos polo Goberno central en Galicia desde o 2018 en accións de prevención e loita contra a violencia machista

Vilamartín de Valdeorras, 12 de xullo de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, presentou esta mañá en Vilamartín de Valdeorras a campaña “Non Camiñas Soa: Camiño de Santiago libre de violencias machistas”, dirixida a reforzar a protección das mulleres que realizan a Ruta Xacobea.

Deseñada polas Unidades de Coordinación contra a Violencia sobre a Muller das Delegacións do Goberno en Galicia, Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Estremadura (comunidades polas que transcorren algúns dos Camiños), esta campaña ofrece ás mulleres peregrinas toda a información de emerxencias e dos recursos das Forzas e Corpos de Seguridade aos que poden acudir nos diferentes roteiros que percorren Galicia ata chegar a Santiago. Información que está accesible en albergues, oficinas de turismo, dependencias da Policía Nacional, Garda Civil e Policía Local, centros de saúde, farmacias e hospitais públicos.

#NonCamiñasSoa componse de carteis e tarxetas que informan do teléfono de atención a todas as formas de violencia contra as mulleres (016), Emerxencias (112), Forzas e Corpos de Seguridade do Estado: Garda Civil (062) e Policía Nacional (091), así como da difusión da aplicación móbil Alertcops, que permite a posibilidade de fixar localizacións e activar alertas en caso de emerxencia.

Ademais, anualmente, as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado levan a cabo un plan específico de seguridade para garantir a protección das persoas que realizan o Camiño de Santiago. Como consecuencia, #NonCamiñasSoa complementa o Plan de Seguridade Xacobeo e a campaña de comunicación da Garda Civil “Gardas do Camiño”, que consiste na distribución de carteis con consellos de seguridade en varios idiomas en distintos puntos do Camiño de Santiago.

A todo isto, engádese a patrulla de Seguridade Cidadá da Garda Civil a cabalo, o autobús de denuncias móbiles e medios aéreos (como helicópteros e drons) de vixilancia dos distintos percorridos.

230.000 mulleres fixeron o Camiño no 2023

Durante a presentación de #NonCamiñasSoa, o subdelegado do Goberno lembrou que “as mulleres están a ser as protagonistas destas sendas de peregrinación e ano tras ano a súa presenza vai a máis. Representan xa o 53% das persoas que fan o Camiño, máis de 230.000 fixérono no último ano, e non dubidan en realizalo en moitas ocasións sen compañía”. Así mesmo, sinalou que “este é un Goberno igualitario e feminista, comprometido coa promoción dos dereitos da muller e a salvagarda da súa seguridade”. Así o demostran os máis de 82 millóns de euros investidos en Galicia desde o 2018 en accións de prevención e loita contra a violencia machista. Deles, máis de 73 millóns foron transferidos á Xunta para financiar as súas accións nesta materia.

Para a presentación desta iniciativa, que tivo lugar no paseo fluvial do Bañadoiro, en Vilamartín de Valdeorras, Eladio Santos estivo acompañado do alcalde do municipio, Enrique Álvarez; da presidenta da Asociación de Amigos do Camiño de Inverno, Asunción Arias; do comandante da Garda Civil, José Benito Fdez. Santamarina; e da xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación, Alida Iglesias.